Éxodos dramáticos e desconxunturas sociais - 03 de Setembro de 2015

Todo éxodo provén de desconxunturas sociais, de dogmatismos políticos e confrontacións bélicas que provocan ese drama que nos asiste actualmente.

Todo éxodo provén de desconxunturas sociais, de dogmatismos políticos e confrontacións bélicas que provocan ese drama que nos asiste actualmente. Millóns de persoas á deriva, manifestando súa dimensionada traxedia, cando abandonan seus espazos de convivencia e cultura. O mapa desta devastación é Oriente Medio e outras xeografías de África. Mais o mapa da insolidariedade con este dramático éxodo o practica esa Europa enigmática e tan personalizada en seus propios intereses que negan ao outro, aos derrotados da vida. Eses peregrinos que abren camiños conmovidos polos desertos de África e cruzan o Mediterráneo da morte; sen chegar á soñada, opulenta e robusta Europa. E se chegan descobren o tópico desa realidade, descubrindo a indiferenza dos estados e, incluso, de moitos de seus súbditos. Así comezas a constatar a voracidade  agresiva que se manifesta nese arame de coitelas que protexe a unha Unión Europea irreverente co que fuxe da morte segura de guerras e fames. Esta moitedume de refuxiados experimenta unha realidade de incertezas, cando se ven confinados e espoliados constatan a deshumanización da vella Europa, a que tanto fala e teoriza sobre os Dereitos Humanos, que os transgride e ignora cando seus intereses económicos priman mais que os humanos.

"Os galegos sabemos moito de éxodos, aínda que falemos moi pouco deles, procurando non manifestar ese sentimento de derrota"

Os galegos sabemos moito de éxodos, aínda que falemos moi pouco deles, procurando non manifestar ese sentimento de derrota. Neste tema non podemos renunciar á memoria da humillación por parte dos que nos “acolleron”, creando tópicos para practicar desigualdades sociais e existenciais. Se verificamos tempos pasados, os de subsistencia da Guerra Civil, estaremos coincidindo, polo menos reconstruíndo, o terríbel drama dos que fuxen do xenocidio que se practica en Siria e Iraq, e entran nunha Europa que non limita os seus flaxelos contra os refuxiados. 

O drama repítese con imaxes escarnecedoras, en diferentes espazos e temporalidades. Se retomamos as imaxes da evacuación do exército republicano e da poboación civil española, pola fronteira francesa en 1939, e dos campos de concentración e confinamento no sur de Francia, estaremos compartindo ese drama humano, con esas vítimas da vida errante e da morte segura e innecesaria, cando a burocracia europea persiste en seu don insolidario en aumentar esa agonía, ollando para o seu embigo: centro de súas perversións doutrinarias.

"Hai sobrados indicios de que os diversos gobernantes da Comunidade Europea finxen non entenderse en materia emigratoria"

Hai sobrados indicios de que os diversos gobernantes da Comunidade Europea finxen non entenderse en materia emigratoria, cando o tema a abordar é o de refuxiados. Neste caso, non caben matices cando os afectados proceden dun conflito aterrador, no que non hai o mais mínimo respecto pola vida, nin polas obras de arte. Ante esta desfeita, está a complicidade dos que evocan liberdade e democracia e consenten que a poboación civil continúe desangrándose.

Está Europa gobernada por intanxíbeis secuaces de Merkel que tratan de que ignoremos que noutros países do chamado Terceiro Mundo, a pobreza e a violencia non son froito de desconxunturas sociais, nese mapa de conquista e colonización da vella Europa. Nada se fai e pouco se admite no intre de planificar en serio unha intervención humanitaria en favor dos que soportan persistentes persecucións e lamentábeis  xenocidios.

As imaxes puntuais que nos chegan nestas últimas semanas son aterradoras, ao ollar nenos e anciáns exhaustos; adultos sen horizonte e vagando cara ningures, mentres os políticos europeos continúan pasivos, cando non ameazadores contra as propias vítimas. Así persisten desde seus cortellos de insidioso poder.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía