A explotación dos mineiros de Chile - 19.10.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
"Ojalá que esto no vuelva a suceder". Palabras do mineiro Luis Urzúa, o último rescatado da mina San José, ditas ao presidente Sebastián Piñera. Seguro que o mandatario captou o amplo sentido desta abreviada frase, aínda imbuído no seu propio guión mediático que minimizaba todas as traxedias dos mineiros chilenos. Piñera, tan activo en desmesurados patriotismos ante as televisións de todo o mundo, lémbrame aquel filme de Billy Wilder: El gran carnaval (1951), protagonizado por Kirk Douglas. O drama relata como un xornalista aproveita a historia dun home atrapado nunha escura e fonda cova, co fin de relanzar a súa propia carreira de conveniencias informativas.

O reality show do presidente Piñera, tan ornamentado de mala conciencia populista, de tapar as neglixencias con respecto á seguridade das minas, por parte dos monopolios mineiros que ostentan Alejandro Bohn e Marcelo Kemeny, amparados por un Estado que protexe ese capitalismo salvaxe, tan brutal como desapiadado, e que o ministro de Minería, Laurence Golborne, autoproclámase como o súper heroe do rescate dos trinta e tres mineiros. Cando as cifras son elocuentes: no primeiro trimestre de 2010, morreron nas minas de Chile 150 mineiros, por falta dunha lexislación de seguridade nas minas. No medio de tanta temeridade, Piñera vocifera: "El mundo ha visto que hacemos las cosas bien". Tan ben que os técnicos confirmaron que a falta de condicións de seguridade, a mina de San José non podía estar funcionando. O presidente sabe que coa metade dos catorce millóns de euros que o Estado chileno gastou no rescate dos mineiros podía solucionar grande parte da seguridade das minas. Mentres Bohn e Kemeny se declaran insolventes.

Este sistema de explotación, tan tradicional como consentido polo Estado, lémbrame aquel poema de Pablo Neruda que en 1947 leu no Senado, ante o presidente de Chile, denunciando as crueis condicións dos mineiros. O poema titulado: El maestro Huerta (de la mina La Despreciada, Antofagasta), di: "Cuando vaya usted al Norte, señor,/ vaya a la mina La Despreciada,/ y pregunte por el maestro Huerta./ Desde lejos no verá nada,/ sino los grises arenales./ Luego, verá las estructuras,/ el andarivel, los desmontes./ Las fatigas, los sufrimientos/ no se ven, están bajo tierra/ moviéndose, rompiendo seres,/ o bien descansan, extendidos,/ transformándose, silenciosos./ Era picano el maestro Huerta./ Medía 1.95 m./ Los picanos son los que rompen/ el terreno hacia el desnivel,/ cuando la veta se rebaja./ 500 metros abajo,/ con el agua hasta la cintura,/ el picano pica que pica". (...) "Salía agrietado, amarillo,/ corcovado, reseco, y sus ojos/ miraban como los de un muerto".

Noutro poema de Canto general, Neruda retoma esas imaxes de mineiros e manifesta: "Era una multitud grasienta,/ hambre y harapo, soledades,/ la que cavaba el socavón./ Aquella noche no vi/ desfilar su herida sin número/ en la costa cruel de la mina". Todas esas feridas producidas no interior das fochancas, a rebeldía da comuna mineira transformouse en conciencia de clases. Nese espazo de explotación, Neruda, en crítica poética di: "La luz organizada por las manos/ de Recabarren, las banderas rojas/ fueron desde las minas a los pueblos,/ fueron a las ciudades y a los surcos,/ rodaron con las ruedas ferroviarias,/ asumieron las bases del cemento,/ ganaron calles, plazas, alquerías".

Os mineiros de Chile foron sempre a vangarda da loita obreira e campesiña. Sendo fieis á voz comunitaria da comuna comunista de Luis Emilio Recabarren (1876-1924), fundador do Partido Comunista de Chile. Dador de conciencia aos explotados das minas. A loita mineira é referencia para entender as claves da explotación mineira, institucionalizada en Chile..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras