Homenaxe nacional a Manuel María - 12 Maio 2016
logo nosjpg

O vindeiro 17 de maio, Día das letras Galegas dedicadas a Manuel María, encontraremos ao poeta, escritor e humanista nos vieiros de compromiso coa irredenta Galiza. En todas as súas frecuencias, vontades e direccións a súa obra esclarece certeza na palabra erixida e concertada para saír de encrucilladas. A grande homenaxe que os “bos e xenerosos” lle van a ofrendar, en merecido e lexítimo recoñecemento, polas diversas facetas literarias na que el recreouse. Son moitas e interesantes as emerxencias nas que estivo presente, como parte activa na normalización do país. Non é fácil comprender a Galiza de cincuenta anos para acá sen a obra e as actitudes de Manuel María, en tódalas súas relevancias literarias que determinan amor e denuncia do que non se pode deixar perder. Nesta dirección, a postura dialéctica de Manuel forneceu ao noso país dunha maneira belixerante e persuasiva, esclarecendo o que acontece socialmente coa sociedade galega.

Velaí o compromiso dun escritor que foi teimoso coas esixencias que demandaban os problemas mais extremos e insoportábeis da sociedade galega mais deprimida. “Normalizar o país” era a frase repetitiva de Manuel. Tiña antecedentes para facelo, os seus andares e veres por tódalas xeografías de Galiza, o puxeron en garda sobre temas xerais e moi particulares como é a perda constante do noso idioma. Determinadamente implicouse na xeira defensiva da nosa lingua, coa arma mais precisa que é a de falar, escribir e pregoar que existimos como galegos grazas ao idioma. Como se mostra na súa densa obra que recicla non poucos enunciados neste tema. Cantar ao que se perde, como dicían Antonio Machado e Antonio Noriega Varela, foi outra das proclamas que exhibiu Manuel María. O idioma como brasón de referencia en tódolos atributos identitarios que determina a vida dun país. Non é casual que o poeta da Terra Cha e da Ribeira Sacra tratase de accionar ese vehículo tan poderoso e, mesmo, tan fráxil como é o idioma, cando o observamos en situacións hostís: preso a tantas normativas colonizadoras. Aí estaba a dispoñibilidade e a enteireza de Manuel, coa súa voz en berro e en tódolos concilios onde se argumentaba a “defensa do propio”, como el dicía.

Non é fácil comprender a Galiza de cincuenta anos para acá sen a obra e as actitudes de Manuel María

Nos múltiples eventos de homenaxe a Manuel María ao redor do 17 de maio, e durante todo este ano, teremos ocasión de achegarnos á bonhomía e ás súas fidelidades con tantas expresións que manifesta esta inmorredoira Galiza. Tense dito moito da persoa e da obra de Manuel e vamos continuar oíndo numerosas descubertas da súa creatividade literaria, do seu humanismo e de tantos perfís e vocacións que el manifestou. Manuel é un exemplo excepcional no bo facer das cousas de rango colectivo, que marcou unha xeración comprometida e de poderosos activos para revalorizar lingua, cultura e todo un ventallo de temas sociais que abordou aquela xeración de intelectuais. Sirvan de modelo Manuel María e Uxío Novoneyra.

Dicía José Martí: “Honrar, nos honra”. Pois honrar é lexitimar a persoas que defenderon o propio e abriron canles de esperanza para restituír o herdo e a permanencia ante maceladas políticas castradoras. Sabemos ben que os poetas galegos advertíronnos sobre os que deshonran a nosa verdade. Eles foron alén dos políticos, sinalando as particularidades máis extraordinarias da nosa desfeita. Manuel María formou parte dese compromiso cívico e político, foi contestatario contra os que aínda tentan laminar a nosa nación desde fai séculos. O noso poeta non deixa de ser referencia viva en estímulos sociais ante as precariedades que visualizou. Honrar dignifica a quen honra, e Manuel María ten o eloxio e o recoñecemento de ser do pobo e de loitar por el.

Dicía José Martí: “Honrar, nos honra”. Pois honrar é lexitimar a persoas que defenderon o propio e abriron canles de esperanza

Mais a maior das homenaxes que lle podamos facer ao noso poeta é ler a súa obra e emanciparnos nela; particularizar a presenza viva dun poeta que nos mostrou os diversos perfís dunha Galiza para ser amada e defendida. Nesta ocasión, unámonos á festa da palabra ao redor de Manuel en tódolos lugares de Galiza. A palabra que se manifesta en Compostela, nas voces dos que queremos proseguir nela, ten un alcance moi lonxincuo procedente das reivindicacións de antano, como a sementeira das Irmandades da Fala, fundada o 18 de maio de 1916. Un feliz centenario para continuar abrindo camiños sen renuncia.