As vivas presenças de outono - 29 Outubro 2015
logo nosjpg

O tempo en mudanza, as paisaxes tamén, proclamando extraordinarias melodías nese ruxir de follas caídas


O tempo en mudanza, as paisaxes tamén, proclamando extraordinarias melodías nese ruxir de follas caídas do  pletórico outono. Nesta nosa Ribeira Sacra as outonadas teñen ese ímpeto de recolleita de froitos, como recompensa ao arduo labor de labregancia. As videiras cambian de cor, despois de ofrendar acios xa convertidos en viño novo e trasfegado do mosto; os soutos fican estrados de suculentas castañas que anuncian magostos colectivos; os pomares arrecendendo a tabardilla. O outono das recompensas, despregando melodías en días chuviosos e grises, onde o silencio eleva a súa atracción con temperos iniciáticos. 

Na Ribeira Sacra chantadesa ao outono chamábaselle (en tempos non lonxincuos e por unha xeración mais virada á terra que a de agora) o mes da castañeira. Era o mes da rebusca de patacas e de acugular leña e herba para acomodo da casa e do gando. Outra das faenas de recolección eran as landras nas frondosas devesas, para mantenza de porcos por S. Martiño. Estas son as marcas do outono nese calendario agrícola que os galegos non tivemos a sorte de velo en relevos iconográficos das nosas igrexas románicas, como noutras da xeografía peninsular.

Outono é o mes dos enunciados que nos motiva a facer roteiro de plenitudes, observando as primicias desta mudanza estacional e, sobre todo, ter esa capacidade de ver as minuciosidades na metamorfose das cousas

Outono é o mes dos enunciados que nos motiva a facer roteiro de plenitudes, observando as primicias desta mudanza estacional e, sobre todo, ter esa capacidade de ver as minuciosidades na metamorfose das cousas, en seu puro fervor existencial. Ollar a decadencia da follaxe, a transformación dos espazos naturais que latexan en nós, sen moitas veces saber como restituír a mensaxe que impón nos ciclos da nosa vida, tan perdida e allea e sen decatarnos da nosa dependencia. Velaí os matices que nela se manifestan e, mesmo, nos sorprenden e ordenan.

As choivas mainas, que solemnizan e acariñan a terra para xerminala e aderezar o caudal dos ríos, ofrendando cántiga nova de trobador ousado. A festa fluvial en delirio, para regocixarse ante as danzarinas ondas que nos atraen e nos conmoven. Outono morno impoñendo as súas tolerancias no ritmo das cousas sen remorso, sostidas no seu ir a modiño co lampo nas vidas fugaces. 

A estación de outono, en seu cambio cíclico, pode que represente aquela idea de mudanza indagadora, que o grande Camões expresou no soneto LII:

       “Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades,
        Muda-se o ser, muda-se a confiança.
        Todo o mundo é composto de mudança
        Tomando sempre novas qualidades”.

No ritmo do outono vai a nosa mudanza, do que resta do ser nestas íntimas calendas, onde as nosas vontades fican engulidas pola memoria dos tempos que nos procuran.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras