Camiño Noia, na tradición do conto oral - 12.10.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A profesora Camiño Noia Campos acaba de publicar na Universidade de Vigo (Servizo de Publicacións), onde exerce docencia, o Catálogo Tipolóxico do Conto Galego de Tradición Oral (Clasificación, Antoloxía e Bibliografía). Un libro que nos aclara rotundamente o esforzo e a investimento de tempo investigando sobre a oralidade do conto en tódalas xeografías falantes de Galiza e alén de seus lindes. As máis de mil páxinas deste libro proclaman a ousadía da autora en inventariar e clasificar, nunha orde temática, algo tan importante como a oralidade do conto, tan precisa en variadas connotacións da saborosa inventiva popular, exercida durante séculos e acumulando o frescor iniciático en preponderar e protexer realidades e ficcións.

Alén do excelente traballo de investigación de Camiño Noia, está o volume froito dun proxecto de magna e dinámica traxectoria que ela asumiu. Non é fácil definir un trazado de investigación sen a presenza da autora en cada lugar e en pescuda permanente con múltiples persoas capaces de perpetuarse no legado da tradición oral do conto. Camiño sentiu a necesidade de recoller ese legado e botouse á conquista e adquisición deste e articulou un volume histórico, onde os seus contidos teñen parámetros que nos levan ao campo da socioloxía, da etnoloxía e da antropoloxía. Sobre todo á autenticidade sobranceira do ser inventivo e intérprete de realidades supostamente sucedidas. A precisión dos contos inventariados neste Catálogo suscitan un grande interese de reflexión sobre o ego creador, sustentado por múltiples realidades e circunstancias que teñen un valor pedagóxico que contribúe a indagar sobre o ser e o estar nunha realidade social determinada como é a que se circunscribe en Galiza.

Nestes contos, en seus diversos nexos, podemos identificar a psique galega harmonizando todo ese universo de contextos e contribuíndo a revelarnos a interiorización das cousas utilizábeis por ese individuo ou colectivo que se enmarca nunha tradición e, sobre todo, nunha necesidade de expresar realidades, de manifestar e interpretar magnitudes non dixeríbeis noutras circunstancias a non ser vehiculadas polo conto. Así, como vemos neste libro, o conto oral galego tivo unha dimensión moi concreta baseada en realidades que se deron e aconteceron en moi diversos contextos da vida labrega, maiormente.

A orixinalidade argumental con que foi articulada esta literatura oral, toma un rango superior ao que se ten dito e admitido dela, colocándoa nunha escala moi inferior do que merecía estar. É tempo que o noso conto oral tome o rango que merece e estea no lugar altivo do que posibelmente foi desposuído. E disto é consciente a profesora Camiño Noia, ao integrarse con forza e celo na súa recuperación. Quen lea este libro, atoparase con tamañas sorpresas para reflexionar sobre o ser identitario galego, capaz de non eludir problemas, senón darlles solucións con sabedoría metafórica; solucións argumentadas que por inxenuas que nos parezan aí están consabidas conclusións, respondendo a temas moi concretos do que concerne a nivel individual como colectivo.

Alfonso Campos, ese dinamizador e buscador de lendas e contos orais polas súas terras de Sober e noutros espazos da Ribeira Sacra, teima que servidor non cre nas lendas orais e a nosa discusión, desde o meu lado historiográfico, pode que en certas circunstancias non se admitan certos recursos orais ou hipotéticos, para ir ao fondo dunha cuestión de rango histórico. O que é innegábel é que as lendas e mais os contos orais están nutridos de realidades, moitas veces neutralizados por versións diversas. Mais hai un fío polo que hai que afondar na busca. E neste libro hai condutos suficientes para descubrilos e descubrirnos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras