As almas do Fental -12.04.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Resultan ben aproveitábeis os doce minutos que dura a curtametraxe, rodada nun dos puntos álxidos que vertebran a Ribeira Sacra de Chantada, na parroquia ribeirá de Santiago Darriba, nun deses lugares desteitados e esborrallados pola ausencia obrigada de seus moradores. Fental é un nome suposto dese contorno, onde a paisaxe mudou porque aquelas mans xenerosas dos ribeiraos xa non a modulan nin a sustentan; a produción do viño, materia prima por excelencia non é rendíbel, porque a visión dos políticos e a ollada perdida das institucións ollan cara a outras latitudes.

O contraste entre a grandeza do que foi o noso rural e a súa decadencia, levou a David Vázquez a argumentar e a dirixir aproveitados e reflexivos minutos sobre un tema que moitas veces se nos escapa en verificar un serio problema que é a desfeita do rural. David Vázquez é natural da parroquia chantadesa de Pesqueiras, quizais el coñeceu esas opulentas ribeiras de Lagares -onde seu pai tiña unha viña asolagada polo encoro-. El coñeceu a súa parroquia acugulada de veciños dedicados ao trasfego da labranza e das viñas, que poñían ritmo nas paisaxes desas retortas por onde o río Miño emitía seus sons. David traballa na televisión local de Chantada Tele20, de operador, cámara, entrevistador e locutor. En fin, toca tódolos trebellos que esixe a comunicación sen apoios, para sobrevivir ante tempestuosas normas que o Goberno da Xunta trata de desfacerse destes medios tan determinantes no que toca a comunicación local e a dar prioridade a temas que incumben á cidadanía.

Neste contexto precario, David Vázquez entrou nun proxecto moi activo sendo coñecedor e, tamén, vítima desa desfeita do rural que asocia emigración. Fixo guión e rodaxe en 2009 e como protagonista único está a excelente representación do actor, Fernando Morán cun monólogo realista e descritivo sobre a depredación do rural, converténdose no único resistente que non abandonou o lugar de Fental. As galiñas dentro dunha cerca, o xílgaro engaiolado, forman parte dese diálogo silencioso desa fauna doméstica que lle fai compaña. Ten a radio que lle dá noticias do tráfico que hai na entrada da Coruña e de Vigo, na que se centraliza a noticia do cotián do que acontece na aglomeración das grandes cidades e descoidando a realidade do rural. Neste caso, David Vázquez soubo buscar ese símbolo e o matiz crítico entre opulencia e precariedade; antítese entre universo urbano e universo rural. O protagonista desta curta, coa eixada ao ombreiro -á vella usanza- vai en viravolta ante malezas e paisaxes abandonadas; casas pechadas e escangalladas e fala cos veciños ausentes, revivindo e reaxustando lembranzas con memorias pretéritas.

Nesa teima de sobrevivir a traxedia da soidade, un desmaio provócalle a morte súbita. E no filme reconstrúese esa lembranza fantasmagórica, por medio de espantallos que aparecen en cada unha das casas cos persoeiros reais que conviviren co último veciño do Fental. Trece espantallos ilustran convivios, marxinacións e traxedias de emigrantes. Até o espantallo con sotana, nos rentes desa pétrea igrexa sen campás e con herbas bravas, fai que a igrexa mudase de vez.

David Vázquez é moi tenaz en reconstruír, a partir da morte do protagonista, todo ese universo vivido e estrangulado. O patetismo é implacábel nesa porta que se pecha, nas bisagras que renxen e na chave que cae e fica nun espacio de terra lisa e sen labrar, potenciando o extremo abandono dese rural que deu identidade a Galiza.

Unha curtametraxe que ficou finalista en concursos de curtos cinematográficos como en Teruel, Ribadeo, no Festival de Cine Pobre de Hunberto Solás (Cuba) e no Festival de Cine Antisocial de Chile. David Vázquez continúa rescatando a testemuña desta Galiza rural en desfeita..