O cuco cucón 19.04.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Sinto cucar o cuco en cuqueira solitaria e frondosa. Apenas deixa ver as súas calzas de la e liño tecidas co seu pico de artesán e móstraas en tépedo piñeiral e en toxo de esvelta flor dourada. Din que o cuco muda de vestes e non de canto. Precipita constancia e degaro no seu longo cucar, ecoando os seus sons festeiros. Que sería de nós os rústicos se non viñera o cuco abrileiro anunciando en consabidas reiteracións de seu cántico, significando que o mundo continúa a rodar e abastecer de xiros a súa rotación, manifestando que non é posíbel a súa fin grazas á vinda e ao cantar do cuco.

Ese son súpeto e reiterativo, afastando mordazas invernais e abrindo flor de noivados e perfumes mestos anunciadores de primavera panteísta. O cuco, de ánima sabia e reboleira, que procura aniñar na nosa soidade invernal, precaria e tempestuosa, para darlles pulo aos nosos silencios. O cuco tempera cantiga certa, enfática e melindrosa en piñeiral loado por D. Dinís. Insistencia clamorosa en anunciar primaveras nesas rachas e asomadas de sol para memorizar esquecementos, destinos incertos, crueldades da vida como xélidos invernos.

Un gran concerto irrompe no verde clamor natural, cando o cuco non descoida albores en forestas harmoniosas que se iluminan nese seu cántico de euforia existencial. O cuco asenta cuqueira nos cumiais de arredados carballos e piñeiros. Neste seu territorio, procura en niño alleo a paxaros parvos ou xenerosos que alimentan e crían a súa estirpe. O cuco, tramposo e cultor de vaidades, gris e acazapado non é unha ave de exhibicións acrobáticas, só crea silencios para pasar desapercibido.

Un presente que o cuco é unha metáfora ou un simple aforismo que poucos perciben, en seu canto repetido e sedutor, a ánimas liberadas de ocultos e soterrados abismos infernais que na cultura celta se sentían ledas e libertinas. O canto do cuco foi un enigma para os poetas bucólicos e panteístas do medievo en Irlanda, Escocia, Gales, Cornualla e Bretaña, que non deixaron de evocalo como se fose ánima errante e desconsolada dun coro de bardos ou de druídas afastados do seu ritual.

Os poetas galegos e os cantores populares non descoidaron a relevancia mítica que ten o cuco na nosa cultura. Hai poucos días que un viñateiro da Ribeira Sacra chantadesa, ao sentir o cuco parou a conversa e o escoitou con certa reverencia e suntuosidade. Manifestoume que o cántico do cuco abre de branco os primores de abril e manifesta nas cerdeiras e maceiras, vestidas de voda alba, a fascinación mais profunda do que xermina e se reproduce por eses eidos vizosos, por onde o río Miño, na súa fuxida cadenciosa, hai lances eróticos nos ecos do cuco, entre o desabrochar das rosas e das humildes margaridas que en tumultuosos espazos personifican a exaltación de abril, que os galegos do rural percibimos o que anuncia o cuco desde seus apousentos floridos, chuviosos e xerminais. Álvaro Cunqueiro deixou constancia delo: "En abril me gusta escuchar el cuco agorero, con su voz amarga madrugando en el bosque".

Os bosques xermolan contundentes enramalladas onde o cuco procura agochadoiro para lanzar o seu prodixioso cucar, espelindo os fiaños de néboas invernais e proclamar primavera no respiro das flores, transcendente e luminoso esplendor de toxos e xestas novas. A presenza do cuco no abrir dos sucos e no arrecendo das sementeiras, ten aínda na cultura labrega, refraneiro, contos míticos e admiradas benquerencias. Aínda que os nosos trobadores medievais cantaron ao estorniño e esqueceron o cuco, dado que naqueles séculos escuros a Igrexa tiña a esta ave como símbolo de cobiza e de infidelidade conxugal. Mais o pobo rural maquinou refráns: Cando canta o cuco logo ben o grau ao suco, Entre marzo e abril, se non ven o cuco quer vir a fin..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras