O aborto, un dereito exclusivo da muller - 17 Outubro 2013

As tres membros de Femen irromperon intanxíbeis, con todo o seu ardor de mocidade e opulencia de liberdade, no sacrosanto Parlamento español. Inaudito. A maioría das súas señorías quixeron ver neses xestos nítidos unha representación diabólica, desas que o propio S. Miguel o espadachín non pode despezar nin o hisopo de Rouco Varela exorcizar.

As tres membros de Femen irromperon intanxíbeis, con todo o seu ardor de mocidade e opulencia de liberdade, no sacrosanto Parlamento español. Inaudito. A maioría das súas señorías quixeron ver neses xestos nítidos unha representación diabólica, desas que o propio S. Miguel o espadachín non pode despezar nin o hisopo de Rouco Varela exorcizar. Estas Tres Gracias veñen a encarnar a esencia mais pura e núa das mulleres que queren ser elas mesmas, en plenitude da súa liberdade. Desde aquela escultura do século II, a-C., da Grecia helenista, que representa nese mármore albo as Tres Cárites ou Gracias: Aglae, Talía e Eufrosina. As tres transcenderon en tódolos renacementos posíbeis da arte pictórica. As Tres Gracias de Rafael, de Botticeli, de Tintoretto, de Rubens, de J. B. Regnaul e de Picasso, entre tantos outros, non deixan de convidarnos a soster esa épica libertaria que elas protagonizan.

"Con esa enerxía feminina de ser elas mesmas, erguendo un universo sen ataduras, tomando decisións e sendo portadoras dun solemne grito que as Tres Gracias acalaron ao poderoso señor da xustiza, o ministro Ruíz Gallardón, cando iniciaba o seu discurso sobre o aborto"

Con esa enerxía feminina de ser elas mesmas, erguendo un universo sen ataduras, tomando decisións e sendo portadoras dun solemne grito que as Tres Gracias acalaron ao poderoso señor da xustiza, o ministro Ruíz Gallardón, cando iniciaba o seu discurso sobre o aborto. Os señores deputados e deputadas da dereita quixeron ver neses xestos unha maneira de profanación do hemiciclo, xa profanado por Tejero e por tanta vaidade discursiva. Outros coidaron que se trataba dun animado strip tease, ou das herdeiras de Cicciolina. Non, o show é o que se está realizando con leis represivas sobre o aborto no actual Parlamento. Contra esas normativas machistas e eclesiásticas, as Tres Gracias de hoxe, con súas tetas arrogantes e maduras, con seu eco aceso, manifestaban no rotulado do seu peito: “Aborto es Sagrado”. Coido que non hai nada sagrado, sobre todo, descartando o concepto místico, e si o dereito civil da muller a decidir sobre o seu propio corpo.

O tema é tan elemental, cando falamos de igualdade, que non precisa de moitos matices para entender o verdadeiro problema que teñen as mulleres, cando toman as súas decisións fronte a unhas leis discriminatorias e adobadas de hipocrisía, que non se sosteñen no que debía ser unha verdadeira democracia pluralista –que non temos- e cando os poderes do Estado están dirixidos pola prepotencia e pola discriminación de quen ostenta ese poder. Todo xira arredor de seus intereses e de súa prédica, neste sentido, é preciso mobilizarnos de mil maneiras, cando percibimos un atentado que se está practicando contra os sentimentos e as sensibilidades das mulleres; polas negativas a tomar en consideración ese debate científico amplo que con anterioridade xa deu os seus veredictos.

Estamos falando dun tema moi sensíbel que ten diversos perfís dentro dun mosaico de contradicións. Persoalmente pode que teñamos un punto de vista moi particular sobre o aborto; sobre ese terrible drama da muller no momento de tomar unha decisión tan delicada como é a interrupción do embarazo. Neste sentido, a liberdade persoal da muller debe predominar, pero tamén asistida por médicos e por todo un concerto social e de información para superar ese escurantismo recalcitrante e perverso.

"Que se pode agardar desa persistencia machista dun poder de ricos e de célibes que ignoran a igualdade e a liberdade e, sobre todo, os múltiples sufrimentos das mulleres mais desasistidas da sociedade".

Nestes contratempos, a muller está desasistida, porque se lle nega a súa liberdade de decidir. O peso cruel desa ortodoxia medievalista que aínda considera á muller como esas virxes románicas, sentadas e estáticas que teñen no seu centro o neno. Estas iconas emiten unha mensaxe que manifesta que a utilidade da muller é a de parir, coidar de seus fillos e lavarlle os calzóns a seu home. Este é o tótem que programa e proclama esa Igrexa integrista. E por isto esfórzase en plantar cara a unha sociedade que quere organizarse libremente e estar exenta de pasados, de tutelas e de credos que confinan e partillan a convivencia.

Sobre este tema, a sociedade xa ten deliberado e debatido cientificamente o tema do aborto, e cando se realiza un mínimo avance, o tradicionalismo machista e o relixioso fan acto de presenza con proclamas en favor da vida, con contidos reaccionarios, sen un mínimo de pudor científico. Que se pode agardar desa persistencia machista dun poder de ricos e de célibes que ignoran a igualdade e a liberdade e, sobre todo, os múltiples sufrimentos das mulleres mais desasistidas da sociedade.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía