Patriotismo e corrupción - 27 Abril 2016
logo nosjpg

Un descoidado amigo preguntoume se sabía o que era un paraíso fiscal, e cazoume. Non souben responderlle adecuadamente, como el merecía e a situación demanda. Quedamos en silencio e ollándonos, respondinlle en plural e pola tanxente: os paraísos fiscais son algo así como o misterio da Santísima Trindade, ou como os tentáculos dun polbo que se aferra a unha presa para devorala e acumular seu excedente en caverna escura. Así é como certos defraudadores aprenderon do polbo a facer falcatruadas. Parece que esta interpretación tan primaria o levou a argumentar: “Entón non hai algún peixe superior que lle corte os tentáculos?” Fiquei sen resposta e o pensamento levoume a aquela famosa frase de Patrice Lumumba: “O imperialismo é como un polbo ao que lle hai que tallar os tentáculos”.  

Os paraísos fiscais, tan planificados e espallados por diversos espazos e protexidos feudos capitalistas, semellan a esa zooloxía de octópodos que devoran cos seus tentáculos e ventosas a todo o que resulta produtivo. Así é como a fraude xustifica o espolio que os poderes estatais permiten. E de tal consentimento persisten os que fan alarde de patriotas e de crear riquezas cando rouban a plusvalía dos asalariados que son os que verdadeiramente xeran as riquezas e inflan pestilentes subterráneos: templos escuros de fervorosa devoción idolátrica, cuxo deus é “don dinero”. 

Evadir riqueza do país no que se produce tiña que estar no inventario penal como crime contra a humanidade. Mais en moitos dos Estados serven de refuxio desa criminalidade, admitida e potenciada por redes de defraudadores que están protexidos baixo esa vasta rede de corruptos que tantas veces exhiben o seu patriotismo nos escenarios dos poderes políticos, económicos e financeiros. A camuflaxe do fraude non só continúa, tamén vai de maos dadas con outras tramas que superan os arquetipos tradicionais do engano e da usura. Estamos falando dunha peculiaridade global, dunha tea de araña velenosa pola que circulan miles de millóns de dólares e euros, sen a posibilidade de que ninguén transgrida ou altere esas vías circulantes. Impón a numerosa fraude organizada que se efectúa no Estado español, mais aínda a opulenta cifra de vinte e un mil millóns de euros que foron evadidos para paraísos fiscais nos que se ampara e custodia o diñeiro fraudulento. Repare o lector nesa suculenta cifra e, sobre todo, reflexione nas carencias sociais e verá a verdadeira envoltura de perniciosos problemas existenciais motivados pola falta de inversións en sanidade, ensino e noutras infraestruturas. Pense nos millóns de desempregados, salarios de miseria e, tamén, nunhas leis que non corrixen estes desfases sociais. Xa non falamos de despropósitos ou dunha mala xestións determinada de goberno, estamos falando dunha escala superior, dirixida por persoeiros importantes da política e das finanzas que concorren en actos fraudulentos e que promoven miseria nas clases sociais empobrecidas que soportan a avaricia dos prepotentes.

Os paraísos fiscais son algo así como o misterio da Santísima Trindade, ou como os tentáculos dun polbo que se aferra a unha presa para devorala e acumular seu excedente en caverna escura

Mentres a acumulación de riqueza teña concurso no que se tolera e no que se protexe, a carga dos impostos recaerá sempre nos mesmos, nos que producen plusvalía. Os que defraudan e evaden riqueza teñen un perfil moi contundente no intre de ser observados como mecenas inconfundíbeis en exhibir ese formalismo estético de arrogantes patrioteiros, de estirpe culta e de bonhomía no escenario da autopublicidade. Pero descubríndolles as entretelas dos seus secretos financeiros podemos ver ao verdadeiro e voraz saduceo, debruzado sobre un mundo de negocios escuros que se magnifican nas entrañas do poder. O diñeiro evadido a Panamá é o fío dun suculento filón que nos leva a toda parte e aos mais variados modelos de corrupción. Por iso, o de ser patriota resulta moi suxerinte, barato e enriquecedor.