As imperativas deficiencias do libro en galego - 28 Maio 2015 07
logo nosjpg

Non hai moitos anos que un recoñecido escritor galego e en galego, afirmaba que as letras galegas estaban pasando por unha idade de ouro. Quizais se refería a unha xeración de escritores que ocuparon un restrinxido apousento, 

Non hai moitos anos que un recoñecido escritor galego e en galego, afirmaba que as letras galegas estaban pasando por unha idade de ouro. Quizais se refería a unha xeración de escritores que ocuparon un restrinxido apousento, aportando diversos modelos e rexistros de relevancia, tanto a nivel cualitativo como cuantitativo. Unha época na que se perpetuou unha innovación moi interesante na creatividade literaria galega. Desa xeración aínda percibimos a grandeza continuadora que fai posíbel que aínda resplandezan os seus quilates de ouro macizo.

"A suposta pretensión de que estábamos na idade de ouro foise diluíndo e agora comezamos a crer na imperativa deficiencia do libro en galego". 

Mais unha xeración de escritores non se mide tan só polo que vale, senón polo que se lle ampara e protexe. Esa pretendida idade de ouro será auténtica cando eses escritores teñan soportes adecuados e gocen de infraestruturas capaces de eliminar o déficit institucional e crear outras prácticas de apoio ao libro galego, á lectura e á inversión para crear mecanismos que superen o declive polo que está pasando, nestas diversas fases de crises estrutural. Nestas circunstancias, hai que incentivar ao lector desde o ensino, nun país onde unha boa porcentaxe deles non merca un xornal, cómo pode mercar un libro?

É verdade que o libro galego moveuse nun circuíto fixo de lectores, isto foi bo a nivel intelectual, pero limitou a súa expansión cara outros espazos de lectura, mentres as institucións, dunha maneira acomodadiza, o consentiron. Así, unha morea de editoriais conformouse con ese circuíto de mercado e con certas migallas de subvencións que, en parte, foron escurecendo a súa capacidade de fornecer unha empresa editorial independente e competitiva. Nesta situación de dependencia, a crise do libro e o peche de subvencións institucionais levaron a un certo sector editorial galego a sucumbir dunha maneira acelerada. A suposta pretensión de que estábamos na idade de ouro foise diluíndo e agora comezamos a crer na imperativa deficiencia do libro en galego. 

Por outra banda, os escritores estiveron desprotexidos pola falta dunha crítica especializada, a que os asistiu foi unha crítica voluntarista que fixo un óptimo papel de difusión a non existir críticos que entrasen nas entretelas dunha obra ben escudriñada e estar á marxe de intereses de empresas editoriais e xornalísticas. Mais ese tempo pasou e hoxe a nosa literatura é analizada por verdadeiros profesionais da crítica, menos dunha ducia, número suficiente para que o lector teña unha sensación de seguridade, acreditando na imparcialidade e calidade de verificación que expoñen eses críticos.

"A nosa literatura como a nosa cultura están necesitadas dunha política de firmeza que substitúa as graves anomalías que soportan escritores, editoriais e lectores".

No panorama da crítica é verdade que nos faltan espazos especializados en diversos eidos da información escrita, auditiva, televisiva e dixital. Ante este panorama de deficiencias, a literatura galega comeza a contar con certas revistas de crítica moi seria. Algo que nos faltaba cando se proclamaba esa idade de ouro. E nesta xeira estase poñendo fin ao todo vale, polo menos vaise excluíndo o insulto que moitos “críticos” de ocasión emitían, tentando dilapidar a autores que eles mesmos non comprendían ou non aceptaban seus esquemas creativos. 

O libro galego a corto prazo debe ter un percorrido útil, tanto en formato papel como en dixital; un impacto preponderante na normalización do noso idioma a tódolos niveis. A nosa literatura como a nosa cultura están necesitadas dunha política de firmeza que substitúa as graves anomalías que soportan escritores, editoriais e lectores. Normalizarnos no idioma equivale a superar a ausencia de libros científicos en galego: de física, química, matemáticas e outras disciplinas. É incoherente que estas materias non estean redactadas ou traducidas ao noso idioma a nivel universitario. Mentres isto continúe en desorde estaremos consentindo a fosilización do que nos resta por manter.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras