A revolución do turbante - 01.03.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal 

XOSÉ LOIS GARCÍA
Cando escribín aquel artigo, hai un mes, publicado neste xornal, non coidaba que a pantasma que comezaba a percorrer o Magreb reproducira en todos os países árabes repulsa, e ir á caza de ditadores tan compulsivos como xa anxos caídos dos seus paraísos, como Ben Ali en Tunisia, Hosni Mubarak en Exipto e Muamar al Gadafi en Libia, o último desa satrapacia cruel que está a punto de que o pobo libio bote conta del. Treman os demais ditadores do mundo árabe que están na mesma trama que os anteriores. A fermentación de protesta vaise consolidando nunha evolutiva e ampla resposta contra eses grotescos mutiladores de pobos e acaparadores da riqueza e da plusvalía que os seus súbditos producen. Todas esas protestas, acaparadoras dun elenco revolucionario, son capaces de borrar de seus pazos os viles corruptos, fomentando conciencia e un pragmatismo esclarecido cando as masas populares participan, dunha maneira nada sospeitosa, en abrir camiños para converxer nun acto revolucionario capaz de rebentar situacións inadmisíbeis deses tiranos que non dubidan en masacrar a os pobos que erguen a arma da palabra fronte ós tanques e a fatuos aparellos represivos, como no caso que estamos observando en Libia.

O desgarro e a fatalidade que sofre a cidadanía árabe, atrapada entre a tiranía gobernamental e o fundamentalismo relixioso, son dous factores que anquilosan unha mentalidade meridianamente que aspira a ser libre. Mais os últimos acontecementos aclaran esa suma de contaxio e multiplícana dunha forza intervencionista capaz de crear un novo espazo político, aínda sen detectar o seu rumbo e o seu proxecto de renovación e liberdade. Mais todo este fenómeno, un tanto escuro no que respecta a pobos nutridos por posicionamentos fundamentalistas, ninguén sabe como será o seu respiro en inesperadas eventualidades que poden transbordar a cidadanía a outro descontento, se a solución de seus problemas non se arranxan minimamente. A sospeita da liberdade e dunha democracia formal, nada magnificada nos países árabes, podían caer noutra ditadura consentida polas elites dirixentes do pobo, onde a facción relixiosa máis intolerante, reiniciase outro tipo de silencio e humillación ditatorial como acontece en Irán.

É positivo que a turba do turbante defenda a súa verdade. Gramsci dicía: "A verdade é sempre revolucionaria". A verdade das revoltas contestatarias, de ser un mesmo, sen lindes nin imposicións, constata que un pode ser revolucionario sen sabelo, defendendo a súa verdade e sobre todo, cando esta é o vehículo dunha contracción violenta que asocia un cambio revolucionario.

As circunstancias da heteroxénea política árabe esixen unha verificación por separado de cada un dos países, dos que optaron por esta vía e dos que están nun proceso de fermentación que, sen dúbida, o contaxio os levará a conspirar contra ese poder omnímodo, practicado por esas estirpes familiares que se suceden entre elas como é o caso dos Assad en Siria, dos reis de Arabia Saudí ou a trama que tiña Gadafi e Mubarak en posicionar os seus fillos como sucesores da nomenclatura terrorista de Estado contra a cidadanía de seus países. Neste caso, non nos esquecemos de Mohamed VI, ese outra sátrapa que ten sumido a Marrocos nesa negra sombra de terror e, tamén, cando aplica unha política xenocida contra o pobo saharauí.

A mentalidade xerárquica de sucesión que se dá no universo islámico non beneficia os cambios democráticos (cando digo democracia non penso na mesma connotación e nos mesmos códigos que ten esta palabra en Occidente) ou a intención de posibilitar solucións ás graves carencias que sofren os pobos árabes por culpa desa estrutura piramidal en que os dirixentes estatais incorren gravemente en oprimir a extensa base desa pirámide..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras