A Ribeira Sacra de Chantada - 26 Maio 2016

Pode que Belesar represente un dos espazos mais interesantes do suburbio ribeirao, nos rentes do río Miño, onde o encoro dos Peares remata e o de Belesar comeza. Onde as andainas antigas e milenarias pola calzada romana do século II, dos chamados Codos de Belesar, non perderon a súa fragrancia que ofrenda aos peregrinos da fe e do colesterol, que van a Compostela polo que eles chaman o Camiño de Inverno. Encontro e reciprocidade do onte e do hoxe, do que foi e do que aínda é bálsamo para perfumar lembranzas. Belesar, o pobo compartido entre Chantada e o Saviñao, na irmandade de dúas parroquias estremeiras que só as separa o Miño: Diomondi e Belesar. Mentres os viandantes retoman folgos e sosego nos alicerces das augas mansas e colonizadas á forza, pode observar a danza das barcazas e dos catamaráns no ritmo que ditan as augas lentas.

Encontro e reciprocidade do onte e do hoxe, do que foi e do que aínda é bálsamo para perfumar lembranzas

A paso lento e coa retina ben concertada, as imaxes paisaxísticas penetran con toda esa textura na máis grata emoción do que se procura, nese rito panteísta que nos fai recoñecer nela e nas súas diversas dimensións e estereotipos que a primavera nos proporciona. No agromar das videiras, anunciadoras de froitos báquicos e eucarísticos. Seus verdes prometen oferta de viños que proclaman o bo senso e a mao de quen as proclama fértiles e dadoras do que se concreta nas antigüidades do bo facer das viñas e dos viños. Sen a mao do home, aferrado á tradición, non hai paisaxe que exceda alén do que nela contemplamos. Nas ribeiras que o Miño dosifica en súas viravoltas, con seus microclimas e espazos de sorpresa que determina eses microcosmos de espontáneo naturalismo. As cerdeiras en flor, outra das harmonías con que as terras ribeirás de Chantada e o Saviñao engrandécense, e que ben merecen unha ofrenda de versos como os haikais xaponeses que lles brindan ás cerdeiras florecidas e ás cereixas en súa exultante cor vermella e perfume apetitoso.

Por enriba dos bucólicos dons desa oferta, maniféstase a espléndida diversidade dunha paisaxe aberta que nos interroga e nos fala para as nosas retinas; que se deixa apreixar en seus latexos cando transcendemos por corredoiras e entre vides, soutos e devesas que custodian as cimeiras e aloumiñan ao ribeirao, viñateiro e colleiteiro -como queirades definilo-, o de tantas sabedorías que se manifesta en seus ritualismos nos que aínda non descubrimos as inmensas potencialidades que tantas veces desbotamos sen apreciar seus fulgores. Por tanto, as paisaxes miñotas de Chantada, en cada unha das súas expresións e variedades, fomenta achegos para recoñecernos na terra que nos pariu a súa semellanza. Non concordo cos que din que o home é a medida de tódalas cousas, non. A natureza é a medida de tódalas cousas, e nós súa correspondencia ou apéndice. Discrepo do que dicía José Ortega y Gaset: “Yo soy yo, y mis circunstancias”. Eu prefiro dicir: “Eu son eu, na definición do meu medio”.

Non concordo cos que din que o home é a medida de tódalas cousas, non. A natureza é a medida de tódalas cousas

O froito da vide e da cerdeira congregou o pasado domingo en Belesar xuntoiro e emoción, nun dos lugares mais definidores do que respecta a sobriedade desta xeografía ribeirá. Festa grande de recolección e de amparo aos dons que personalizan distinguidas irmandades que testemuñan a benquerenza ao que se manifesta e ao que aínda podemos e debemos criar tradición. Outra das distincións é a que se manifesta no respiro desta paisaxe na que o home ribeirao, no seu transcurso de séculos de vitais fraternidades, configurou ese modelo de plenitudes e contundencias que soubo vencer non poucas limitacións. Lugares que testemuñan a funcionalidade máis contundente daqueles ribeiraos que erixiron seus lares, que nestes tempos de espolio depreda o abandono. E aínda as igrexas románicas que guarnecen o espírito vivo das contornas; eses templos que manifestan a historia de seus feudos territoriais e de seu poder omnímodo. Aquí contemplamos a vitalidade dunha arte que proclama o que a Ribeira Sacra cría e produce. Nas súas igrexas están esculpidos nos capiteis e nas cornixas variedades de elementos fitomórficos e zoomórficos: excelsas divisas que proclaman a este espazo natural. Aí está a riqueza simbólica de tódolos elementos que se guarnecen na iconografía románica, como memoria do que non debemos permitir que esmoreza. A Ribeira Sacra de Chantada é para andar e ver. Camiñar e visualizar seus portentos e súas fermosuras e, tamén, para recoñecernos nela, como criaturas naturalizadas en seus dons.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía