logo opinionA fala que queren que non falemos -22.02.2011

XOSÉ LOIS GARCÍA
O universo galego, feito á medida da nosa lingua. Como diría o evanxelista San Xoán: "Ó comezo existía a palabra (...) Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito". Distanciándonos desta mística, que nos serve de tutela e de metáfora, incidimos no noso verbo que foi capaz de modelar o ser galego. As linguas son o matiz mais destacado da diversidade humana; da riqueza cultural dos humanos e, polo tanto, conforma esa múltiple esencia de Ser e Estar dunha maneira contundente nunha comunidade estábel. A diversidade de linguas e de culturas acentúa e intensifica moitas achegas creativas para expresar a forma máis equilibrada e libre que sostén a calquera país.

Que tristeza máis espantosa sería uniformar a humanidade. Parece que se pretende uniformarnos a nivel económico e a nivel de falar nun só idioma: o inglés. Nesta homoxeneidade pretensiosa, ten que xurdir un desafío en favor das benquerenzas do propio, do auténtico que nos abala e nos sostén a forma mais individualizada con respecto ao outro. Neste sentido os falantes galegos temos moito que dicir tomando como referencia a nosa memoria histórica, a pesar das carencias e desmemorias. Se imos ás fontes orixinarias da nosa lingua e das diversas expresións literarias vemos moitos desencontros e orfandades que pode que avalen a nosa paixón por unha nova dialéctica para inventar novas propostas e recuperar os vencellos perdidos.

Polo tanto, a lingua galega témola que recuperar sen finximentos nin complexos. É verdade que a lingua comunitaria de Galiza, falouna o pastor de ovellas e escribiuna o rei Afonso X o Sabio, nas Cantigas de Santa María. Velaquí unha mostra de como o Verbo se fixo carne e habitou no noso cerebro e no noso sentimento. Á marxe destas alegorías e metáforas místicas, cando exploramos nos cancioneiros medievais, temos a impresión de que os nosos trobadores aparecen como seres anxélicos proclamando a boa nova e o fragor máis particular da nosa fala e da nosa escrita na súa máis singular proclamación.

Mais o noso idioma nos seus heteroxéneos rexistros atopámolo marxinado naqueles séculos escuros que os historiadores recollen como o declive do propio e o triunfo do foráneo. Nesta situación, a lingua galega reducida ao pobo labrego e mariñeiro resistiu fronte a outras clases dominantes que a todos nos veñen a memoria. Ese pobo que non renunciou a falar o galego evitou o fiasco pesimista. Nesta situación de adversidades xurdiu unha voz auténtica e preclara que recolle o exintencialismo dese pobo, refírome a Rosalía de Castro. Rosalía, pois, fixo coa lingua rescate e monumento no Rexurdimento literario. Nesa dirección apostouse por unha nova ética de recuperación lingüística e literaria. Neste sentido, xorde un sentimento de recuperar o que se ten perdido e, aínda máis, os escritores preconizan ese sentimento en función do que se pode perder. Neste contencioso, a lingua é un dos obxectivos que máis os atrae para unha conservación total de todo o creado en Galiza. Foron os poetas os que señorearon esa advertencia, como é o caso do bardo Eduardo Pondal que demanda das mozas castelanizadas da Coruña que falen galego, como podemos ver no seu poema Falade galego.

Desde aquí foise multiplicando a conciencia dese rescate e afondando nunha dinámica análise de volver ás raíces, con coraxe e desafío, tomando conciencia de que a fala é o que se fala, como nos diría Ánxel Fole. Desta conciencia xorde o debate, incluso o combate por normalizar a nosa fala. E neste combate xa non vale ir cada un á súa maneira ou con vocación personalista, nin ondeando individuais bandeiras, sen o elo de confluír en propostas serias e contundentes que nos leven a ganar batallas pero non a calquera prezo..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía