Sakineh - 05.10.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Sakineh Mohammadi Ashtianí é unha muller con nome propio, para salvar das gadoupas asasinas do réxime totalitario e xenocida de Irán. Atópase en varios patíbulos: dos douscentos lategazos, a morrer dilapidada, a ser degolada e, tamén, aforcada. Un proceso macabro que se cerne ante unha persoa acusada, primeiro de infidelidade co seu marido, despois de rameira pública e convicta e, por último, de asasinato. Que pretende o réxime dos aiatolás con este vil proceso, suculentamente desapiadado que esvara de calquera raciocinio e de calquera mente desequilibrada? Simplemente atormentar e meter medo nese amplo movemento de mulleres iranianas, cada vez máis sensibilizadas polos seus dereitos e contra os vilipendios que se lles fai permanentemente en nome de Alá.

Se revisamos as suras coránicas, non se contempla en ningunha delas esa magnitude con que os que señorean Irán pretenden culpar unha inocente para aterrorizar as demais mulleres, co fin de non perder o status e o patrimonio machista predominante, ante unha realidade que a todas luces evidencia un descontento e un cambio espectacular na mentalidade das mulleres iranís e de tantas outras dos países árabes.

Todo ese espectáculo tan repugnante como horroroso de perseguir, condenar e dilapidar a supostas mulleres adúlteras, vulnera o máis elemental dos dereitos da persoa e, neste caso, a liberdade plena da muller de decidir e actuar en pé de igualdade co home e en función de seu libre albedrío. Claro que isto é impensábel nun mundo pechado en si mesmo, onde a pirámide autoritaria do machismo funciona dunha maneira omnímoda e descerebrada.

Moitos quixeramos que Sakineh non fose un símbolo de tales circunstancias, mesmo no patíbulo da lapidación e xunto con outras mulleres acusadas de adúlteras. Sakineh pode que culmine a feroz acusación que os magnates da República Islámica de Irán pretenden atemorizar millóns de mulleres que no seu silencio flamexan liberdade para realizarse como seres humanos indispensábeis e culminar seus designios sen atrancos.

Estamos ante unha espectacular vergoña que conmove a toda a civilización, que transcende alén das normas do Corán, da cultura árabe e, tamén, da benevolencia musulmá. Un caso nitidamente político que impón silencio en moi diversos estamentos femininos. Unha apoloxía para distraer a sociedade iraní en xeral, dos problemas mais transcendentes polos que pasa o país. Pero a muller en Irán ten e pasa por moitas transcendencias que se lle intenta amagar con humillacións.

Ninguén sabe o que pensan e coidan os magnates deste mundo globalizado ante este nome de muller, tan propio e tan noso para non esquecer: Sakineh Mohammadi Ashtianí, no elo das lapidacións do seu país, de Nixeria, Arabia Saudí, Afganistán, Sudán, etc., non poñan veto de intereses económicos ou ruptura de relacións con esas políticas que envilecen e secuestran conciencias que desexan emanciparse dentro da súa cultura e da súa relixión.

Nestas circunstancias non vale deitar un berro no ar, orquestrar unha protesta, arengar os Dereitos Humanos, cando no fondo a hipocrisía é outra das dilapidacións con que o mundo capitalista tenta ocultar os seus múltiples cinismos. Que gobernos teñen chamado a capítulo a eses réximes que practican estes asasinatos de persoas inocentes? Non basta cunha protesta, cunha alegación de descontento, cunha encomenda. A clave está que desde un goberno se tente romper relacións cos países que practican tales depredacións e xenocidios. Pero Irán ten petróleo e Nixeria tamén...

Sakineh, é entendida e percibida por unha enorme multitude con vontade de enaltecer a vida, por enriba de calquera cuestión, en plena liberdade persoal e de relacións. Desde agora, Sakineh é un nome propio e un cántico á vida..