Carlos Calvo Varela, preso político - 21 Xaneiro 2016


Felizmente, os medios de comunicación tráennos a nova de que o Tribunal Supremo anula a condena de sete anos de cárcere

Felizmente, os medios de comunicación tráennos a nova de que o Tribunal Supremo anula a condena de sete anos de cárcere imposta, nun segundo xuízo, por un tribunal bastante escaso de imparcialidade, parece ser, ao mozo intelectual e independentista, Carlos Calvo Varela. Condenado a doce anos de prisión e acusado de colaborar con “Resistencia Galega”, que cumpre no penal de Villabona (Asturias). Nun segundo xuízo viuse a causa desde un lonxe acusatorio ao incorporar elementos novos que desmentían o protagonismo da acción que se lle imputaba, sen considerar as demostracións da defensa, de que Carlos Calvo atopábase a centos de quilómetros de distancia de Vigo. Un segundo xuízo, un tanto desprezativo e personalizado, parece ser que se tomaron decisións de algo que non se discutía. Aquela versión do tribunal foi anulada e o respiro toma alento e eco ante un caso no que houbo sentencia moi pouco argumentada, sobre uns feitos que non concordaban coa realidade alí exposta.

Lamentabelmente os esquemas xudiciais sobre o terrorismo de ETA aínda funcionan para todo tipo de apoloxías e delitos que se circunscriben como trama terrorista, moitos deles con antecedencia de suposto e cun perfil ben diferente ao que se lles acusa. Por tanto, esta sentencia corrobora os fallos que se cometeron no caso de Carlos Calvo Varela e noutros presos políticos do independentismo galego. O curioso e pintoresco é que o propio fiscal que estaba na vista foi favorábel á declaración de nulidade. Isto explica moitas incoherencias sobre os informes periciais e como se usan nos tribunais. O problema é cando se vulneran os dereitos fundamentais de Carlos Calvo Varela, e este fica marcado por unha sentencia que non responde aos feitos nin ás argumentacións expostas. Non creo que sexa prexuízo dos que xulgan, mais moitas veces parece como se se moveran cos estímulos daquelas sentencias ao terrorismo etarra. Claro, estamos en diferente parámetro, entre o que se confirma con datos concretos, no caso de Calvo Varela e outros, fican dúbidas, como veu a confirmar o Tribunal Supremo.

Urxe unha mirada sobre a situación dos presos políticos, tantas veces depredados por un si carcerario que os tipifica como perigosos sociais

Os presos políticos nacionalistas están baixo unha dura cautela penitenciaria, incluso a un represivo seguimento de alienación que non responde ao que se tutela nos cárceres de países avanzados da Comunidade Europea, onde os presos políticos teñen unha certa relaxación utilitaria. Hai modelos e prácticas que se utilizan nas prisións do Estado español, que non teñen superado os comportamentos das prisións franquistas, utilizadas como represión permanente. Urxe unha mirada sobre a situación dos presos políticos, tantas veces depredados por un sistema carcerario que os tipifica como perigosos sociais, como simples delincuentes. A este grave problema temos que engadir a perversa idea, ou prexuízos, que hai sobre os presos nacionalistas, chamados “separatistas”, como acólitos de etarras, no argot de certos funcionarios. Estes termos non facilita un avance humanitario do que se especifica nos dereitos dos presos.

Mais o rancio sistema penitencial e a política integrista que se está aplicando, non só afecta aos presos tamén ás súas familias, pola dispersión dos reclusos por diversos cárceres fora de Galiza. Este dobre sufrimento está dentro da lóxica represiva que os gobernos permiten como castigo non só aos nacionalistas, senón tamén a familiares e amigos de presos, de mantelos lonxincuos. Unha estratexia de separalos dos ambientes do seu propio país. Temos varios casos deste illamento que sofren desterro como o de Carlos Calvo Varela, Antón Santos, na prisión de Dueñas (Palencia); María Osorio, na de Mansilla de las Mulas (León); Eduardo Vigo, internado en Ocaña (Toledo); Roberto Rodríguez Fialhega, en Villanubla (Valladolid). Todos eles presos políticos, bastante esquecidos por partidos políticos que moitos deles os mencionan como leprosos da sociedade. Outros recusan de abrir unha fenda na sociedade para demandar as institucións un compromiso de traelos aos cárceres da Galiza e rematar con esta dispersión. Pouco se ten feito nesta dirección, non valen palabras ou pequenos xestos protocolarios, hai que dar pasos en firme e dunha maneira envolvente: contundente.

Carlos Calvo Varela, este mozo tan utilitario que escrebe en diversos medios de comunicación galegos, e que aínda non cumpriu os trinta anos, que transmite fervor e achegamento á Galiza real. Un intelectual que abordou varios temas sobre a nosa cultura e desde o cárcere protagoniza varias cuestións de diversa índole que nos coloca activos cara unha restitución da Galiza posíbel. Estamos seguros que os seus “Diarios” que está publicando converteranse nunha verdadeira revelación sobre o estado das prisións estatais; do comportamento de seus funcionarios e da marxinación institucionalizada. Os seus textos teñen un valor sociolóxico e antropolóxico que manifestan elementos moi contundentes dun preso tan especial que nos suxire estar atentos ao que acontece dentro desa inmensa gaiola.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía