Co berro ergueito, en defensa do idioma - 05 Febreiro 2015

Actualizar os tempos, os espazos e as vontades pasa por unha defensa nítida e contestataria en favor do noso idioma; en tódalas direccións, reclamos e clamores. O colonialismo institucional deu pasos firmes, pasou barreiras, eliminou distancias e creou conflitos onde o galego ten presenza

Actualizar os tempos, os espazos e as vontades pasa por unha defensa nítida e contestataria en favor do noso idioma; en tódalas direccións, reclamos e clamores. O colonialismo institucional deu pasos firmes, pasou barreiras, eliminou distancias e creou conflitos onde o galego ten presenza. A desfeita do noso idioma non se improvisou desde as institucións, foi calculada, regrada e filtrada con sutiliza, coa fórmula mais agresiva e solapada que atinxiu a unha indefensión gradual de falantes.

"A desfeita do noso idioma non se improvisou desde as institucións, foi calculada, regrada e filtrada con sutiliza, coa fórmula mais agresiva e solapada que atinxiu a unha indefensión gradual de falantes".

Saben perfectamente que negar apoios ao noso idioma e non investir en infraestruturas que consoliden unha normalización ou fases de recuperación, equivale a crear un desgaste de tamañas consecuencias; de propiciar unha escalada destrutiva contra unha materia tan sensíbel, fráxil e quebradiza como é a situación actual do noso idioma.

Resulta preocupante a recesión de falantes, segundo as estatísticas, debido a ese virus institucional que está atacando as células mais vulnerábeis e específicas do corpo lingüístico, dunha maneira nociva. Unha doenza perigosa que debemos tratala con moito respecto e sensibilidade na unidade de vixilancia intensiva, con tódolos medios ao noso alcance. Na UVI dos sentimentos sen renuncia e co berro ergueito, con tódalas alertas posíbeis, defenderemos a palabra espoliada e tódalas súas dádivas. Resistimos no verbo enteiro que nos deu nación invulnerábel.

Nesta situación, non vale ir aos poucos nin tolerar a opacidade dos que negan a luz que desexamos. Temos que abrir camiños sen retorno e iluminar a palabra certa e poderosa. A liberdade e a plenitude da nosa lingua non se negocia, conquístase. Neste contencioso, é preciso mentalizarnos de que o noso idioma é intocábel, por ser o baluarte da nosa identidade: arma eficaz e contundente para deixar de ser redutíbeis na estrumeira dos poderes de dominación.

"As lesións que soporta actualmente o idioma galego é un indicativo da pasividade dos poderes públicos e, tamén, pola falta de contundencia apropiada para defendelo".

As lesións que soporta actualmente o idioma galego é un indicativo da pasividade dos poderes públicos e, tamén, pola falta de contundencia apropiada para defendelo. As contradicións actuais mostran a ausencia de prioridades en temas como é a normalización lingüística; dun proxecto de reposición do noso idioma no que poñamos en práctica un proceso de erradicación dos graves problemas que soportamos os falantes galegos.

A loita pola nosa lingua debe contemplarse desde parámetros de cohesión, como elemento esencial de sustentarnos nos atributos que configuran a nosa nación. Somos conscientes de que a liberdade, a lexitimidade e a normalidade son atributos engulidos e devorados polas políticas de homologación colonial.

Ante esta desfeita temos o deber de posicionarnos nun amplo combate de ideas, de modelos contestatarios que contribúan a crear e respaldar iniciativas cívicas e populares. Precisamos de iniciar un combate pragmático, cuxa arma sexa a palabra. É necesario expandir o eco comunal e irmandiño dando batalla pacífica o próximo día 8 en Compostela, sonorizando o “Queremos Galego”!

"A manifestación do día 8 confirmará a tradición reivindicativa dos nosos devanceiros, en seus proxectos en defensa e restitución da nosa lingua, a tódolos niveis".

Unha manifestación que abrirá debates –na precisión mais exacta de dialogar- sobre a situación actual e transversal en que está sumida a nosa lingua. A convocatoria do día 8 ten que servir para autovalorarnos, na fala, no herdo identitario e na historia comunitaria. A lingua proletaria, labrega, mariñeira, a dos emigrantes e intelectuais precisa de tódalas vontades e inercias posíbeis. A lingua vital de tódalas clases sociais e solidarias, a dos que non a desterran nin a acubillan, na que todos nos aceptamos na reciprocidade de identificarnos nela.

A manifestación do día 8 confirmará a tradición reivindicativa dos nosos devanceiros, en seus proxectos en defensa e restitución da nosa lingua, a tódolos niveis. Estamos a un ano do centenario da creación das Irmandades da Fala, que comezou aquel 18 de maio de 1916, unha data para conmemorar e retomar o espírito e a pedagoxía reivindicativa dos irmandiños da fala.

Precisamos de manifestarnos e loitar pola cohesión do noso idioma, o maior dos patrimonios que temos e desexamos conservar e engrandecer. Loitar contra as aldraxes é un deber de manternos na lingua que nos deu nación. Convócanos a realidade e o pasado alértanos, nestas palabras que en 1918 pronunciou Xohán Vicente Viqueira: “¡Galegos, amade a vosa lingua, porque ela é un rico tesouro oculto! Amádea, faládea, cultivádea; desenterrade o tesouro que garda o xigante alarbio da tiranía”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía