"La tradición gallega" - 31 Marzo 2016

Fai mais de corenta anos que visito un centro de libros antigos, expostos na Llibreria Àngel Batlle do carrer de la Palla, xunto do arcebispado, no Barri Gòtic de Barcelona. Nela lembro a tres xeracións de libreiros, eles sempre me procuraron e reservaron libros en galego e sobre Galiza. Na última visita a esta libraría agardábame un impresionante libro titulado: “La Tradición Gallega”, publicado en Madrid en 1944, da autoría de Francisco Elías de Tejada Spínola (Madrid, 1917-1978), catedrático de Filosofía do Dereito na Universidade de Salamanca. O autor era carlista e membro de Comunión Tradicionalista adherida a Comunión Católico-Monárquica. Un profesor “integrado” no franquismo, que foi capaz de entrar nun espazo tan complexo e tan prohibido, naquel primeiro lustro de posguerra, como foi Galiza. E, tamén, foi capaz de buscar un prologuista como Ramón Otero Pedrayo, reprimido e vixiado polas forzas de represión. D. Ramón implicouse nun prólogo de dezaoito páxinas, nas que abundan os enaltecementos á identidade galega e a seus próceres que loitaron por ela, como expón o autor de “La Tradición Gallega”. Otero, puntualiza: “Es el primero, a mi parecer, en el que un escritor no gallego alcanza la entraña de Galicia con amor, saber y esperanza, sintiéndola en la integridad de la significación histórica, en el suceder y en la pureza del recóndito anhelar”.

Foi capaz de buscar un prologuista como Ramón Otero Pedrayo, reprimido e vixiado polas forzas de represión

A “integridade da significación histórica” é referencia para Francisco Elías de Tejada Spínola cando nos fala das esencias da alma galega, asentada nun ente xeográfico e enmarcada en conceptos raciais que serán factores nos que se connotan os atributos da nación galega. Partindo destas esencias somérxese no vital da historia de Galiza, recorrendo numerosos e variados historiadores das diversas etapas e ciclos históricos que incidiron na individualidade nacional e nos compoñentes con que se determina unha comunidade nacional. Tamén a Galiza indefensa e silenciada aparece neste libro interpretada por gratos defensores como o cura de Fruíme, Antolín Faraldo (persoeiro que o autor destaca como defensor dos dereitos de Galiza) e coloca versos de Ramón Cabanillas, como os seguintes: “Validos de traidores / a noite da Frouxeira / a patria escravizaron / uns reises de Castela”. Inconcibíbel estas numerosas referencias nun estado de sitio, onde a carnicería persistía sen ningún miramento e, tamén, que a impunidade dunha censura inquisitorial deixe pasar estes conceptos, aínda que veña dun dos deles, non deixa de ser ben insólito.

Cando aquilata conceptos dinámicos do despregue cultural galego como totalizador expresivo dos Cancioneiros medievais e dos aportes manifestados nunha literatura propia que naturalizou ese territorio desde o Cantábrico ao río Douro, na que se manifesta esa alma colectiva. Ao respecto, manifesta: “Es Galicia, la gran Galicia a la que antes aludíamos, el centro de este florecimiento literario, y el historiador ha de ver en estas trovas medievales lo mejor del alma gallega de aquel tiempo. Y hasta cierto punto, dentro de lo lírico, de toda la española”. De Tejada Spínola ten un capítulo moi particular e atrevido, para aqueles anos corenta nos que abundaban sanguinarios matachíns e manipuladores, non sabemos con que apoios burocráticos contaba este autor para permitirlle exaltacións á alma galega. Tamén nos fala da decadencia desa alma nacional intervida por unha nova corrente castelanista e poñendo como protagonista da asimilación castelán a Juan Rodríguez del Padrón que inaugurou a decadencia, os catrocentos anos de silencio da literatura galega. Sobre este termo, de Tejada Spínola, expón: “En el terreno literario, la muerte del gallego como lengua culta, para quedar relegada a idioma cotidiano del vulgo, entrando así en completa decadencia”.

No ámbito político deste libro, encontramos singulares temarios sobre a castración de Galiza, polos seus poderosos aristócratas que foron a ponte ideal para que a Galiza sucumbira ante o colonialismo castelán. Neste escenario, encontramos ao VII Conde de Lemos, gran mecenas da Edad de Oro español. Nesta dirección apunta Francisco Elías de Tejada Spínola: “En este sentido, don Pedro Fernández de Castro es el teórico político de esta época de escurecimiento, cual Juan Rodríguez del Padrón lo fué en la Edad Media y Antolín Faraldo lo será al venir el romanticismo; al lado de las producciones literarias, es el eslabón central de la cadena de hombres de la conciencia política de Galicia”. Resulta evidente que Faraldo é un persoeiro moi atractivo para Tejada Spínola, do que se ocupa con numerosas referencias ao seu Provincialismo, sinalando que negara a uniformidade estatal, como promotor da Revolución de 1846 e da súa paixón romántica.

Tejada Spínola fala de Rosalía como a normalizadora vital dunha Galiza innovadora

Mais a verdadeira protagonista, nas consideracións deste autor, en rehabilitar a conciencia nacional e restituír o legado tradicional dos acentos literarios galegos foi Rosalía de Castro, sinalando: “En los versos que dejó vibra toda la historia de Galicia, sin ser versos narrativos ni buscar la pintura de cuadros de colorido ancestral; porque lo hace sin decirlo”. Nas quince páxinas dedicadas a Rosalía, resalta unha serie de temas nos que insiste sobre o renazo dun auténtico Rexurdimento literario, ao mesmo tempo, a sinala como a restauradora da alma galega que volta a reconstruírse cos alicerces dese memorando glorioso do noso pasado literario e político da Idade Media. Tejada Spínola fala de Rosalía como a normalizadora vital dunha Galiza innovadora. Tamén dos precursores do provincialismo romántico, rexionalismo e nacionalismo. Faraldo, Brañas, Murguía, Pondal e Curros teñen un papel importante, para este autor, no pensamento galego contemporáneo. Nos contidos e expresións deste libro, fica o enigma dun carlista e tradicionalista que parece un conspirador contra el mesmo e contra os omnímodos ditados do nacionalismo fascista español. Francisco Elías de Tejada Spínola, no que respecta a este libro de exaltación da alma galega, da tradición e das verdades intanxíbeis que el confirma, lévanos a afagalo ao estilo de Antonio Gramsci: “A verdade é sempre revolucionaria”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía