O mestre Mateu, de Antonio Costa Gómez - 07.12.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Mateo, el maestro de Compostela, libro de ficción editado en Madrid por Ediciones Nowtilus S. L., da autoría de Antonio Costa Gómez, aínda que naceu en Barcelona (1956), criouse en Chantada. Pertencente a unha estirpe de escritores, neto de José Costa Figueiras, fillo de Xavier Costa Clavell e irmao do poeta Xosé María Costa. Antonio é o mais avantaxado desta saga familiar, por transcender a ámbitos de creación literaria que supera a seus familiares. Chegou ás últimas votacións do Premio Nadal (1994) e Premio Planeta (2001). Premiado en moi diversos concursos literarios. A actual entrega de ficción, dedicada ao Mestre Mateu, construtor do Pórtico da Gloria da catedral de Compostela, consta de trinta e nove capítulos que nos adentran en variadas particularidades do século XII. Trátase dun libro de inmensos recursos históricos e artísticos que nos mete no pensamento dunha época, tantas veces escura e mal interpretada polos que intentan explicala.

Antonio Costa comeza pola infancia do gran mestre, ao lado dun pai soberano e mergullado na configuración de liñas pétreas. Costa constrúe un relato expresivo sobre a sensibilidade da Idade Media e daquela Compostela convulsiva de mediados do século XII. Mais a palabra portentosa e excepcional, mestra de tódalas contundencias do autor, descóbrenos universos da vida rural e urbana de Galiza, tan diferenciadas por matices bastante peculiares, onde Mateu transcorreu e o narrador lle dá fulgor rigoroso para que o persoeiro central esixe diálogo co lector.

Cabe resaltar esa iniciativa do autor en buscar apéndices no contexto artístico do Mestre Mateu, nas súas andanzas pola transición do románico ao gótico; superar o modelo estático e tenebroso por outro dinámico e de luz. O narrador procura emerxer en interrelacións con outros mestres, escolas e talleres da época. Aí está presente o mestre Estevo, o da porta das Praterías, o que consolida o románico pleno de Compostela, en que Costa Gómez configura ese diálogo certo entre as dúas expresións mais sobrias do románico de Compostela.

Mateu en Saint Germain de Toulouse, embebéndose desas "expresións visionarias", que as transcendeu ao Pórtico, neses transos misteriosos, iniciáticos, cabalísticos, gnósticos, esotéricos que perfuman eses símbolos e iluminan tímpanos e capiteis, que o propio Antonio Costa desvela ou interpreta. A peregrinación imaxinaria con que o autor coloca a Mateu por Arlés, París e, aínda, en Vezelay, un dos portentos do románico francés. Antonio Costa escolle ese centro de obradoiros románicos para interrelacionalo co Pórtico de Mateu, posicionando o gran Mestre mesmo no centro de Vezelay, un espazo que extrapolou súa materia expresiva a outros lugares.

Mateu polo itinerario francés, mentres as referencias de Costa son inmediatas nesa relación con Galiza. Os Borgoña, Cluny, trobadores e xograres, modelos imperantes de enorme coherencia que se introduciron da Provenza e de Aquitania no Occidente hispano. E neste deslumbramento de aventuras non faltan amores carnais e contemplativos do Mestre Mateu. Nestas xeiras, hai momentos de diálogos contundentes coas ideas platónicas, cun estudante picardo, nas súas disputas tabernarias. Tampouco falta o Grial e a Táboa Redonda. Mateu excedendo a xeometría arquitectónica e escultórica, revisando conceptos estruturais que discute co cabido, mentres bebe viño e come filloas, entre os gritos dos vendedores de seda e os xudeus de quipá e manto de rigor percorren Compostela, co asexo belixerante de clérigos e prostitutas.

Así é como as puntualidades narrativas confirman a grandeza dun puntual relator que vigoriza un estilo de ficción que excede a temática histórica.

Antonio Costa Gómez consolida porvir no que se recrea.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras