Os amorfos e outras anomalías - 15 Maio 2014

Tocan a diana electoral e a presenza dos invisíbeis non disimula a súa avaricia por manter ese incontestábel dominio sobre os que están subordinados no cortello das rutinas e con dereito a non ter ideas.

Tocan a diana electoral e a presenza dos invisíbeis non disimula a súa avaricia por manter ese incontestábel dominio sobre os que están subordinados no cortello das rutinas e con dereito a non ter ideas. Galiza é un país de amorfos que continúa dando testemuña, desde as orixes do caciquismo, dese extremismo devorador do século XIX e que aínda manifesta seu poder. A ditadura borbónica, franquista e neofranquista (a actual), modelaron a nosa sociedade silenciándoa nese amorfismo da intolerancia e do enmudecemento. 

"A ditadura borbónica, franquista e neofranquista (a actual), modelaron a nosa sociedade silenciándoa nese amorfismo da intolerancia e do enmudecemento". 

A gran masa de votantes en Galiza, posibelmente conforme esa irregularidade ao carecer dunha personalidade con carácter, capaz de disipar esa enorme sombra destrutora que a reclúe na miseria de tantas anomalías que podemos clasificalas en oprobios incesantes e insoportábeis. 

Demasiada perda de enerxía en discursos inútiles, en palabras sen contido, en barulleiras innecesarias. Me ntres ninguén erradica a eses intermediarios caciquís que someten a gran maioría da sociedade a ese amorfismo. Nunha sociedade non estruturada nin normalizada, a autoestima que precisa calquera identidade nacional, como a nosa, está secuestrada por uns e tolerada por outros.

Nesta situación amorfa podemos constatar a descomposición social en todo aquilo que se tolera, como é ese verbalismo alienante que extenúa a unha sociedade que continúa fiel a ese discurso mínimo e contundente de monifates e lumpecaciques. Nesta dirección, apuntaba en 1927 Rafael Dieste, nun artigo que comezaba así: “Hai verbas perigosas para o pensamento. Son verbas que ao medraren no sentimento popular, foron invadindo vagarosas comarcas e requiren de nós, no intre de contar con elas como guieiros do pensamento ou distantes sinais para o seu rumo, moi solertes coidados e moi fina concencia do que din e do que non din”. Mais as perigosas verbas foron capaces de crear un pensamento negativo e moi presente nun amplo campo a ermo de cidadáns que aínda non lle chegou a palabra certa; a idea liberadora capaz de excluílos desa cadea amorfa.

Os que se conforman con que Galiza sempre foi así e deberá seguir estando no limbo do conservadorismo mais retrógrado, están fortalecendo a dominio caciquil e tolerando a desfeita dun país que se desangra por tódolos seus poros. Mentres a enerxía dos mais conscientes vaise disipando en palabras fútiles, en demoradas accións e nas consabidas  capelas de nefando ritual. 

Por aqueles anos vinte, o escritor rianxeiro, anteriormente mencionado, dicía: “Mais deixemos agora iste tecer e destecer conflitos clausos e saiamos fóra. Alén do claustro hai tamén moito que desenliar. Sen esquencer, noustante, que “dentro” e “fóra” andan sempre en moi estreito ensamblamento”.

"Os que se conforman con que Galiza sempre foi así e deberá seguir estando no limbo do conservadorismo mais retrógrado, están fortalecendo a dominio caciquil e tolerando a desfeita dun país que se desangra por tódolos seus poros". 

Curiosas as palabras de Dieste, parece que foron escritas esta mañá para advertirnos do que acontece nas encrucilladas da temeridade actual. E un coida nese “tecer” audaz e no “destecer” que as liortas desvelan. Qué xenética a nosa qué nos arreda do inconformismo? Qué ADN tan domesticado nos asiste? O ímpeto dos galegos, tantas veces negativo polo que se renuncia, non deixa de asistirnos nesa capacidade persistente de amar a terra e, tamén, de renunciar a defendela en tantas procuras necesarias.

As anomalías do pasado persisten nesa rede agresiva e caciquil, onde a masa amorfa mostra pasividade e ignorancia por temas moi sensíbeis que atinxen á súa precariedade. Problemas existencias, sociais e de pobreza material e intelectual sen que a acción teña un contido preponderante en combater estas políticas antisociais. Falta dilixencia naquilo que tantas veces mencionou Castelao: “Petar na alma do povo até promover un estado de opinión revolucionaria”. Mais tamén falou dun pobo suicida. Dun suicidio consentido polos da prédica de barateira e sen acción; polos que lles convén ese suicidio que se manifesta en tantos aspectos degradantes e en tantas parcialidades de dominio.

Unha desas sangrías a producen os sambesugas do voto; os mete medos de ocasión; os que se valen da infamia e se manteñen nos diversos poderes institucionais e propician vendetas que favorecen a esas avultadas ganancias electorais. Neste sentido, é verdade que a maioría dos votantes non se decata d “amoado e filloas que se fai coas eleccións”. Dado o que se ve e corrompe, non queda outra: “petar na alma do pobo”...

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía