Remitencias do río Miño - 21.06.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
As obras que se efectúan no encoro de Belesar (Chantada) permiten que o Miño volva ao berce orixinario e as súas cachoeiras emitan o seu son, enmudecidas desde febreiro de 1962. A memoria dos meus dezaoito anos aínda me permite lembrar aqueles espazos de ribeira e de paisaxes plenas que o encoro do río ocultou xa hai preto de cincuenta anos. As remitencias do río lévanos a reflexionar sobre tanta identidade que ficou oculta debaixo desa masa de auga que a moitos nada di e a outros -os que andamos por estas ribeiras- aínda os matices da desfeita ten o seu respiro e resplandor de benquerencias humanas dos que ergueron muras, plantaron vides, edificaron casas e adegas, fixeron viño para aledar festa e convivio. Todo ficou engulido polo encoro dador de electricidade nos grandes salóns madrileños como diría, anos hai, o notario Luís Moure Mariño. Esa obra faraónica feita á medida dos grandes monopolios de Pedro I o Asolagador, conde de Fenosa, e apoiado polo perenne Caudillo por la Gracia de Dios, fixeron posible tanto expropicio e desolación.

Poboacións enteiras ficaron fóra do mapa, por un pantano que empobreceu centos de persoas que ergueron nación nese dominio que tiñan dun espazo, incomprensíbel e misterioso, para aquelas persoas que ignoraron a entrega paciente, de sol a sol, dos viñateiros miñotos nesta Galiza irredenta e sacrificada, pero dadora de riquezas insubstituíbeis. Hai unha longa nómina desde Porto de San Vitorio de Ribas de Miño (Saviñao) até Portomarín. Verdadeiras xoias da nosa arquitectura ribeirá ficaron escurecidas; a creatividade funcional deses arteluxos aínda sorprenden entre o lodo tenebroso a falsos progresos que só enriquecen a unha minoría en detrimento dunha maioría que ficou despoxada de seus eidos nativos, desnaturalizados e condenados ao éxodo e a adaptarse á tristura e aspereza doutros espazos ben diferentes aos que foron transcendencia vital de súa personalidade ribeirá.

Baixa o Miño por seu antigo caudal e remite aos que coñecemos e transitamos por estes espazos e aos que tiñan oído de tal desfeita e peregrinar ao confín deles pisando desolación, entre vides e arboredos de ribeira que resistiron durante cincuenta anos e aínda volven resplandecer nese esplendor de natureza morta e iluminada. Plantacións que na súa esclerose múltiple producida polos augas negras e silenciosas que nos remiten a reflexionar sobre os efectos depredadores que os encoros galegos teñen liquidado riqueza popular mentres que a resistencia de seus habitantes foi liquidada pola autarquía fascista. De todo isto son conscientes os centos de visitantes que desde os lindes da destrución danse conta de tantos quilómetros de conca fluvial que ficaron usurpadas.

Evitar o inevitábel fronte a un tecido autoritario das dimensión que exercía o franquismo era case imposíbel. Os efectos destrutores que deixan os encoros, remata de revelalo o de Belesar. Percorrín boa parte dos pobos asolagados do Saviñao e Taboada. No lugar xa mencionado de Porto, polo que tantas veces crucei o Miño e fixen convivio na casa dun parente da miña nai, o Cristo de Porto, coas súas paredes flaxeladas pola desfeita. A testemuña daqueles convivios anteriores agora resucitan, despois de medio século, cando admiro esa lumieira de porta e fiestras ou das hortas cercadas que daban os primeiros froitos e os arumes de primavera que proclamaban primor, elegancia e dádiva nas feiras de aldea e nos mercados urbanos.

Hai poucos días que o amigo e historiador Xoán Manuel Sobrado Vázquez descubriume a marabillosa ruta do Miño no concello de Taboada, e en todo ese microcosmos resucitado do encoro, revelan a enorme perda de tantos espazos humanizados, amados, reverenciados e protexidos polos seus poboadores..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras