logo opinionA morte non é certo - 02.11.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
Pode que o filósofo portugués Leonardo Coimbra (1883-1936) dera á luz destacados ensaios sobre a morte. Unha reflexión profunda e metafísica que se verifica nos seus libros: A Morte e Luta pela Imortalidade. Sexa el, talvez, un dos buscadores con mais concorrencia e transparencia que resaltou o sentido mais nítido da morte e dos seus nexos de fascinación que levou á humanidade a moitas incomprensións de non asumir o fin da vida.

Para moitos, a morte é interpretada como conspiración contra a vida, ou defectos da vida mesmo. E tamén a maneira de non asumila ou de buscar eternidades teologais como amansa medos, no intre de asumir a fatalidade da morte.

A valentía de asumir a morte radica en cortexala con indiferencia e negar toda esa carga relixiosa que alimenta tanta fatalidade e discordia. Uxío Novoneyra foi o pensador que levou a un poema seu este verso: "A morte non é certo".

Unha maneira de non asumir en vida ningunha derrota, porque estamos na certeza da vida e non na traxedia que vivimos coidando que a morte é sempre destrutora e cruel. Novoneyra precisou concretos matices contra esa morte mítica apoiada nunha extensa apoloxética monoteísta que non concorda coa metamorfose da propia vida. El aínda afondou nesa interpretación da vida na súa última itinerancia, apuntalando os efectos desa metamorfose, do comezar e do concluír, nun deses sintéticos versos epigráficos, tan usados por Marcial, que o poeta do Courel nos deixou con toda esa forza e incontinencia: "Morrer é ficar morto".

Vivir baixo a ameaza mortífera de tantas espadas de Damocles, fai que a morte usurpe a vida e, sobre todo, o seu misterio. Non ser reos da prédica da morte, equivale a renunciar a medos e temores impostos. Nesta dirección apuntalaron os poetas nas súas composicións metafísicas.

Lope de Vega deixounos esta sentenza: "La muerte es cobarde para los que no la huyen y animosa para los que la temen". Amar a morte sen temores, como transición de alcanzar outra dimensión inédita, foi o que mantivo o poeta Giacomo Leopardi: "A morte non é un mal; porque libra o home de todos os males". Ou este primordio de Francisco de Quevedo: "Conviene vivir considerando que se ha de morir; la muerte siempre es buena."

A morte en bonanza, na teimosa idea e reflexión dos poetas. Moitos deles non tiveron medo a considerala con outro enfoque ben contrario á canónica relixiosa e a tódolos tópicos que se concretan nun final tenebroso. O enorme poeta brasileiro, Carlos Drummond de Andrade, nos seus aforismos, titulados: O Avesso das Coisas, percibe varios e destacados augurios nada catastróficos para aqueles que teñen temor da morte, ao dicir: "Desde que o mundo é mundo, ninguém se convenceu ainda de que morrer é obrigatorio".

Drummond salienta que a vida que se eterniza dun morto, dun ser que pasou por ese soberano tránsito continúa a ter vida na memoria dos que quedamos e na forma que queremos que sexa marcado pola eternidade que impoñemos os humanos. Así o esclarece Drummond de Andrade: "O morto continua a viver no livro, na foto, no cassete, mas quando nos lembramos de usá-los".

Nesa grata esperanza de reencontro coa memoria dos que partiron, a través de realizacións dignas de lembralos e establecer diáfano diálogo con eles a través da imaxe, dalgún escrito, da voz gravada, co fin de perpetuar os mortos que manteñen esa simbiose cos vivos. Isto posibilita a presenza dos mortos a convivir cos vivos. Drummond volve sinalar esa relación: "Os vivos continuam a ser governados pelos mortos".

Ademais de ser gobernados por exemplares evidencias que nos deixaron os mortos, flúe o silencio para lembralos con tenrura porque nos serven de referencia. A mais disto, eles teñen o seu gran día, o de hoxe, para nós eternizalos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía