Cataluña, entre a crise e o soberanismo - 30.11.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

A crise non deixa de ser un factor importante no intre de valorar as circunstancias da caída dos partidos que gobernan en Europa. As eleccións catalás mostran a faciana desa derrota por parte do tripartito, unha coalición de esquerdas mal amañada e non consentida por moitos electores dos tres socios. Esta derrota hai que vela en clave catalá e en plena crise económica e de valores. Esta derrota tamén mostra que o inimigo do PSC foi o propio PSC, que non foi capaz de xerar confianza nas súas bases e nos seus votantes e de non solucionar os seus conflitos co PSOE, como se mostrou no tema do Estatuto na súa longa espera no Constitucional. Por falta de coherencia, o PSC pagou moi caro esa falta de compromiso. O descreto dos seus líderes, o trío: Zaragoza, Iceta e Balmón, refuxiados nas súas cavernas douradas e lonxe da militancia, levaron a Montilla por un camiño sen retorno e o electorado a desertar, votando ou levando o voto a outras posicións ben contrarias ao postulado socialista.

CiU sempre defendeu o identitario catalán e con amplas bases na burguesía e na clase media catalá. Implicouse puntualmente no tema reivindicativo do Estatuto dando a impresión que estaba secuestrado polo Constitucional. Neste caso, o apelo nacionalista, fronte ao menosprezo centralista, desembocou na manifestación contra os retallos do Estatuto por parte do Constitucional onde participou mais dun millón de persoas. CiU soubo capitalizar ese agravio e, sobre todo, converterse en tripadora contra a pasividade do Goberno central, dando a impresión de que o tripartito estaba confundido neste contencioso. Así xurdiu, naturalmente, un soberanismo pragmático e nada sentimental baseado no proceso histórico das relacións e reivindicacións do nacionalismo catalán.

Os conflitos internos que se deron en ERC, tan personalizados en dous persoeiros tan opostos como Carod Rovira e Puigcercós, foi o principio da fin. Carod, un independentista pragmático que nas eleccións de 2006 conquistou 21 deputados, foi minado polas ambicións radicais de Puigcercós, mentor en dilapidar o seu partido, centrando a súa mensaxe no independentismo, sen prever tempo e espazo, e sen definir o partido en materia ideolóxica. Cando os cataláns din: "Esquerra, ni és carn ni és peix", están poñendo énfase na falta dunha definición ou cuñación propia, co fin de mostrarse carne ou peixe. O conflito entre Carod e Puigcercós dinamitou moitas esperanzas dentro da alternativa independentista encarnada por ERC, se a isto sumamos o conflito creado por Joan Carretero, a dimensión do conflito é nocivo. Como é de costume, o electorado de ERC saltou para CiU e para o neófito Joan Laporta.

Alicia Sánchez-Camacho empéñase en facernos crer nun triunfo en clave españolista que favorece os postulados do PP estatal. A lectura é ben simple e en clave catalá, a conquista do PP de catro escanos mais, non o catapulta a outra dimensión con poder de decisión en Cataluña. O PP catalán non deixa de ser marxinal, cunha cota fixa de votantes. A súa mensaxe estivo articulada en tres aspectos, a xenofobia emigrante, a crise de Zapatero e o tema bilingüista. Isto callou nos descontentos.

O outro membro do tripartito, ICV-EUiA, non sufriu a desfeita de seus socios de goberno. Hai que pensar que non tivo a mesma responsabilidade que o PSC e ERC, nin as mesmas barulleiras. Joan Herrera é un dirixente moi centrado e intelectualizado que non finxiu erros e soubo pór contundencia na súa mensaxe.

A esquerda en Cataluña precisa agora dun novo modelo de comportamento e prescindir de maculadas figuras que os votantes de esquerda rexeitan delas. A mensaxe soberanista está aí e a esquerda, se quere sobrevivir ao desastre, ten que aceptar esta realidade sen traumas..