As conflluencias do soberanismo - 24 Xullo 2014

Cando un pobo con dignidade e autoestima utiliza a súa capacidade de acción fronte a inaceptábeis involucións e agresións sistemáticas, no que se refire a constatacións sobre a usurpación de dereitos nacionais e sociais, non pode consentir abusos e depredacións. É sabido que Galiza ten variados problemas estructurais, no identitario e no que se refire ao seu tecido social, económico e cultural, dos que se veñen denunciando puntualmente ante situacións deprimentes.

Cando un pobo con dignidade e autoestima utiliza a súa capacidade de acción fronte a inaceptábeis involucións e agresións sistemáticas, no que se refire a constatacións sobre a usurpación de dereitos nacionais e sociais, non pode consentir abusos e depredacións. É sabido que Galiza ten variados problemas estructurais, no identitario e no que se refire ao seu tecido social, económico e cultural, dos que se veñen denunciando puntualmente ante situacións deprimentes.

Pode que a falta de unidade nacionalista, no ámbito das estratexias, teña un cariz de dispersión ante a cobiza centralizadora, con connotacións colonialistas que atenúan esa asfixia con políticas de expansión neoliberais, que xa non se administran desde poderes económicos e desde o goberno central, senón polas institucións autonómicas: máximos entes de subministrar desorde e confusión. Plans nocivos e atentatorios que se aplican ante unha poboación tantas veces pasiva e resentida de tantos agravios no escenario cultural e económico. A usurpación nacional e a de clases van unidas na Galiza.

"Ante o Día Nacional da Patria Galega, compre que o nacionalismo de esquerda tenda a mao para reorganizarse e superar a confrontación dialéctica e, sobre todo, as disidencias que particularizan o espallamento do minifundismo de acaparación que tantas felonías e despropósitos trouxo a Galiza".

Ante o Día Nacional da Patria Galega, compre que o nacionalismo de esquerda tenda a mao para reorganizarse e superar a confrontación dialéctica e, sobre todo, as disidencias que particularizan o espallamento do minifundismo de acaparación que tantas felonías e despropósitos trouxo a Galiza.

Os dereitos nacionais do pobo galego actualmente, mais que noutros procesos da nosa historia reivindicativa, precisan reactivalos con cordura e nun amplo encontro coa sociedade e ante os problemas do país, fronte aos que desgobernan a nosa nación e encobren a súa realidade nacional e social dunha maneira contundente, despersonalizando o herdo identitario e os graves problemas existenciais que apreixan e devoran a sociedade traballadora galega.

O deseño superestrutural do Estado español, con relación a Galiza, levoumos a unha insoportábel conmoción cos diversos modelos de opresión que nos diferencia das outras nacionalidades históricas. Mais Cataluña creou un clima de autoestima nacional e puxo en cuestión os dominios e os refuxios do españolismo, como emisor de medos e ameazas. O que acontece en Cataluña non é unha cuestión actual, nen un arrouto de Mas ou da burguesía de CiU. Foi todo un pobo que particularizou a súa idiosincrasia, connotando os tempos e as posibilidades de actuar con rigor e pragmatismo. Agora non valen os remendos e os pretextos vindos dun modelo político-constitucional, manipulado por un españolismo acedo que apela reiteradamente á letra constitucional de comenencia que, de tanto usala inapropiamente, en favor de intereses ocultos, a converteron en papel inservíbel.

O soberanismo non é un capricho de iluminados, é unha antiga vocación de liberdade para cataláns euskeras e galegos. Nesta nosa Galiza profanada non se soubo pór ao día das circunstancias e por non ter a ambición de crear estructuras capaces de encarar a cuestión nacional e encadrala na loita de clases sociais e creando un temario de emancipación nacional ben cohesionado, para non estar a expensas das evolucións históricas que se procesaron en Cataluña e Euskadi. Galiza é diferente na temporalidade dos acontecementos, e isto esixe respostas diferentes, mais coa solidariedade puntual e contundente cos procesos das outras nacionalidades do Estado.

"O soberanismo non é un capricho de iluminados, é unha antiga vocación de liberdade para cataláns euskeras e galegos".

As autonomías están caducas nas nacionalidades históricas e ante os procesos xurdidos baixo esquemas totalitarios e vencellados ao neoliberalismo global. As falsas ilusións xa non serven de coartada ante unha sociedade heteroxénea mais que non desexa despersonalizarse da súa lingua e cultura. As autonomías do Estado foron construídas polo nacionalismo español e por tantos pavores que atormentan aos que proclaman unidade en abstracto, pero moi puntual na alienación e castración de dereitos: unha maneira de conspirar aleivosamente.

Neste período constitucional posfranquista non cesaron as demandas pola autodeterminación, o tempo superou estas circunstancias e agora, é ben sabido, o soberanismo non cesa como resposta a ese pensamento omnímodo que non muda de seus conceptos e medos que o absorben nun grave problema aos partidos unitarios que gobernaron coa constitución actual.

Na Galiza compre espertar e movementar á cidadanía, con accións que superen o eco colectivo, con contundencia cívica e pacífica –entendendo ben as normas do pacifismo ante os intolerantes-. A soberanía popular e social obriga a abrir frontes de confluencia cara un movemento amplo e participativo, no que emerxa a unidade.

Os patriotas galegos –no seu día grande e na súa festa maior- deben exercer esa primacía cívica e concretar o malestar da cidadanía que sofre ante tantas imposicións dunha dereita montesía que arrebata ás clases populares as conquistas de antano e as somete a precariedades infrahumanas. 

As liberdades individuais e colectivas, no aspecto nacional e social, están sendo degradadas pola censura e a mentira de quen goberna. Neste parámetro, hai tempo que Galiza está depositada na UVI do menosprezo e do aldraxe. Isto seguirá mentres os dirixentes nacionalistas continúen discrepando e aferrándose a verdades absolutas e a outras cuestións desilusionantes que, con elo, a moitos cidadáns os levan a refuxiarse na pasividade.

No Día da Patria Galega ninguén debe cuestionar a acción movilizadora e unitaria para manter unha reflexión sobre onde estamos e para onde imos. O de velas vir e deixar pasar..., xa non nos serve nin como metáfora. Hai que implicarse, non vale o amén para tódalas cousas. Isto sería unha  entrega consentida.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía