Divagacións electorais - 26 Novembro 2015

A un mes escaso das eleccións, non se dilucidan políticas nin programas sobre o esencial do que convén falar

A un mes escaso das eleccións, non se dilucidan políticas nin programas sobre o esencial do que convén falar, da conveniencia en esclarecer, na próxima lexislatura, o que realmente aconteceu nestes catro anos de goberno do PP. Matizar as políticas que dinamitaron temas sociais, como retallos salariais, conxelación de pensións, anulación de prestacións a persoas con deficiencias físicas, redución da sanidade pública, repregue do ensino público para protexer o privado, aumentar a pobreza dos desposuídos e permitir aos corruptos incrustarse nas institucións e convertendo a gobernabilidade nun estado de mafias toleradas. 

Fascinante flaxelo está soportando o Estado español desde que Mariano Rajoy chegou ao poder, dilapidando conquistas que a clase traballadora forneceu e consolidou. Estamos nun país que a dereita apostou pola mediocridade e a confusión, co apoio dos seus medios de comunicación, conxurados en difundir as glorias que non vemos dun goberno que terxiversa e mente. Ante esta realidade de subordinación, encontramos unha oposición morna que tenta preservar seus parámetros bipartidistas e uns sindicatos domesticados e burocratizados. Aí os vemos, fardando en silencio de seus ouropeis. 

Nos catro anos de permanencia de Rajoy no poder houbo desfeita e decapitación dos dereitos mais elementais que conquistou a cidadanía, e que agora se plasman nun panorama tenebroso, típico dunha esmagadora conxura plutocrática. Nestes catro anos de desgoberno sobraron as palabras da oposición e faltaron accións contundentes da mesma. Mais desta guisa de desordes fluíu o debate popular, ordenando posicións de esquerda que mobilizaron e aglutinaron, con certa capacidade de adhesión ás masas populares que confluíron nunha alternativa que alterou prácticas e posicionamentos ambiguos da mal chamados de esquerda, tan implicada nos intereses da dereita.

Nos catro anos de permanencia de Rajoy no poder houbo desfeita e decapitación dos dereitos mais elementais que conquistou a cidadanía 

Neste momento de convocatoria electoral, no que a sociedade puxo empeño, desde fai tempo, de pasar factura á desfeita propiciada polo goberno. Mais Rajoy non deixa de ser un home afortunado, polos acontecementos secesionistas de Cataluña e, nestes momentos, polos atentados de París, onde a maquinaria propagandista da dereita esta desviando a estes focos de confusión, de significado interese, a atención dun publico mais impresionado polo que transmiten certos medios de comunicación que por centrarse na avaliación do que ten acontecido coas políticas de desgarro e desintegración social, coas capas populares mais deprimidas, desde 2011 até a actualidade.

Nestes momentos críticos en que o PP culmina as súas desfeitas, a oposición é incapaz de empuñar a hemeroteca –á que tanto teme a dereita- e desvelar, ministerio por ministerio, cada unha das participacións nesa devastación que trouxo tanta aflición ás clases traballadoras. Proclamar un debate activo sobre problemas existenciais de base e falar de cambios estruturais que precisa esta sociedade tan depredada nestes últimos catro anos. Neste sentido, non é fácil reconducir a atención, neste curto período de tempo, dun electorado bastante afastado do que debe repercutir cara un cambio social amplo. 

Estamos seguros que os programas electorais nunca chegaron ao amplo volume de votantes, nin xamais o respectaron os políticos que o erixían como guía de honorabilidade e emblema de honestidade. A fraude político, a todas luces, é eminente e esclarece unha escalada sen límites de perversión que se constata no todo vale, mentindo e enmascarando a verdade. unhas eleccións xerais, como as que temos en limitado tempo, tiñan que ser veladas pola cidadanía para repasar os catro anos da suposta gobernabilidade, con datos sobre os éxitos que o goberno proclama e dos desconcertos, anomalías e fraudes que provocou constantemente. Nesta dirección estaríamos avaliando a desfeita que cada un dos ministerios, en conxunto, levaron a este país a recuar trinta anos atrás. 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía