No centenario de Miguel Hernández - 21.12.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Unha vida breve pero intensa, a de Miguel Hernández (Orihuela, 1910-Alicante 1942). Fiel ás súas orixes campesiñas soubo ascender pola cultura e converterse nun dos intelectuais mais interesantes da xeración da II República. Aquel pastor, ou gardador de rabaños polos campos de restrollos da súa Orihuela natal. Os libros, o caderniño e lapis de carpinteiro con que escribiu os seus primeiros versos, crearon enfado no seu pai, coidando de que renunciaría a continuar sendo o elo da cadea familiar a ser un desertor da eixada e do caxato de gardar ovellas e cabras. Os libros non eran para andar na mochila, destinada a pan e queixo e outras viandas de pobres, supoñía seu proxenitor.

Orihuela era unha pequena cidade con bispado acérrimo ás beaterías e a un catolicismo a ultranza e cun caciquismo xerarquizado no que participaban os donos da fértil horta valenciana e o demais era xente agrícola, tratada polo miúdo como servos pola súa calidade de indefensos. O pai de Miguel dedicábase á compra de ovellas e cabras para despois vender e obter unha pingüe ganancia. Un fogar humildísimo, no que o sustento familiar dependía desas ganancias de pastoreo. Neste contexto, criouse Miguel Hernández, devorador de libros e con vocación de literato. Pastores, agricultores e xente pobre non debían de ler libros, isto era cousa de outro estamento de alta fachenda e liñaxe. Un concepto moi de época que durou anos e que moitos padecemos esa anguria, cando os nosos país recomendaban que ler libros podía chegar un á tolemia ou á cegueira se se lían á luz dun candil. Estas consignas discriminatorias, vindas dun clero e dunhas clases dominantes que trataban que os pobres non tivésemos acceso á cultura. Isto mesmo foi un activo para que Miguel Hernández desestimase esa prédica e se esforzase en teimar culturalizarse ao lado dos rabaños.

Neste contexto xurdiu o poeta, compromisario en defender coa palabra aos condenados da terra. A conexión con outros poetas xa consagrados non se deixou agardar. Así, a formación creativa mereceu o eloxio de Antonio Machado, García Lorca, Rafael Alberti ou Vicente Aleixandre, entre tantos outros. Naqueles anos convulsos republicanos colabora en moi diversas revistas de creatividade onde os seus poemas ponderan a un escritor que renace das cinzas e nel confírmase o depositario dun ideal fraterno que incide na dignificación dos desherdados á cultura e á xustiza social. Por iso, no escenario da Guerra Civil, non dubida en alistarse no Quinto Rexemento das Milicias Populares, cuxo dirixente era o Campesiño e as bases loxísticas de combate eran as primeiras frontes da periferia de Madrid. Cóbado con cóbado cos milicianos populares, alistados á fronte de Madrid e defensores da República. Miguel Hernández estivo ás ordes do comisario e intelectual cubano, Pablo de la Torriente Brau, que cae en Majadahonda baixo as armas fascistas, o 19 de decembro de 1936. Miguel Hernández, nunha man a pluma e na outra o fusil, non deixou de esclarecer, desde o seu ideario marxista, que o ben común e comunal se defende coa culturalización das bases en combate contra o fascismo. E, desde as trincheiras defensivas, Miguel Hernández publicaba os seus poemas e as súas impresións bélicas nas revistas: El Mono Azul publicación d"Alianza de Intelectuales Antifascistas, Hora de España e un longo, etc. E destas publicacións xurdiu o testemuñal poemario, en tempos de guerra: Viento del pueblo. Un libro que ordena os avatares dos loitadores pola liberdade. Miguel Hernández xa nas gadoupas do franquismo foi condenado a morte que se lle condonou, mais os fascistas propician que o seu estado de saúde o levase á morte. Miguel Hernández foi ese exemplo de vida consagrada a tódolos combates pola liberdade..