Mare Mortuum - 30 Abril 2015

O Mare Nostrum dos romanos convértese en Mare Mortuum para os que fuxen da fame dos países subsaharianos, do Magreb e do implacábel xenocidio que impera en Oriente Medio. O éxodo masivo dos desherdados da terra, procuran un espazo de promisión en Europa que non chegan acadar.

O Mare Nostrum dos romanos convértese en Mare Mortuum para os que fuxen da fame dos países subsaharianos, do Magreb e do implacábel xenocidio que impera en Oriente Medio. O éxodo masivo dos desherdados da terra, procuran un espazo de promisión en Europa que non chegan acadar. Esta Europa “comunitaria”, madrasta de exclusións e de pérfidas deslealdades que non respecta os Dereitos Humanos, que tanto evoca hipocritamente, consentindo que o Mediterráneo sexa unha foxa común de milleiros de persoas que se atopan cunha morte inmerecida. 

"O Mare Nostrum dos romanos convértese en Mare Mortuum para os que fuxen da fame dos países subsaharianos, do Magreb e do implacábel xenocidio que impera en Oriente Medio". 

Un tecido de vías emigratorias está sobre os mapas de África e Asia, polas que cabalgan os que fuxen da fame e do tiro certo na caluga, procurando esa Europa discriminatoria e xenófoba; a que ergue murallas de arame e coitela, campos de concentración, crueis represións e abandonos por parte dos gobernos comunitarios. Nesa fuxida, dun inferno dantesco, entran no purgatorio deste mare mortuum onde fican sen ver a tan cobizada “terra de promisión”. 

Levamos décadas co pesadelo sobre nosas conciencias de ver como son ignoradas millóns de persoas que procuran un destino que supere a morte anunciada polas guerras e conflitos fundamentalistas. As contradicións non superadas, que se dan baixo unha economía bélica, e a destrución de tódolos parámetros posíbeis que minimicen o conflito, multiplican asedio cara unha sociedade vulnerábel que suplica refuxio ante gobernos que se desentenden do SOS permanente que emiten.

Mirar cara outra banda, impermeabiliza a toma de conciencia sobre a magnitude desta desfeita. Nestes últimos meses o modus operandi das mafias e a pasividade da Comunidade Europea revelan certa coincidencia pola pouca importancia que ten para eles a vida humana. Neste clima, non hai un proxecto contestatario que abra vías de distensión, por medio de axudas ben organizadas e promover tentativas para moderar conflitos existentes en países que practican unha paranoia de destrución cos que son tratados como herexes convictos ou infundados inimigos. 

Os mais de catro millóns de refuxiados das guerras de Siria e Iraq conmoven. Resulta conmovedora a hipocrisía da plutocracia de Bruxelas, que ofrece acoller cinco mil persoas. Qué fai a ONU coa súa Carta Magna sobre os refuxiados e exiliados, en procurarlles recursos humanitarios e proclamar o dereito universal que os debe asistir para resolver esta traxedia de lesa humanidade?

Non quero mesturar o termo refuxiado co de emigrante, aínda que as dúas formas de éxodo comparten a exclusión que provocan dramas existenciais de fondo calado, sexa por conflitos bélicos ou por carencias económicas. Nos dous casos, a frustración de deixar a terra nativa  “por un mundo que non vin!”, supón moitos traumas até converter aos que o soportan en cidadáns clasificados como parias de quinta ou sexta clase.

"Os emigrantes galegos sabemos moito de discriminacións e de intolerancias. A maioría das familias galegas experimentaron este drama, que aínda continúa".

Os emigrantes galegos sabemos moito de discriminacións e de intolerancias. A maioría das familias galegas experimentaron este drama, que aínda continúa. A emigración como mercadoría de carne humana que ía cara as Américas baixo un control mafioso, por parte de quen organizaba a súa marcha, tantas veces sen papeis, con promesas de que alguén os agardaba cun traballo ben remunerado no porto de destino. Este xeito de explotación e abandono do emigrante galego en varias partes de América, testemúñase na novela de Miguel Barnet, titulada: “Gallego”. A dimensión da traxedia que nos dá Manuel, o protagonista da mesma, é cruel: “Paseando por Tiscornia fue que me di cuenta de que estaba toda alambrada. Era como una carcel para el inmigrante que no traía recomendación. (...) Así era el negocio de Tiscornia. Lo que vi yo allí fue para hacer historia de traquimañas”. Tiscornia era un campo de concentración de emigrantes enganados polas mafias de embarque, situada na baía da Habana, entre o Morro e San Carlos de la Cabaña, onde moitos galegos estiveron recluídos, durante a primeira metade do século XX, en que estivo aberto, sendo vítimas dos que expedían pasaxe e das mafias de recepción que os liberaban a conta de traballar determinados meses ou anos para estas redes, co fin de normalizarse no país.

Encontreime na Habana con moitos vellos emigrantes galegos que estiveron recluídos en Tiscornia e explotados por mafias, como recompensa para atopar traballo en Cuba. José M. Lage, escribiu en 1916, o seguinte: “Tiscornia fue un campo de reubicación carente de recursos y facilidades. Tiscornia fue un antro de delincuencia y corrupción. Sus administradores hicieron fortuna con el negocio de los permisos de entrada al país. Tiscornia es parte de la leyenda negra de la inmigración a Cuba”.

Esta especuladora acción mafiosa organizada para estrangular economicamente aos emigrantes, de tantos anos consentida, non é nova. Repítense miles de Tiscornia espalladas polo mundo actual, con diferente modelo de actuación e co mesmo obxectivo de extorsión. Tantas veces protexidas pola sombra e polo silencio das administracións gobernamentais.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía