logoGrupoCorreoUnha pantasma percorre o Magreb - 25.01.2011


XOSÉ LOIS GARCÍA

Que cor e consistencia ten esa pantasma popular e revolucionaria que fixo o seu primeiro acto de presenza en Tunisia, derrubando o ditador Ben Ali e que xa percorre todo o Magreb? A revolta dos pobres que piden pan tradúcese nun motín de alarmantes dimensións para os ditadores dos países norte africanos da conca mediterránea. A pantasma da democracia, á que tanto temen eses ditadores aristocráticos que dominan os seus respectivos países, pode abrir unha fenda na composición de novos e súpetos albores nun Magreb de tantas contradicións e de poucas perspectivas de fomentar un novo alento que supere as ditaduras cavernícolas de Marrocos, Alxeria, Tunisia, Libia e aínda Exipto. Que tipo de democracia podemos pensar desde a nosa mentalidade occidental, tan exentos da realidade destes países onde a verticalidade do Islam, na súa piramidal composición, non permite nin a máis mínima concreción democrática? O integrismo islámico, nestes países, deixou de ser reduto e cada vez é mais expansionista entre as clases populares, porque a súa mensaxe ten un inmenso impacto entre aqueles que carecen de pan. A solidariedade coránica e a prédica dos imáns, en defensa dos desprezados e vítimas dos ditadores, fomenta un revulsivo que vai alén das democracias, tal como se entenden en Europa. O caso de Alxeria é ben patético como os ditadores que predominaron levaron o país ao caos, cando se proclamaban herdeiros da Fronte de Liberación Nacional (FLN) que fixo posíbel a independencia de Alxeria, na que se dilucidou un ambiente democrático e revolucionario con Ben Bella e moi pronto xermolaron os ditadores, sepultureiros daquela revolución propiciada pola FLN. Nestes aconteceres, o pobo na súa frustración posicionouse do lado islamita, denunciando o poder corrupto e, máis tarde, combatérono coas armas, despois de que o goberno perdese unhas eleccións e ferozmente as anulase, optando por un terrorismo de Estado fronte aos islamitas que desangrou o país. Os corruptos continúan baixo o poder intransixente do presidente Buteflika e co apoio desa Europa beneficiaria do gas alxeriano que vulnera os valores democráticos que ela predica.

Marrocos, esoutra ditadura dinástica que o implacábel Hassan II creou e Mohamed VI continúa exercendo como un dos dictadores e sanguinarios máis compulsivos, mostra a súa faciana en diversas frontes como no xenocidio que exerce no Sáhara Occidental. Un país que boa parte da súa poboación está na emigración en Europa; a represión contra calquera aspiración de liberdade democrática é puntualmente reprimida por este rexio monstro e polos seus sátrapas. Así que unha revolta popular está materialmente xustificada neste país.

Tunisia, o país máis pequeno do Magreb, feito á medida do colonizador francés, con dous ditadores na súa historia máis recente, cunha estrutura despótica de partido único, actuante nun sistema de tipo medieval e anquilosado nunha burocracia sustentábel por unha minoría dominante que desprezou a poboación máis necesitada que se concentra na periferia das grandes cidades. Ben Ali, criminal silenciado por países europeos como Francia, foi o ditador que ensumiu a Tunisia nun país parasitario, cuxos cidadáns tiveron que amotinarse como en tempos medievais o facían os que carecían de pan. Un motín histórico, polo que ten de popular e revolucionario, que xa fai tremer esoutros burócratas do poder magrebí e en moitos dos países árabes.

Póñase a tremer o coronel Gaddafi, outro golpista que leva anos no poder de Libia, orquestrando a revolución verde, organizando non poucas aventuras que illan este país dun proceso democratizador. O mesmo acontece no seu veciño Exipto, con Mubarak tiranizando a máis de oitenta millóns de habitantes..

25.01.2011

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía