O nacionalismo como idea liberadora ante as eleccións - 10 Decembro 2015

Xusto dez días para as eleccións xerais e para emitir o voto.

Xusto dez días para as eleccións xerais e para emitir o voto. No caso galego resulta un bocado complicado asimilar as ofertas que se fan desde varias representacións electorais, nun espazo novo e un tanto delicado para un elector convencional, arraigado nos vellos tópicos dun bipartidismo que fai augas por todo lado e con inventivas de manipular e estar baixo o paraugas de coñecidos medios de comunicación que lles dá apousento e cobertura para deslizar seu manido discurso, que para certos sectores aínda a palabra infunde medo cando os que ostentan o poder a utilizan para marcar ao adversario. Unha marca de xeo ardente que fica incrustada nunha boa maioría fiel a ese mecanismo que continúa emitindo desinformación para alienados.

Con estas actuacións temos a impresión de que estamos nun pais totalitario, cando se utilizan palabras que non avalan a realidade. A verdade do que acontece na Galiza está ausente dos grandes poderes mediáticos que difunden unitarismo e capitalismo. No caso galego atopamos varios roles sociolóxicos que responden a unha estrita liña de manter ao electorado alienado e capaz de impoñerse a cambios que non patrocinen seus mentores. O estático como arma contra movementos progresistas e cambios sociais que precisa a sociedade. 

A verdade do que acontece na Galiza está ausente dos grandes poderes mediáticos que difunden unitarismo e capitalismo

Pese a estes puntos inflexíbeis aos cambios sociais, grazas a un nacionalismo pragmático que naceu naquela década confusa e ditatorial, dos anos sesenta do século pasado, conformouse unha ideoloxía sólida que permitiu ver a nosa problemática desde dentro, analizala desde un debate aberto que cómpre coñecelo. Os galegos somos moi pouco adictos ás hemerotecas, se o fósemos estaríamos na boa dirección de observar a histórica ruta das loitas reivindicativas, de denuncias e presenzas que o nacionalismo protagonizou baixo un proxecto de normalizar un país paralizado polo inmobilismo que marcou os tempos mais espectrais en despersonalizar os verdadeiros problemas estruturais que sufrimos os galegos.

Non entendemos a unha Galiza progresista e proxectada desde un debate solvente e aberto, para resolver graves problemas e superar múltiples retrasos e desequilibrios, sen o nacionalismo. Por iso merece estar presente en tódalas institucións e foros onde os intereses galegos podan ser defendidos e expresados por representantes que dignifiquen ao pobo galego. Sería inadmisíbel a ausencia do nacionalismo galego no parlamento español, como aporte a desentrañar problemas e ter voz propia, como tivo durante tantos anos. 

Sería inadmisíbel a ausencia do nacionalismo galego no parlamento español, como aporte a desentrañar problemas e ter voz propia, como tivo durante tantos anos 

O nacionalismo de clase, en clave liberadora na Galiza, constata varias esixencias en proclamar a realidade identitaria, sistematicamente agredida por políticas fermentadas nos despachos  madrileños do bipartidismo. Políticas inservíbeis para solucionar os graves problemas económicos, estruturais, culturais e xurídicos que precisa Galiza e obsesivamente se lle nega. Estamos ante unha realidade moi precaria que na nosa nación se soluciona con parches e remendos ocasionais que deslexitiman calquera avance que supere as vulnerabilidades existentes.

É verdade que nestes últimos anos o nacionalismo galego foi flaxelado por divisións e personalismos que tiveron un longo e impredicíbel percorrido que fracturou ideas e composturas, realmente lamentábeis para todos. Mais neste proceso de recomposición e toma de conciencia, nótase un verdadeiro renazo na convocatoria que aínda ten o nacionalismo, no Día da Patria Galega, na presenza das tractoradas, nas loitas contra a o prezo do leite e en tantas causas xustas que merecen sostelas nese longo itinerario que manifesta o noso nacionalismo. 

E nese percorrido histórico nacionalista, esclarécense loitas en diversos espazos reivindicativos e tantas presenzas en institucións, como no parlamento estatal. Onde resoou a palabra certa do noso nacionalismo, revelando problemas concretos que outros deputados e representantes doutros partidos estatais estiveron inhibidos. Nós precisamos de voz propia en Madrid. Non deixemos que os que están alleos da nosa problemática continúen limitando a nosa liberdade e intensificando malos usos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía