A Cataluña do si e do non - 01 Outubro 2015

A evidencia dos resultados electorais do pasado día 27 confirma o si e o non asentados na realidade política existente en Cataluña

A evidencia dos resultados electorais do pasado día 27 confirma o si e o non asentados na realidade política existente en Cataluña. Un país plural que sempre se manifestou en liberdade e en defensa de seus sentimentos e intereses. Mais o contraste entre o si e o non crea un dilema que vai alén de posturas dialécticas encontradas entre dous nacionalismos operantes en Cataluña, o catalán e o español. Aínda que este último estivo dominado e  representado por partidos da dereita fundamentalista, usando diversas tácticas dun patriotismo español moi especial que nin callou nin corrixiu seus equívocos, ocultando as súas derrotas, como acontece co PP na súa caída libre en Cataluña, por actuar con enorme belixerancia e cunha actividade sinistra de pór atrancos a todas as consideracións e propostas do nacionalismo catalán, naqueles organismos que o partido do goberno tiña a acción de dirixir ou manipular delicados asuntos.

Envoltos no manto da tradición patriótica, na unidade salvífica estatalista, nunca cambiaron a confrontación polo diálogo. O peor das circunstancias foi non querer cronometrar os tempos para captar e medir a dimensión dos problemas e das reivindicacións orixinadas nas nacionalidades, ás que se lles negou a súa expresión de liberdade democrática. Nisto consiste a cegueira dese patriotismo centralizador e visceral que tantas derrotas produciu en si mesmo, esquecendo e amagando o inaprazábel. Tiña razón o pensador federalista catalán Francesc Pi i Margall, que en 1896 escribiu: “Tan ciego suele andar el patriotismo [español], que frecuentemente denigra la patria”.

"Envoltos no manto da tradición patriótica, na unidade salvífica estatalista, nunca cambiaron a confrontación polo diálogo"

Agora que o patriotismo estatalista do PP quedou derrotado nas urnas de Cataluña logo vai a ser substituído pola segunda forza parlamentaria catalá, por Ciutadans, cun discurso moi radical contra a defensa dos intereses de Cataluña e cunha paranoia moi patriótica do vello estilo españolista. Un partido que non emerxe, que xa leva dúas lexislaturas no Parlament emerxido. En Cataluña coñecemos puntualmente o seu discurso contra todo o que se move no escenario do nacionalismo catalán. Negar as evidencias, con imperativa constancia demagóxica, propiciará mais desencontros dos que había.

O discurso de actualidade flutúa entre o si e o non que produciron os resultados electorais. É verdade que Junts pel Sí e a CUP ganaron en escanos, segundo a lei D’hondt que rexe no estado español, e que non corresponde á realidade de votos emitidos que dá o resultado dun 47,8% dos que propugnan seguir a carta de ruta independentista, fronte a un 51,7% dos que consideran outras alternativas. O pastel está servido e procuren que non se poña acedo. En todo caso, a interpretación dos que teñen mais representatividade parlamentaria, que lles concede esa lei electoral, non evita considerar que no voto cidadán a pé de urna gañou o non dos que consideraban que o independentismo non é a vía, tal como o formulan unilateralmente CDC, ERC e a CUP, mais esta última instancia política defendeu o nacionalismo de clase, ben contrario aos dous postulados dos mencionados anteriormente.

Os do 47% do si e os do 51% do non dispútanse como ganadores. A disputa agora é quen ten a opción de gobernar, pola aritmética que cuantifica máis escanos pola regra de D’hondt, mais estarán obrigados a recoñecer que a maioría dos votantes optaron polo non.

"Lembremos que a CUP foi vítima da brutal represión do 15 M, polos mossos d’esquadra dirixidos polo converxente Felip Puig, conseller de Gobernación"

O nacionalismo que representa e acolle a alta burguesía catalá, cos colaboracionistas de ERC, poderían formar goberno a non ser que a CUP se manteña na posición de non votar á investidura de Artur Mas. Esta formación nacionalista e de clase, parece non estar polo labor. Lembremos que a CUP foi vítima da brutal represión do 15 M, polos mossos d’esquadra dirixidos polo converxente Felip Puig, conseller de Gobernación. Este persoeiro representa para os da CUP algo así como a reencarnación de Himmler, o xefe nazi das SS. Dito sexa de paso, Felip Puig estivo representando ao nacionalismo converxente nos actos do Día da Patria Galega, non hai moitos anos, na convocatoria do BNG, moito ollo a quen se lle permite subir aos estrados que non lle corresponde...

Hai razóns de peso para crer que Artur Mas ficou descalificado pola gran parte da cidadanía, debido ás graves políticas sociais que practicou e polo seu arribismo desenfreado e as súas proclamas en favor dos bancos e dos estamentos capitalistas de Cataluña. Ademais de fuxir do dialogo con tódalas forzas políticas, cometeu o erro de ir en solitario en moitas temas que precisan de ser explicados sen a temeridade e a arrogancia con que o fixo. Nesta situación, estamos ante dous cadáveres políticos do nacionalismo catalán e do patriotismo español, xa en descomposición e que cabe darlles sepultura urxentemente, os dos señores Mas e Rajoy.