logo opinionLibia sublevada - 22.03.2011

XOSÉ LOIS GARCÍA
Razóns debe ter un colectivo popular cando toma a sublevación como medida de autodefensa contra esa calaña de ditadores que oprimen a maioría do pobo traballador, producindo inseguridade por medio de actos de tortura e asasinatos. A escola represiva do terrorismo de Estado tivo os seus sinais de identidade no nazismo e no fascismo. Este comportamento aínda mergulla en varios puntos do planeta, dunha maneira insidiosa e opresora. Ignorar os Dereitos Humanos, con toda aleivosía, por parte dos ditadores, significa unha advertencia moi dura para os individuos, colectivos e pobos que queren ser libres e participar no seu destino, sen que ningún monifate, con fardo militar, en nome de providencias e de sagradas patrias, eríxase en salvador da colectividade nacional e en nome da liberdade. Da súa particular liberdade de oprimir e de converterse en perenne masacrador dos pobos humillados.

Muamar el Gadafi, con seus corenta anos de ditadura, con pérfidos enganos ao pobo libio, en nome de revolucións verdes inexistentes, utiliza esa parafernalia que se manifesta en aterrorizar ao pobo, en engrandecer o seu patrimonio fóra do país e empobrecer ao pobo que non é beneficiario das materias primas, como son o petróleo e do gas. Gadafi, a súa estirpe e a súa camarilla son os beneficiados desta produción. Agora descóbrense as salas de tortura e os cemiterios clandestinos onde se agachan cadáveres sen identidade, produto deses corenta anos de impor a bota militar sobre quen pensa no porvir ou dos que fan apelos de liberdade. O xenocida Gadafi atópase cunha nova xeración que non se fía dos seus discursos e só verifica realidades. Neste contexto, Libia só é oprobio e mentira. Así, pois, a realidade da sublevación está servida e, amais, está xustificada. En todas as súas equivalencias e elocuencias a solidariedade cos sublevados de Libia debe ser puntual. Así que a intervención occidental, de parar o xenocidio que o aparato represor de Gadafi está desenvolvendo contra a poboación civil, merece un basta!, enérxico, descabezando o aparello militar do réxime. A tutela que fai Gadafi de Franco é patética, sinistra e conmovedora.

A intervención militar de varios países, por determinación do Consello de Seguridade da ONU, é xustificada e, ademais, chega tarde, como sempre. Os sublevados de Libia, que veñen demandando un SOS, teñen sido desoídos nesa longa e sosegada divagación dos países democráticos que moitos deles son beneficiarios do petróleo e do gas libio. Mais a decisión é correcta, aínda que perigosa, por moitos dos antecedentes en que se ten metido occidente en guerras e conflitos non xustificados, como é o caso de Iraq. Neste sentido, a hipocrisía dos gobernantes é constatábel, cando un país ten riqueza absorbíbel, a democracia e os Dereitos Humanos son ignorados para estes países que se benefician da rapina ditatorial.

Ben é sabido o coqueteo de Gadafi con varios gobernantes de Europa. A famosa foto deste ditador con Aznar e El Rayo del Líder, ese cabalo crepuscular que aparece nas fotografías con máis lindeza e grandeza que os dous que o rodean. Pois ese trofeo equino é unha gratitude a Aznar polas armas que lle venderon a Gadafi, para que? Todos sabemos da súa utilización. Que diremos de Berlusconi e de Gadafi, os dous pavonándose polas rúas de Roma, e o libio con uniforme de ditador e ben pingado de medallas que cheiran a sangue inocente.

Así a democracia estereotipada, formulada en función de intereses económicos. Mais a sublevación de Libia é tan seria na que non valen as argucias minimalistas. A opinión pública mundial deixou oír a súa voz; os problemas que están xurdindo en todo o mundo árabe, despois dos acontecementos de Tunisia e Exipto, promove que occidente se centre na realidade..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía