"Cantares Gallegos", Cantares da nación popular - 28 Novembro 2013

A festa grande da palabra liberadora reclúenos no herdo popular que Rosalía de Castro manifesta no seu primeiro libro poético: “Cantares Gallegos”, que celebramos o 150 aniversario da súa publicación. Un libro pormenorizado na esencia popular mais elocuente e no que transcende unha nova expresión de profundo cambio, con aspectos innovadores, da literatura galega.

A festa grande da palabra liberadora reclúenos no herdo popular que Rosalía de Castro manifesta no seu primeiro libro poético: “Cantares Gallegos”, que celebramos o 150 aniversario da súa publicación. Un libro pormenorizado na esencia popular mais elocuente e no que transcende unha nova expresión de profundo cambio, con aspectos innovadores, da literatura galega. Todo un rexurdir en varios aspectos que definen un punto de partida inédito na historia da literatura. Con “Cantares Gallegos” renace unha ética de recompor país; de manifestar as esencias vivas dunha nación frustrada, asoballada, humillada polos boatos do poder colonial de Madrid. Neste libro, Rosalía afirma, confírmanos a autoestima e os estímulos que os galegos debemos tomar ante os agravios que intentan desintegrar nación, creando un enorme complexo de inferioridade na cidadanía.

"Neste libro, Rosalía afirma, confírmanos a autoestima e os estímulos que os galegos debemos tomar ante os agravios que intentan desintegrar nación, creando un enorme complexo de inferioridade na cidadanía".

“Cantares Gallegos” é o puntual e afortunado antídoto que precisábamos para encetar un combate sen retorno e que apareceu naquel ano de gloria para Galiza de 1863, onde se plasman diversas circunstancias traumáticas do noso país. Velaí o gran cántico patriótico e popular. A reafirmación da cidadanía esquecida, ese amplo universo do traballo e da cultura cultivada polas xentes do rural galego. Rosalía é unha poeta vital, unha escritora ruralista que nos desvela o intimismo arcaico no que se destacan tódolos atributos de Galiza como nación. Na obra poética de Rosalía revélase un compoñente ideolóxico que convive co estético. Aí está Galiza toda, con eses resplandores luminosos de restablecer e normalizar a conciencia popular e implicándose en varios contextos da vida social de labregos e mariñeiros, as clases populares mais depredadas e estimular conciencia nacional.

O problema nacional de Galiza está moi presente en toda a obra poética e narrativa de Rosalía. No seu prólogo de “Cantares Gallegos” é moi concreta e rotunda sobre o españolismo opresor e colonizador, cando subliña: “Galicia é o rincón mais despreciable da terra. Ben din que todo neste mundo está compensado, e ven así sofrir España d’ unha nación veciña que sempre a ofendeu a misma inxustiza qu’ ela, inda máis culpabre, comete c’ unha provincia homillada de quen nunca s’ acorda, como non sea prá homillala inda máis. Moito sinto as inxusticias con que nos favorecen os franceses, pró neste momento casi lles estou agradecida, pois que me proporcionan un medio de facerlle mais palpabre a España á insusticia qu’ ela a sua vez conosco comete”. Este texto promove unha serie de consideracións que se poden concretar nun manual patriótico ou nun programa de principios sobre os diversos comportamentos dun sistema opresor. Rosalía, neste prólogo, ensinounos a non consentir os oprobios e defender a nosa identidade fronte aos foráneos que manifestaron reiteradamente que Galiza era “¡un cortello inmundo”. Neste sentido, Rosalía constrúe un patriotismo activo que realmente toma forma nos diversos estadios do nacionalismo galego, a non consentir a mentira e usar a palabra como autodefensa do que é noso e en todo o que se lexitima na nosa cultura e idioma.

"Rosalía percibiu da xente do rural esas maneiras tan sensíbeis e diferenciadas que se concretan no identitario dunha nación que ela recoñece e di que nunca se debe chamar española".

Rosalía percibiu da xente do rural esas maneiras tan sensíbeis e diferenciadas que se concretan no identitario dunha nación que ela recoñece e di que nunca se debe chamar española. Lembro de ter conversas sobre estes temas co saudoso amigo e poeta, Eugénio de Andrade, un verdadeiro devoto de Rosalía, que sempre mencionaba esa simbiose entre pobo e poeta. E nesas súas apreciacións levouno a escribir: “ Rosalía chegou lá pela mão de quen mal sabia ler e escrever; mão de camponês, mas certa, sem dúvida; porque en materia de amor e pobreza, de solidão e morte, não são precisas muitas letras para se lhes conhecer o peso inteiro e o sabor”.

En todo o compoñente literario de Rosalía aparece o pobo oprimido, desvalixado e errante que se aferra e ama o país. Nesas diversas instancias de lectura encontramos a unha autora que relata a loita de clases, e en certos puntos moi acorde co que destacaron Marx e Engels sobre a explotación da clase traballadora. Na súa novela: “La hija del mar”, Rosalía convoca ao lector a observar as penalidades dos mariñeiros en súa existencialidade precaria, cando sinala: “Un viento fuerte y continuo que viene del mar arranca a veces, como árboles que troncha el uracán, las pobres chozas de los pescadores, dejándolos expuestos a la inclemencia de las estaciones, y, no obstante, los hijos de aquellas riberas abandonadas y tristes aman su país mucho más que los que viven en esas fértiles y risueñas campiñas de los climas del Mediodía”. Este extracto manifesta esa interrelación entre clase e nación, desbotando a clase que vive en “fértiles y risueñas campiñas”.

Os galegos somos moi pouco adictos á lectura da prosa de Rosalía, na que encontramos non poucas emerxencias nas que nos explica a decadencia do país en dous aspectos: na conciencia de nación e na conciencia de clase, tal como ela explica no poema revolucionario: “A xustiza pola man”. Dous temas aínda pendentes dun gran debate, dun enorme desafío e que se debe abrir, en seus diversos perfiles, partindo deste evento conmemorativo dos 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía