A Cataluña non comprendida - 17 Setembro 2015

Demasiados anos de incomprensións cara unha realidade que se foi constituíndo nun espazo onde a fariña amagada levedou e foi pan con sabor a terra muda encollida e certa.

Demasiados anos de incomprensións cara unha realidade que se foi constituíndo nun espazo onde a fariña amagada levedou e foi pan con sabor a terra muda encollida e certa. Nesa sabedoría de gardar e ter, para guarnecer o que é dun: o propio, coñecemos a esta Cataluña en reconquista que rexurdiu de tódolos silencios daquel 11 de setembro de 1714. A desfeita das súas institucións, a persecución dos “defensors de la terra” –como reza no himno nacional de Cataluña-, os refuxiados a Alemaña, os que se nutriron de tódolos silencios de derrota foi o mellor escudo e parapeto para que os poderes oligárquicos, constituídos por Filipe V e por tódolos filipes posíbeis, vaian sucumbindo ante a realidade presente. 

"Aínda que este pobo chegou a un punto álxido de incomprensión por parte de tódalas periferias que rodean a Cataluña, xa poucos negan a súa realidade"

Sen este contexto de resistencia e do bo “seny” catalán dos vencidos, de ir creando mudanzas para medrar nunha conciencia nacional, vinda da intelectualidade catalá do século XIX e asumidas por ese pobo que nunca renunciou a seus “arrels”. Aínda que este pobo chegou a un punto álxido de incomprensión por parte de tódalas periferias que rodean a Cataluña, xa poucos negan a súa realidade. Soamente os que se reclúen en frases feitas, en despropósitos que incuban insidia nun terreo onde a palabra ten moito que dicir e harmonizar solucións. 

O grave desta situación é cando un se enroca sen ser consciente que nese taboado de xadrez perdeu as mellores pezas defensivas e ofensivas, por non reflexionar os movementos posíbeis de cada unha delas, menosprezando a seu adversario. Relativizar ou aprazar estes contenciosos, tan individualizados en entidades diferenciadas, como é o caso catalán, con respecto ao resto do Estado español, non deixa de ser unha incongruencia dos gobernantes estatais que se enrocan en castelos erixidos en alicerces de area. Esta falta de  abrirse á realidade e abandonar ese terreo tan esvaradío, onde se reclúen en leis, en ameazas, en mentiras, practicando unha dialéctica rancia e fundamentalista, promocionando vías separadoras. 

Neste sentido, parece que non aprenderon a lección tan contundente que mostra a historia dun centralismo elitista e desprezador da norma que puido ser posíbel: recoñecer un Estado plurinacional, comprendendo ao diferente. O españolismo sempre a tropezar na mesma pedra. Cando os cubanos pedían autonomía, os dirixentes unitarios e inmobilistas españois negaron aquela realidade con pólvora e cadeas e cando lla quixo dar, a independencia era irreversíbel.

"Non é fácil para unha boa parte da sociedade catalá oír, por boca dos converxentes, agravios que se fan con Cataluña, cando eles están facendo políticas semellantes ás que fai o Partido Popular no resto do Estado".

Sobre o destino de Cataluña hai un poema metafórico do gran Salvador Espriu que revela a situación actual, no poema: “Al vell orb preguntava l’ésglai”... Que traduzo a primeira estrofa: “Ao vello cego preguntaba o asombro / si o meu pobo tería mañá. / E a boca sen beizos comezou / a gargallada que endexamais remata”. Esta pertinente opinión dun catalán lúcido, amante da liberdade e fiel á súa lingua, a seu pobo e a un entendemento coa vella Iberia, baseándose no respecto, na tolerancia e na liberdade. Estes versos baséanse na Cataluña real de tódolos tempos. 

As próximas eleccións autonómicas do próximo 27 de setembro en Cataluña, formuladas en clave secesionista por parte de quen as convoca, colócannos nunha reflexión sobre os feitos históricos e da poderosa memoria que teñen os cataláns sobre o seu pasado e, en consecuencia, do seu dereito a decidir os seus presentes e futuros que se lles nega reiteradamente, con leis dunha constitución que pouco ten a ver coa realidade actual, que esixe cambios profundos para recobrar unha nova orde política e constitucional, capaz de superar  a vetusta lexislación vixente, chea de parches e contradicións que non permite a solución de problemas que está demandando a sociedade.

Non sabemos se o president Mas mediu ben os tempos e os operativos para tomar unha delicada determinación, despois de forzar uns recortes tan impopulares como foi a sanidade, o ensino e outras en materia social que tiveron consecuencias graves para unha cidadanía que lle retirou o apoio a seu partido en anteriores eleccións. 

"A liberdade de Cataluña e o seu dereito a autodeterminación é un tema que teñen que decidir tódolos cataláns"

Non é fácil para unha boa parte da sociedade catalá oír, por boca dos converxentes, agravios que se fan con Cataluña, cando eles están facendo políticas semellantes ás que fai o Partido Popular no resto do Estado. Incorrendo no mesmo desorde social que teñen que soportar as clases populares, mentres a saga familiar dos Pujol está procesada por corrupción, así como outros membros de CDC. Isto tamén forma parte do encordio e da alarma social que eles provocan.

Por tanto, deixémonos de paranoias, a liberdade de Cataluña e o seu dereito a autodeterminación é un tema que teñen que decidir tódolos cataláns. E os cataláns que soportan esta crise e négaselles o mais elemental para sobrevivir en penosas circunstancias, mentres os que están no goberno da Generalitat miran rastreiro para outra banda. Pese a todo, Cataluña exhibe o seu pulo en dirección de conquista, polos seus dereitos nacionais e de clase.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía