Os trobadores de Occitania - 05.04.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal 

XOSÉ LOIS GARCÍA

Estréase Edicións da Curuxa cunha suculenta escolma dos trobadores occitanos, que nos ven do especialista nestes mesteres, Darío Xohán Cabana, poeta, narrador e académico. Coñecidas e admiradas son as traducións e as valiosas achegas de próceres renacentistas italianos como Dante e Petrarca. Tanto a Divina Comedia e Vita Nuova de Dante, como o Cancioneiro de Petrarca, así como a Antoloxía do Doce Estilo Novo, son entregas moi puntuais das que necesitaba o idioma galego e que nós veu da man dun grande estudoso e dun entusiasta tradutor como é Darío, escudriñador compulsivo e dador de obras universais das que precisaba a literatura galega.

Esta escolma, titulada: Os trobadores de Occitania, tan xenuína que emerxeu no chamado Midi francés, e espallou variadas tendencias por todo Europa. Os trobadores galegos tamén foron sensíbeis coa creación dos trobadores de Occitania. Neste proxecto de escolmar e traducir, está a sobriedade e o rigor que Darío Xohán Cabana nos ten acostumados a esa reciclaxee de modernidade que exhibe na nosa lingua.

Trátase dunha edición exuberante e sensiblemente traballada, que precisabamos os lectores galegos. Un volume que nos achega a preto de setecentas páxinas. Unha excelente introdución cronolóxica que nos leva a descuberta de elementos básicos para comprender as diversas escolas trobadorescas de Occitania. Nesa ampla discursiva preliminar, percorre o tradutor da escolma, varias temporalidades e espazos dos séculos XII e XIII; o difusionismo xograresco alén de Provenza, Lengadòc, Gascuña e Cataluña, xeografías onde os trobadores deixaron sensibilidade e pegada, no amor cortés, nas correrías de cabaleiros de cruzada, na personificación das altas damas que sempre foron referencia desa celebración amorosa e carnal. Os sirventés políticos onde magnates, reis e papas fican reflectidos con críticas que nos dan a medida de amplos conflitos e doutras circunstancias e litixios, típicos da Idade Media.

O traballo desta edición que deu ao prelo Darío Xohán Cabana, en edición bilingüe e con tradución literal, concédelle ao lector ese acceso aos textos orixinais e achega xuízos críticos sobre os trobadores escolmados. Os apéndices fornecen varios esclarecementos sobre esta escolma, na que se engaden as biografías dos oitenta e tres autores que conforman este libro.

A primicia de apertura desta escolma é a poesía dese grande mestre do ritmo e da harmonía na arte de trobar, como foi Guillerme IX, Duque de Aquitania. Despois de ter tantas edicións en innumerábeis traducións na maioría dos idiomas do mundo, faltaba no idioma galego, ben agora a suplir esa carencia, con toda a produción de Guillerme IX.

As mellores trobas e sirventés de Marcabrú esclarecen a alta calidade que este trobador difundiu pola Gascuña, nos albores do século XII. A nómina continúa con Bernat de Ventadorn, co catalán, Guilhen de Berguedan. Outro dos grandes representantes da poesía provenzal que neste libro ten fecunda representación, é Arnaut Danièl, o creador da sistina; proclamado e reiterado por Dante e Petrarca. Bertran de Born, deulles estilo e perfección aos seus cantares, formou parte de correrías militares e de conflitos varios, isto non lle quitou que a súa creación poética nos suxira esa alta dimensión de ser un trobador perfecto. Raimbaut de Vaqueiràs, outro dos grandes que deixou pegada na poesía do Cancioneiro Galaico-portugués. Outros como Perdigon, Pistoleta, Sordèl, Guilhem Montanhagòl, Peire Cardenal e Cerverí de Girona, entre tantos outros, proxectan xa na nosa lingua esa achega fundamental que nos faltaba. Hai moitas razóns para que Os trobadores de Occitania ocupen un alto apousento no noso idioma, partindo do esforzo de Darío Xohán Cabana..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras