logo opinionPedro Piñeiro, a dignidade de proclamarse ex - 14.06.2011

XOSÉ LOIS GARCÍA
Os medios de comunicación dan detalladas crónicas sobre o momento de cambios de corporacións municipais, tanto no persoal como na cesión partidista. Os detalles de certas informacións debe levarnos a un reconto pormenorizado dos que xa non son alcaldes, porque o voto democrático os despoxou de todo atributo representativo, por xestións non convincentes ou porque non a souberon explicar e, tamén, por ofertas demagóxicas do adversario. Nesa tipoloxía labiríntica, pola que andaron e andan os rexedores municipais, uns convenceron e outros crearon desconfianzas, dilapidando e defraudando o patrimonio público, como acontece en moitos concellos, concedendo prebendas e toques demagóxicas con tal de manterse no poder dunha maneira escura e caciquil.

Mais tamén debemos admirar os alcaldes que deixan de selo por vontade propia, proclamando dignidade política e mostrando que en política, como di o Eclesiastés: "Todo ten o seu tempo determinado, e hai tempo para todo propósito debaixo do sol". O problema é cando os que fan política non se mergullan no tempo e no espazo que lles toca administrar, excedendo e indo contra a realidade do que emerxe nun tempo concreto. E neste país de pel de touro, non é habitual proclamarse ex e ser coherente co tempo político que a un lle toca administrar na súa parcela municipal. Un ex, que pode representar nestes días moitos ex da dignidade é Pedro Piñeiro que foi alcalde de Rianxo até hai poucos días. Un profesor destinado a este municipio e procedente das terras luguesas de Valadouro que xestionou e representou un concello eclipsado en moitas materias, como pode ser a identitaria.

Coñecín a Pedro Piñeiro o 2 de xullo de 2006, na inauguración dun parque dedicado a Castelao, en Sant Andreu de la Barca (Barcelona). El fora convidado para representar a Rianxo nun acto emotivo e, alén das circunstancias destes actos e de protocolos, o alcalde rianxeiro tivo unha actuación durante dous días, tanto nos actos previos como no acto inaugural, vimos todos un político expresándose con autenticidade, como o fan as xentes do mar de Rianxo. As súas intervencións, invertidas e acomodadas a un sentimento dimensional, tiveron pegada en cataláns e galegos presentes no acto.

Naquela ocasión, chegou con varias publicacións que o concello de Rianxo editara, así como unha estatuíña de Castelao, esculpida por Asorey, que preside o despacho do alcalde de Sant Andreu. Tiven ocasión de falar con Piñeiro intensamente e con Luísa, a súa dona, e observei un grande amor pola vila que estaba xestionando como alcalde e a preocupación de modernizala e, sobre todo, a obsesión de que a cidadanía de Rianxo tivese un amplo espazo humano en función das súas necesidades. Notei en Pedro unha enorme sensatez ao estar virado cara aos problemas concretos da xente e de estar situado no tempo preciso e puntual de facer cousas tan pormenorizadas como existenciais. Concretándose nese, "todo ten o seu tempo" e nun espazo excepcional que el renovou para utilización pública.

Servidor, coñeceu Rianxo alá pola década de 1960, era un Rianxo moi precario e caricato, con medo a falar de Castelao e de Dieste e de reivindicar varias personalidades cívicas e intelectuais acazapadas polo silencio administrativo. Con Pedro Piñeiro o escenario urbano, nese frontal marítimo, cambiou e posibilitou que Rianxo tivese recoñecemento público neses monumentos personificados en mecenas rianxeiros, cuxas homenaxes honran o pobo rianxeiro e ao Consistorio presidido por un home que teimou en ser ex. O tempo nos seus límites todo enaltece; mais fóra deles destrúe vontades e compromisos incertos. Pedro Piñeiro foi un grande alcalde por considerar que o tempo non concede privilexios..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía