A liturxia discursiva do novo Rei - 26 Xuño 2014

Impregnado desa autoridade rexia que lle confire o poder dos que velan pola vertebrada España, alén das diversas culturas, tradicións e linguas: amén da ampla diversidade ibérica, Filipe VI –talvez sen querer os seus asesores- entrou nunha materia que postula un debate mais concreto e cunha horizontalidade sen lindes, para retomar conceptos que foron aprazados con drásticos comportamentos da España única e eterna.

Impregnado desa autoridade rexia que lle confire o poder dos que velan pola vertebrada España, alén das diversas culturas, tradicións e linguas: amén da ampla diversidade ibérica, Filipe VI –talvez sen querer os seus asesores- entrou nunha materia que postula un debate mais concreto e cunha horizontalidade sen lindes, para retomar conceptos que foron aprazados con drásticos comportamentos da España única e eterna.

"Hai un innovado deseño no discurso, non sabemos se é para atraer as forzas converxentes dos nacionalismos periféricos ou para amainar as convulsións procedentes de Cataluña". 

Un non está certo do que o rei subliña sobre o “especial respeto y protección” das linguas do Estado español, ou se esa protección vai ser nunha reserva museística, onde podemos contemplar con saudade o noso pasado identitario e ficar coas ocas palabras que non abren futuros. É verdade que hai un novo discurso, por parte de quen vai reinar protocolariamente, pero non gobernando. Hai un innovado deseño no discurso, non sabemos se é para atraer as forzas converxentes dos nacionalismos periféricos ou para amainar as convulsións procedentes de Cataluña. 

En toda a súa elocución, confírmase outro parámetro diferente, na seguinte dimensión e dirección: “pues las lenguas constituyen las vías naturales de acceso al conocimiento de los pueblos y son a la vez los puentes para el diálogo de todos los españoles”. Algo sorprendente e ponderado sobre os idiomas das comunidades naturais do que se prohibiu e perseguiu e, actualmente, trátase de domesticalos,  postergándoos a un segundo plano desde as institucións do Estado.

Convén analizar aos catro intelectuais da diversidade lingüística ibérica. Catro lecturas resumidas nunha só precisión de telos, nesta ocasión, como referencia de súas respectivas nacionalidades. Aquí compéndiase unha lectura transversal do que representa a monarquía e o españolismo, fronte o republicanismo que representaron os catro escritores citados: Antonio Machado, Espriu, Aresti e Castelao. Dous deles mortos no desterro, Machado e Castelao; tres deles implicados na defensa dos dereitos das tres nacionalidades históricas, Castelao, Espriu e Aresti. Todos eles con respostas contundentes en favor da república e contra a monarquía.

"Por qué Filipe VI invocou a estas figuras senlleiras da liberdade e da defensa da lingua e da cultura de seus respectivos pobos e preclaros antimonárquicos?"

Por qué Filipe VI invocou a estas figuras senlleiras da liberdade e da defensa da lingua e da cultura de seus respectivos pobos e preclaros antimonárquicos? Vén a rescatar e recoñecer a evidencia tan oculta e perseguida destas catro figuras, tan perseguidas polos que defenderon a monarquía e a España omnímoda? Tantas lecturas como preguntas ante os feitos que desvelan matices do que non pode seguir proscrito, ou do que se desexa que non siga enrocado o diálogo. Simplemente unha choscada para atraer o persoal con cánticos de sirena e rebaixar a tensión creada en Cataluña? Tantas preguntas, numerosas incógnitas aínda sen discernir.

Entremos de novo na posición dos catro evocados e a súa incontestábel prédica antimonárquica e en defensa da república. Antonio Machado versificou: “¡La primavera ha venido / y don Alfonso se va. / Muchos duques le acompañan / hasta cerca de la mar. / Las cigüeñas de las torres / quisieran verlo embarcar”. O verbo antimonárquico de Machado foi inexpugnábel: “Papagayo verde, / lorito real, / di tú lo que sabes / al sol que se va”. O destro poeta republicano, anticipaba: “Alerta al sol que nace, / y al rojo parto de la madre vieja. / Con el arco tendido hacia el mañana / hay que velar. ¡Alerta, alerta, alerta!” Machado, o tenaz defensor da república, implicouse clamorosamente nas alertas defensivas do ideal popular republicano: “tu carta, heroico Líster, me consuela / de esta, que pesa en mí, carne de muerte”.

Por orde de cita, Salvador Espriu esclarece a realidade de Cataluña sen liberdade. Espriu foi o poeta plenipotenciario das aspiración catalás. No seu hermetismo metafísico, soubo pór a palabra certa, a metáfora apoteótica desa centenaria aspiración, cando dixo: “Lembra sempre isto, Sepharad. / Fai que sexan seguras as pontes do diálogo / e intenta comprender e amar / as razóns e as falas diversas de teus fillos”. Ía por aquí o seguinte texto de Filipe VI?, “y son a la vez los puentes para el diálogo”. A metáfora de Espriu, no seu libro, “La pell de brau”, continúa: “Arqueiros do rei, os cánticos / xa non se entoarán / sobre o alto muro: que sexan desde a lembranza salvados”. Eses arqueiros reais, “Sementaban sequidade / só na terra / empapada de sangue”. Canta alegoría, canto símbolo para que podan discernir a realidade os da amnesia centralista. Mais Salvador Espriu insiste: “na dureza do diálogo / cos que son iguais, / edifica o pausado templo / do teu traballo, / ergue a nova casa / no solar / que designas co nome / de liberdade”.  

"Mais Filipe VI se non leu o “Sempre en Galiza”, agora está na obriga de facelo. Polo menos mencionou o nome de Castelao, o guieiro que revelou tantos efectos coloniais que castraron a Galiza".

Gabriel Aresti –o terceiro na cita- foi o poeta nacional e social que mais testemuñou a opresión colonial en Euskal Herria. O seu poemario, “Harri eta Herri” (Pedra e Pobo) resolve varias cuestións, sobre os valores que precisan urxente defensa, nese seu clamor patriótico: “Defenderei / a casa do meu pai. / Contra os lobos, / contra a seca, / contra a usura, / contra a xustiza, / defenderei / a casa / do meu pai./ Perderei / os gandos, / as hortas, / os piñeirais; / perderei / os intereses, / as rendas, / os dividendos, / pero defenderei a casa do meu pai”. O voz luminosa e ergueita deste poeta de Euskadi parece que comeza a ser oída ou polo menos citada polo novo rei. Mais, cando Filipe VI terá no poeta que cita esa plenitude de achego a ese pobo desexoso de ser el mesmo e comprender os verdadeiros designios na aspiración do gran Aresti? E teña unha reflexión sobre estes versos: “Para falar contigo / quero o euskera; desde que se nos perdeu / estamos perdidos. / Ninguén entende / a miña lingua: / Debo tomar o romance / en versos vascos”.

O último na cita foi Castelao –os galegos sempre somos os últimos en ser mencionados no que repercute á nosa dignidade e necesidades concretas-. Mais Filipe VI se non leu o “Sempre en Galiza”, agora está na obriga de facelo. Polo menos mencionou o nome de Castelao, o guieiro que revelou tantos efectos coloniais que castraron a Galiza. O rei Borbón precisa coñecer a particular historia das frustracións nacionais de Galiza, que o pragmático Castelao subliñou: “Os que coidamos que o sistema unitario e centralista causou a ruína material e moral de Hespaña, somos uns falsarios. Os que non queremos someternos â violencia asimilista que iniciaron os Austrias e Borbóns, somos uns insurrectos”. 

"O señor rei ten que tomar boa nota do que din os catro intelectuais referenciados, non sexa que a mala memoria produza perigosas contradicións entre o que se di e o que non se fai".

E significativo lembrar a presenza deste destacado galeguista e republicano furgando nas falcatruadas de Estado que repercutiron na dobregada e amansada Galiza. Castelao foi a vox clamanti da crítica e de ver a historia ao revés de como a contou o poder desde Madrid. Alén do desorde histórico, con que se nos confinou, Castelao advertiu: “Desque reinaron en Hespaña as dinastías estranxeiras dos Austrias e Borbóns –importadores do cesarismo unitario e centralista-, os hespañoes non podían sentirse identificados coa misión histórica da monarquía, porque a política dos reis tiña por norte afogar a libre respiración dos povos, tradicionalmente autónomos”. E continúa a critica á monarquía centralista: “Dende entón “monarquía” quer dicir “imperialismo”, “uniformismo”, “centralismo”, e “república” quer dicir “descentralización”, “autonomías”, liberdade”. 

O señor rei ten que tomar boa nota do que din os catro intelectuais referenciados, non sexa que a mala memoria produza perigosas contradicións entre o que se di e o que non se fai. A non ser que un rei constitucional –aforro o entre vírgulas- convértase en ficción de quen goberna e as palabras sexan só iso, simples palabras. 

No escenario do “besa manos” ollei algo que me deixou estupefacto, foi no momento en que o rei lle fixo a benia a un ínclito Rouco Varela, ben ergueito e compracido. A ninguén mais rendeu esta compostura de vasalaxe. Tal feito lévanos a non poucas conclusións.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía