África no antigo sistema educativo - 08.02.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal 

XOSÉ LOIS GARCÍA

A África negra foi a grande ausente, nos asuntos de Estado en España, durante moitos séculos, e ausente nos medios intelectuais e educativos españois tradicionalmente. Sirvan de exemplo varias citas que os grandes escritores da chamada Edad de Oro español do século XVII, como Quevedo, Cervantes, Garcilaso, Lope de Vega, etc., manifestaron reiteradamente o seu posicionamento fronte aos negros que en calidade de escravos habitaban Madrid e a Lisboa dos filipes españois. A África do litoral Mediterráneo, a de cultura árabe e relixión musulmaá, coa cal a península Ibérica tiña continuos desacatos e confrontacións bélicas, que persistiron por moitos séculos, había un mercado negreiro que os propios árabes introducían na península. E isto xerou un concepto de desprezo e unha conciencia belicista do Imperio castelán, admitindo diversos tópicos que impermeabilizaron un contacto pacífico e de veciñanza.

Aquel catolicismo integrista virado de costas aos que tiñan crenzas diferentes foron anatematizados; aqueles que tiñan unha cor e un cultura diferente aos españois foron erixidos no pedestal da difamación. Mouros e negros estiveron sempre na picota daquela relixión dominante e perceptora de seu propio dogma, desprezando ao outro, ao diferente. O outro, nesta política integrista nunca foi unha necesidade de achegamento e de recoñecemento por parte da burocracia estatal e relixiosa.

Con este proemio queremos sinalar que o sistema educativo español mediatizado polas elites políticas e relixiosas, nesa súa idea omnímoda e totalitaria, separou a sociedade radicalmente do que era doutra etnia, relixión e cultura. O outro, o diferente, cunha cultura milenaria e cunha concepción da vida material e espiritual distinta á de occidente foi constantemente desprezado. Polo tanto, o sistema educativo español sempre se resentiu dunha grave doenza ao non admitir a cultura dos africanos como viábel nunha aprendizaxe de convivencia mutua. Se no século XIX os poderes militares españois se preocuparon por ocupar Marrocos, o chamado protectorado español, ou rapinar un espazo colonial coñecido como Guinea Ecuatorial, que serviu aos intereses dos comerciantes de madeira, non houbo, neste sentido, a maior preocupación por coñecer a cultura dos guineanos, ao contrario, púxose en práctica toda unha maquinaria asimilista e reducionista da propia idiosincrasia dos nativos.

Este totalitarismo amordázante coa África negra, nos corenta anos de permanencia do franquismo en España, tivo unha práctica nos medios de ensino con total confusión e desprezo. Lembro que na miña escola rural, na década dos cincuenta, dicíanse paranoias racistas como estas: "A raza branca é a máis sabia, a máis limpa e pudorosa; é a que Deus creou para civilizar as outras razas inferiores. A raza negra saída do pecado orixinal, é por si transgresora, sucia e inmoral, que Deus a creou para servir e nunca para ser servida".

Polo tanto, esa África creadora e dinamizadora de culturas e linguas, cun enorme potencial creativo, ficaba reducida a nada no antigo e totalitario ensino español. Polo tanto, España estivo ausente desa realidade, incluso dos africanos escravos que poboaron as súas colonias en América. Estamos falando dun defecto de formación cultural que illou toda unha sociedade con prepotencias demoledoras que non permitiron unha convivencia de igual a igual.

Todo isto está coidadosamente documentado e estudado no Brasil, sobre os galegos de Salvador de Baía, que axudaron a configurar este espazo multicultural brasileiro. Son moitos os precedentes desa frustración. E son moitas as pretensións de convivencia e irmandade que os galegos conformaron con outros grupos humanos como é o africano no Brasil e en Cuba..