Un Nadal no contexto da confusión - 24 Decembro 2014

A precariedade social aumenta á medida que a cidanía procura novos horizontes dentro dun sistema que está callando como cultura de desigualdade e subsistencia. O problema non é só ser pobres, senón indiferentes coa realidade existencial que nos rodea.

A precariedade social aumenta á medida que a cidanía procura novos horizontes dentro dun sistema que está callando como cultura de desigualdade e subsistencia. O problema non é só ser pobres, senón indiferentes coa realidade existencial que nos rodea. Cando isto se asume gradualmente, ante uns indicadores nada catastrofistas que desvelan a realidade social imposta polo gran capital, estamos protexendo e cultivando o sistema que estrangulou aquela estratificación de clases, aínda que non cohabitase a clase media e a proletaria, por diversos intereses e pensamento. 

"A estupidez de esta clase media foi a de estar virada cara intereses superiores, fuxindo das clase mais baixas, do extracto social proletario"

A estupidez de esta clase media foi a de estar virada cara intereses superiores, fuxindo das clase mais baixas, do extracto social proletario. Coa súa mentalidade pequenoburguesa, esnaquizou os seus pequenos recursos comerciais e industriais sendo absorbidos e devorados polos tentáculos asfixiantes do capitalismo global. As clases medias foron rebaixadas a un extracto social de miseria, ao mesmo parámetro que a clase traballadora desempregada, desafiuzada, errante polas detestábeis miserias dun sistema económico e dun modelo político de desgoberno que van de maos dadas.

Os solidarios mobilízanse, sobre todo nestas datas, procurando aumentar os produtos dos chamados bancos de alimentos que se colocan nas áreas comerciais das grandes cidades, pedindo alimentos para repartir entre os mais pobres. A xente responde, parece que a sordidez de antano bate nas conciencias e a solidariedade é mais puntual nestas efemérides de Nadal. Con estes xestos tentamos acalar a mala conciencia unha vez ao ano e dunha maneira desmedida? Despois qué? Pois continuamos indiferentes e fríos cando pasamos ante un solitario mendicante ou dun colectivo cuxo teito e un cartón nun refuxio das estrumeiras urbanas. O maior oprobio que reciben é a indiferenza cando a nosa ollada se perde, como negando unha realidade que eles non crearon. Xa non é cuestión de entreter a ollada noutros mesteres que nos separan de miles de persoas nesta situación de miseria, nin de lavar a conciencia unha vez ao ano, nesta festa cristián tan viciosa como hipócrita que comparte as migallas cos mais débiles.

"Se hai mais miseria nas masas desprotexidas e abandonadas é porque unha minoría de  poderosos e corruptos estrangulan seu porvir".

O problema é a pobreza que o sistema de desigualdades provoca e estimula. Se hai mais miseria nas masas desprotexidas e abandonadas é porque unha minoría de  poderosos e corruptos estrangulan seu porvir. O tema non pasa por unha filantropía de axuda mínima para lavar a conciencia, pasa por destruír a pobreza e a indignidade que aferrolla a millóns de persoas. E pasa, tamén, por distribuír as riquezas. 

Non negamos a capacidade de miles de persoas que están cubrindo parte desas necesidades alimenticias ante enormes fileiras de persoas que procuran o codelo compangado cada día ante un banco de alimentos, unha asociación de veciños, dun convento ou dunha casa reitoral. O problema é que esta cobertura vén da solidariedade cidadán e non do goberno e das institucións do Estado, non como caridade e si como dereito inalienábel de dar cobertura ao enorme xentío que continuamente son humillados pola perversa e negativa  indiferenza.  

"A rutina de autocompracernos con pequenos xestos de caridade, convértenos en cómplices pasivos dos que crean asfixiantes desigualdades baseadas na intolerancia".    

A dilapidación de recursos por parte dos que practican corrupción, desde a administración mais elemental, é outro dos problemas de acaparar o que é de todos. Isto non quere dicir que non haxa administracións sensíbeis, como certos concellos que tratan de cubrir as necesidades que debe asumir o Estado. Na cobertura destas necesidades tamén se marcan diferenzas entre unha institución de esquerdas, que trata de articular baremos de necesidades concretas, e a administrada pola dereita, que utiliza un caciquismo intervencionista e de intereses escuros.

O peor destas circunstancias é cando a sociedade normaliza a pobreza, non identificándose cos que a padecen. Estamos nun contexto de confusión, de abaixarse ante inadmisíbeis situacións de subsistencia. A rutina de autocompracernos con pequenos xestos de caridade, convértenos en cómplices pasivos dos que crean asfixiantes desigualdades baseadas na intolerancia.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía