logo opinionFelip Puig, a reencarnación de Himmler? - 07.06.2011

XOSÉ LOIS GARCÍA
Indigna a agresividade dos Mossos d"Esquadra que empregaron contra os acampados na praza de Cataluna de Barcelona. As imaxes deses ataques percorreron o mundo e moitos medios e asociacións cívicas e democráticas viron na actitude desa carga tan desmesurada como condenable, o comportamento típico da SS nazi e o seu xefe e responsábel político, Felip Puig, a reencarnación do propio Himmler, de triste memoria e para nunca esquecer súas feitorías tan crueis como sanguinarias. Na praza de Cataluña correu sangue e bágoas, procesándose uns comportamentos por parte da policía catalá que desdí calquera xustificación e alegato que o Goberno da Generalitat presidido por Artur Mas poida manifestar. Unha soa imaxe imponse ás mil e unha xustificacións interesadas desde o circuíto do conseller Puig.

Felip Puig, na súa arrogancia grotesca, non admite diálogo cos pacíficos e silenciosos manifestantes da dignidade, nin houbo un aviso de desaloxo. Un aleivoso ordeno e mando promove ese ataque insidioso como inxustificado que durou varias horas. A firmeza solidaria desa Barcelona tradicionalmente cívica e contestataria opúxose ao ataque e reforzou a presenza dos indignados. E o prepotente Puig intentaba xustificar o inxustificábel, alegando que era un problema de saúde. Malos informadores ten ese señor, cando todos vimos que os indignados tiñan un servizo moi puntual de limpeza e recollida de lixo. Despois desta mentira manifestou que era para ubicar os seguidores do Barça. A mentira política rebentando a democracia. O que vimos nesas imaxes televisivas parecía que o que estaba acontecendo se trataba máis ben dunha república bananeira, ou dun país fascista típico dos milicos de Pinochet ou de Videla.

Mal lle vai a unha nación como Cataluña cando a dirixencia converxente aspira a convertela en Estado independente, aporreando e masacrando a cidadanía máis sensíbel e digna que trata de denunciar aos monopolios e aos bancos como o mal dunha crise non só económica e tamén existencial. O nacionalismo burgués que representa CiU, con intereses nos grandes trusts bancarios e financeiros, trata de calar voces e vontades que denuncian a magnitude da actual desorde.

Parece que CiU indixestouse de poder en moi poucos meses, en outubro gaña a Generalitat e no pasado 22 de maio o Concello de Barcelona, da a sensación que vomita ese exceso de arrogancia e subidas de ton en tódalas as súas liturxias, tan personalistas como depredadoras. O caso patético de Felip Puig está dentro deste comportamento agre e duro dos converxentes. Ben sabemos como as gastaba sendo conseller na era Pujol.

É curioso que no Día da Patria Galega de 2008, no mitin do Bloque Nacionalista Galego na praza Quintana compostelá, estaba representando a CiU, chamounos a atención a certos galegos que residimos en Cataluña, como se podía admitir a un dirixente da dereita nacionalista mais conservadora, nun encontro solidario e reivindicativo e con directrices ben distintas ás que promove o nacionalismo burgués que ese señor representa. O BNG tiña que medir máis os espazos de representatividade e os parámetros ideolóxicos que separa os nacionalistas do BNG co nacionalismo converxente. Non sei se ten que dicir algo o BNG con respecto á actitude castradora de Puig.

A intervención sombría dos Mossos d"Esquadra tiña que levar a seus mandos a unha reflexión profunda e a un novo planeamento de actuación, alén do ordeno e mando institucional. Hai cuestión de ética e de comportamento democrático que están por enriba de actitudes masacradoras e de calquera tipo de impunidade e violencia. O acontecido na praza de Cataluña non é un caso illado. Os Mossos d"Esquadra están sendo noticia por certos comportamentos, cuxa responsabilidade é dos mandos e de Felip Puig..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía