A sociedade galega como problema? - 24 Decembro 2015

A política na Galiza, inscrita nas directrices dos intermediarios de Madrid, perpetúa un lastre que aclara a dependencia da maioría da sociedade galega aos mandatos omnímodos do centralismo

A política na Galiza, inscrita nas directrices dos intermediarios de Madrid, perpetúa un lastre que aclara a dependencia da maioría da sociedade galega aos mandatos omnímodos do centralismo, incorrendo nunha auto devastación que non permite demasiadas mobilidades que entrañe cambios cualitativos. Unha sociedade dominada por unha minoría de rancio avoengo caciquil que nesta democracia, feita a medida do nacionalismo español, soporta unha colonización sen máscaras nunha Galiza que perdeu moitos horizontes e solvencias, polas contradicións admitidas e polas avaricias de grupos e prepotencias suicidas que impuxeron o seu verbo como único tótem de súas verdades absolutas. A sociedade galega fica na outra marxe, camiñando polos rodeos cos que a explotan. Unha sociedade dispersa e ambigua: rabaño certo para presa de depredadores. 

O nacionalismo foi necesario e continúa sendo indispensábel, polas súas contundencias en varios sectores da sociedade galega

Na outra banda do dilema, está o nacionalismo galego que puido ser unha forza unida coa que contase Galiza, nestes momentos de tanta confusión, aínda que pareza o contrario, como alternativa a moitos problemas de última novidade que se suman cos tradicionais. Hai valores na tradición nacionalista que se deixaron estragar. É urxente recuperalos con decidida valentía e integralos nas actuais vías dialécticas, para entender os problemas actuais con outra visión mais contundente e pragmática, fronte ao colonialismo que continúa desfigurando o perfil dunha Galiza que merece rescatala. Neste caso, o nacionalismo ten aínda moito que dicir, para  recompor o vital das esencias e atributos nacionais. A perda acelerada da lingua, nunha sociedade atrofiada polo colonialismo que se xestiona desde diversas administracións estatais na Galiza, que impoñen a despersonalización de temas moi sensíbeis que atinxen á nosa identidade.

O nacionalismo foi necesario e continúa sendo indispensábel, polas súas contundencias en varios sectores da sociedade galega. O nacionalismo foi fundamental na solución de moitos problemas e conflitos. Fixo esforzos para adaptarse ás realidades actuais, o que non conseguiu foi un novo marco de prioridades dentro do escenario político, con relación a varias expresións que xurdiron e foron anatema, ao estilo clásico de certos politburós comunistas: manu militari. En vez de pór en práctica a cicerónica frase: manifestis in rebus teneri, por parte de uns e de outros, non houbo esa dispoñibilidade e conveniencia de ser convencidos pola evidencia. Se as divisións son terríbeis en política, o mais pavoroso destas situacións é cando se producen disidencias e confrontacións, convertendo o debate posíbel en gume de navalla. Galiza non merece tal espoliación de forzas, nin inverter en odios que fomenten fragmentación, mesmo nunha sociedade tan fráxil, ideoloxicamente, como é a galega. 

Un dos males do noso nacionalismo foi aprazar os problemas que eran inaprazábeis e utilizar o anatema para disuadir aos discrepantes

Neste sentido, non vale a pena mencionar siglas de uns nin de outros; nin a dirixentes, nin a bufóns de quenda e menos a recadeiros de alaridos perversos. Un non deixa de estar indignado polo que aconteceu no nacionalismo nestas últimas eleccións, aínda que todo era previsíbel. Hai que recuperar o sentidiño, por non dicir a dignidade. Crear vieiros para unha nova entente que consolide unificar forzas, conductas e, sobre todo, diálogo entre nacionalistas. Senón é así, por moito que ganen uns e perdan os outros; deprímanse uns e alédense os outros estaremos  dando facilidades a nosos opresores. En política, entre contentamento e descontentamento hai pouco traxecto, en tempo e espazo.

Aínda que unha grande parte da sociedade galega puido ser un problema ao non contemplar a realidade tan extrema na que vivimos, exposta polo nacionalismo galego, sobre temas económicos, sociais, políticos e culturais, entre outras desconxunturas, que tomaron desproporcionada dimensión. O conflito no que estivo o nacionalismo até agora fai pensar que a situación postelectoral facilite alternativas para non incorrer en erros do pasado. Se o discurso parlamentario é necesario, temos que pensar que se debe impor unha prioridade pertinente nunha mensaxe de proximidade coas persoas. Hai que tripar terra e ir á procura dos problemas que ten a xente mais desfavorecida e deixar os despachos e a linguaxe que neles se xera. Ao discurso tradicional tense que impor outro discurso con mais credibilidade e sensibilidade que disipe comportamentos tan ambiguos como vetustos que pertencen a outro ciclo xeracional. Un dos males do noso nacionalismo foi aprazar os problemas que eran inaprazábeis e utilizar o anatema para disuadir aos discrepantes. Hai que volver ao rego con humildade e predisposición de querer avanzar, tanto os que ganaron como os que perderon de ir ao parlamento central.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía