Insostíbel realidade - 11 Decembro 2014

Continúa o asedio dos poderosos do gran capital, en santa alianza cos mandaríns políticos que buscan privilexios de alta gama e outros fan o mesmo traballo sucio conformándose coas migallas.

Continúa o asedio dos poderosos do gran capital, en santa alianza cos mandaríns políticos que buscan privilexios de alta gama e outros fan o mesmo traballo sucio conformándose coas migallas. Os da base ollan para a impoñente pirámide de poderes omnímodos de executivos e intermediarios, dunha maneira impasíbel e silenciosa, presaxiando desconcertos e atrocidades nas súas vidas. 

"Os da base ollan para a impoñente pirámide de poderes omnímodos de executivos e intermediarios, dunha maneira impasíbel e silenciosa, presaxiando desconcertos e atrocidades nas súas vidas". 

As bases sociais teñen moito que dicir, tanto da sospeita dos que aglutinan poder como dos seus representantes, eses mórbidos suxeitos que vulneran os mais mínimos principios  de dignidade. Claro que desde esta agresión é admisíbel a desobediencia civil, como arma pacífica e desafío permanente contra os que acumulan riquezas e mentres seus gurús potencian consabidas e ilimitadas desigualdades. 

Isto non deixa de ser unha formulación simple desde a idea marxista de loita de clases e, ao mesmo tempo, un tema complexo que precisa de definicións e directrices para que a desobediencia civil, no ideario de Henry D. Thoreau, confirme certas obrigacións e compromisos cara unha  acción, superando fórmulas de carácter utópico, alén das propostas políticas da clase dominante que criticamos pero aceptamos. Esta non é unha posición categoricamente ácrata –aínda que teña certos matices no goberno do pobo non piramidal-. Thoreau subliñaba: “O mellor goberno é o que goberna menos”, ou o que se lle deixa que desgoberne as nosas vidas, tomando como atributo a irrenunciábel liberdade de non ceder nin delegar en poderes estatalizados que se conservan por medio de ditaduras manu militari ou por democracias enganosas e corrompidas que acentúan o desastre colectivo das clases subalternas.

A estratificación social da sociedade capitalista, co seu ilimitado poder estatal, estrangula e parcela a capacidade de mobilización dunha sociedade civil de autoxestión. Dicía un estatalista como Lenin, en “O Estado e a Revolución”, que o maior opresor dos dereitos e liberdades cidadáns era o Estado, en calquera das súas fórmulas organizativas. Entón o poder popular que se demanda, alén de slogans e frases feitas, deixa de ser un quimera. Velaquí a presenza civilista de desobediencia contra o absolutismo dos que se manteñen na idea de que “O Estado son eu”.

"Ante un estado de opresións como o que se contempla actualmente, compre superar as anomalías dun sistema  discriminatorio"

Hai poucos días que eu lía un poema de Kabir, realmente marcoume un paréntese de reflexión para incidir noutros  parámetros de liberdade, revolta e dignidade das clases oprimidas, manifestado nestes versos: “O pé está atascado no bulleiro. / Sen un cambio profundo que revolva todo, / non nos queda esperanza”. A metáfora como vía redencional dunha mensaxe que potencia o desatasco de nosas accións. Liberar o pé da lama, para andar cara outros espazos de dignidade, non deixa de ser unha búsqueda de esperanza. O cambio e a revolta, na metáfora poética de Kabir, é un activo para superar o lastre dunha cultura de  privilexios que fomenta ignorancia, alienación e desigualdade.

Ante un estado de opresións como o que se contempla actualmente, compre superar as anomalías dun sistema  discriminatorio. Estamos nunha fase de parálise e descomposición que se mantén en súas propias contradicións, por medio desas ditaduras institucionais e constitucionais que prestan incondicional apoio aos grandes poderes financeiros e bancarios. Neste sentido, pode que comecemos a percibir as palabras certas de Fernando Pessoa, ante a fatalidade social que nos depara: “Ainda bem que isto vai mal, porque isso é a nossa salvação”. 

A dimensión dos problemas asocian pormenorizados conflitos e angurias existenciais que se destacan acotío nos medios de comunicación; problemas económicos de subsistencia que aceleran a decapitación dos desherdados sociais. Mentres as instancias que gobernan e fundamentan a inicua sociedade dos poderosos, que son os que pagan o silencio da realidade a intermediarios, teremos un apoio nese “vai Mal”, non para ir peor, senón para configurar unha sociedade igualitaria, fronte á vía capitalista que vén lexitimando a verticalidade deses poderes intermedios que a sustentan. Mais hai vías concretas xa teorizadas que precisan poñelas en práctica para impedir que se normalice o inevitábel.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía