Castañazo rock - 15 Outubro 2015

O Castañazo Rock de Chantada convoca e a mocidade de tódalas xeografías e congrega no mercado gandeiro de Chantada

O Castañazo Rock de Chantada convoca e a mocidade de tódalas xeografías e congrega no mercado gandeiro de Chantada, entusiasmo e acción libertaria de tódalas acracias posíbeis e da extraordinaria dixestión de dixerir a palabra, o cántico certo e o amor como dádiva de tódolos misterios que se revelan en festa grande. A certeza do entusiasmo que poñen miles de mozas e mozos no Castañazo Rock engrandece e universaliza a toda unha vila como a de Chantada. Alén dos vellos tufos que por veces respiramos e cargados de ingratitudes, do que non merecemos, as festas trasnoitadas, acedas e carentes de sentido que invocan mais o divino que o humano teñen que ser superadas. 

O Castañazo Rock crea sólido ambiente co seu berro ergueito, crítico e deliberado, desobedecendo a tódalas potestades divinas e humanas. Un día de gloria e unha noite de misterio, de gratas manifestacións que percorren a vila do Asma. Hai que vir a Chantada para descubrir o talento dos organizadores e dos participantes. O rock, na súa autenticidade mais extraordinaria, tamén ten respiros galegos e nel vibramos, aínda os que levamos bastantes décadas de existencia ao noso lombo respiramos seus hálitos. Os vellos resistentes e impenitentes que vemos con agrado o furor da mocidade que recolleu o facho do herdo para iluminar temperos neste mundo de tebras, explotación e alienación.

O rock, na súa autenticidade mais extraordinaria, tamén ten respiros galegos e nel vibramos

O Castañazo Rock de Chantada non é un tema curioso ou illado, é unha creación moi emotiva e orixinal, cun respaldo moi serio para aumentar irmandade que vén consolidar propostas solidarias e existenciais, tan precisas nesta Galiza de tantas incertezas e falcatruadas.

Este festival celebra o 31 do actual mes a súa XIII edición, con distintas adherencias ao mundo do rock e aos grupos participantes, que nos achegan ás catro linguas da vella Iberia, en súas diversas expresión nacionais de Euskadi, Cataluña, Castela e Galiza. No mercado gandeiro chantadés estarán os grupos de rock Berri Txarrak, vasco; La gossa sorda, catalán, (simpático nome, que en galego sería A cadela xorda); Dios ke te crew, galego; Liviao de marrao, galego; Pady The Rats, e a nosa indispensábel Ses, tan efectiva no seu cantar de certeza, tan preciso para esnaquizar tanta rocha mental que se resiste a tempos novos nos que se espraia a nosa identidade. A Ses galega de tódolos temperos libertarios que lexitima país en súas descubertas, en Chantada congratularémonos co seu eco.

 A Ses galega de tódolos temperos libertarios que lexitima país en súas descubertas, en Chantada congratularémonos co seu eco

Como o programa indica, o Castañazo Rock ofrece outras modalidades de divertimento lúdico, como é o castañazo infantil, competición de billarda, concurso de cantos de taberna, xogos e magosto popular. Neste último conxúganse dous antergos productos chantadeses, a castaña recen saída do ourizo, e o viño novo recendendo a mosto para congregarnos ao redor do magosto solidario e irmandiño.

O máis doado da música e do canto, no fervor da mocidade utópica, é a rebeldía para mudar as cousas que nos filtran con inxustiza e explotación. É necesaria a utopía para rexenerar e combater tanta domesticación. Sen utopía non hai práctica decente para abrir camiños e superar encrucilladas. O Castañazo Rock abriu o seu, na mais sólida percepción do que é a música, o canto e o brado ergueito dunha mocidade que ten pulo para facerse oír e respectar.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía