logo opinionAchegas ao perfil da emigración galega 15.02.2011

XOSÉ LOIS GARCÍA
Durante séculos falouse moito dos diversos perfís do emigrante galego desde varios parámetros sociais, económicos, culturais e de integración e desintegración. Pero foron moi poucas as achegas en encadrar ese outro perfil, bastante esquecido. No sentimento de Matria e nacenza no conflito existencial que verificamos no troco de pasar o trance imposto na Galiza polos reis Católicos, coa Doma y Castración del Antiguo Reino de Galicia -como deixou constancia o cronista Zurita-.

É ben sabido que a emigración galega, esa enorme pantasma que sempre nos afastou das nosas propias realidades e convivencias, historicamente, foi un invento opresor por parte do Estado centralista que nos levou a unha grande desfeita sen precedentes. Cando observamos aquela emigración galega levada á Alpujarra granadina, en tempos de Filipe II, recrutando unha serie de homes de oficios e súas familias para poboar aquelas ermas terras. Desde aquí verifícase todo un mosaico de actitudes administrativas co fin de alienar e empobrecer Galiza por medio de levar braceiros galegos a lugares moi concretos co fin de beneficiar as arcas do Estado opresor.

Se houbese que facer un estudo sociolóxico había que realizar outro psicolóxico para decatarnos que o perfil mais axeitado, a grosso modo, do emigrante galego en calquera dos hemisferios onde se atopou e atopa ofrécenos unha característica e uns trazos moi particulares de conciencia sobre o seu país de orixe. O amor e a paixón polo seu ente nativo que, non compre confundilo cunha simple saudade, cando a súa conciencia supera tódalas emocións posíbeis que poda lembrar do seu pasado por moi abstractas que estas sexan. E neste transvasamento, de territorio físico e de nomenclatura humana, o emigrante comeza a percibir un novo estado de conciencia comparativa, entre as diversas frecuencias que hai entre o país nativo e o pais de recepción. Esta conciencia dinámica non disimula nin oculta as dúas realidades, á marxe do emocional que lle pode resultar manter o seu espírito no lugar nativo que perfilou e glorificou a súa personalidade.

Materializar unha acción determinada a prol de Galiza, por parte do emigrante galego, sempre o convocou a resistir e a emanciparse cos atributos que lle deron idiosincrasia ao seu ser. Isto resúltanos sorprendente cando detectamos o perfil xeral do emigrante galego que saíu da súa terra, semianalfabeto ou analfabeto total, só aspirando a superar a súa subsistencia. Mais por isto, non chegou a integrarse senón a adaptarse. Eu mesmo, como emigrante en Cataluña desde hai corenta e cinco anos, nunca me sentín un integrado e si un adaptado, pese a falar e escribir en catalán. Para integrarse hai que desintegrarse do perfil orixinario e isto non e un dogma ou unha simple metáfora é unha contundente realidade.

Os emigrantes galegos, pola súa incontinencia ruralista, pese a dicir que se integraban nunca o fixeron, o problema é que non tiveran conciencia da súa adaptación nin son conscientes do que significa integración e adaptación. Por iso é que as relacións dun adaptado, como é todo emigrante galego, non son de renuncia ás súas orixes.

Pode que a crítica sexa obxectiva ou subxectiva pero os dous conceptos sempre estarán centrados baixo ese perfil de sentimento pola terra nativa. Galiza sempre aparece detrás desa grande tea de fondo no gran teatro dramático e emocional do emigrante. Pode que as emocións afoguen ese sentido do ridículo que o outro, o receptor, faga da súa forma de ser, para converterse en crítico de si mesmo. Sen dúbida, aquí pode comezar o gran reto en descubrir ou teorizar sobre o seu pais e seus referentes, o perfil do emigrante en terras foráneas, seus grandes concursos e implicacións na identidade galega..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía