Manuel María e o Día das Letras Galegas 2015 - 23 Xaneiro 2014
logo nosjpg

Xosé Lois García

Convén abrir o tempero dun recoñecemento iniciático para 2015, onde a vida e a obra de Manuel María complementen ese ir ás fontes dun prodixio que emanan augas transparentes sobre a nosa historia colectiva, aínda sen contemplar debidamente varias das súas parcelas, e que o poeta de Outeiro de Rei nos adiantou en inusitados versos eses acentos que precisamos para nutrir os nosos sentimentos de realidades nas descubertas que Manuel María nos deixou nesas parcelas do seu realismo e da súa metáfora. 

Convén abrir o tempero dun recoñecemento iniciático para 2015, onde a vida e a obra de Manuel María complementen ese ir ás fontes dun prodixio que emanan augas transparentes sobre a nosa historia colectiva, aínda sen contemplar debidamente varias das súas parcelas, e que o poeta de Outeiro de Rei nos adiantou en inusitados versos eses acentos que precisamos para nutrir os nosos sentimentos de realidades nas descubertas que Manuel María nos deixou nesas parcelas do seu realismo e da súa metáfora. 

"A  presenza de Manuel María non permite silencios nin aprazamentos, debido a que a súa acusada personalidade, durante estes dez anos, tense agrandado en moi diversos eidos da nosa identidade nacional"

Aí está o esencial da terra, en destacados dominios que el soubo entrar e permanecer para transmitirnos as esencias da nosa personalidade. O ser e o estar galego son constantes na poesía e na prosa de Manuel, esa inspirada conspiración exercida para concienciarnos, normalizarnos e recoñecernos de que pertencemos a unha nación diferente, marcada pola nosa idiosincrasia e de atributos que emanan da nosa cultura e do noso idioma. Estas marcas tan singulares e sensíbeis abondan nos versos de Manuel, dunha maneira fecunda e pragmática, non só como expresión poética senón elemento unificador desa harmonía cívica e reivindicadora que nos define a súa creación literaria, como esencial e vital no respiro que lexitima o verbo creativo dunha Galiza plena e de seu.

No presente ano cúmprense dez anos do pasamento de Manuel María, isto quer dicir que para os señores académicos da RAG preséntaselles un novo e extraordinario candidato, como Manuel, que estará a ser pensado por moitos deles para celebrar o Día das Letras Galegas de 2015. E mais, talvez, por miles de amadores do escritor que, sen dúbida, saberán puntualizar esa exixencia dun novo encontro co poeta de tódalas Galizas posíbeis, de aquí e de acolá, que el redundou nese diálogo aberto e dilatado en diversas frontes das que emana certeza.

Sabemos que a presenza de Manuel María non permite silencios nin aprazamentos, debido a que a súa acusada personalidade, durante estes dez anos, tense agrandado en moi diversos eidos da nosa identidade nacional. A posta en marcha da “Fundación Manuel María de Estudos Galegos”, na súa casa natal de Outeiro, (www.manuelmaría.com) aí podemos establecer un diálogo co poeta no que se admite un ámbito de masas e de individualidades que procuran un acordar de presenzas onde Manuel María ven a ser a figura que nos vertebra nunha fecunda orientación neste noso norte profundo, cunha mensaxe de redención que esclarece tantas usurpacións no noso país. 

"Pode e debe ser conseguido, entre todos, que 2015 sexa un ano de graza e de Manuel María".

Manuel non só é o poeta da Terra Cha, tamén doutras particularidades xeográficas de Galiza, como Monforte, Pantón, Quiroga, o Carballiño e Compostela. Para nós, os da Ribeira Sacra, Manuel María introduciunos nunha descuberta imprescindíbel irrenunciábel. Desde tódolos ángulos que se observe non poderemos eludir o seu comportamento cívico e a dignidade que se desprende da súa obra, en todo o que se personifica co seu pobo.

Pode e debe ser conseguido, entre todos, que 2015 sexa un ano de graza e de Manuel María. Abondan as virtudes e as fidelidades que este escritor argumentou nese amplo contido de seu verbo liberado, no que tódolos galegos estamos aludidos para contribuír a esclarecer ese estado de cousas que aínda mutilan os prodixios dun herdo e dunha identidade a que Manuel sempre tentou recuperar, estabilizar, normalizar. Por iso é que a súa obra proclama memoria cara un persoa de acusada sensibilidade que transmite redención das clases populares, no respiro mais amplo da nosa nación. Agardamos que 2015 nos traia a merecida distinción de de que todos os galegos celebremos a Manuel María para que continúe dándonos tempos novos para unha Galiza liberada