Por terras devastadas - 09 Xuño 2016

Quen coñeza as diversas xeografías da provincia de Ourense non ignora a devastación que a asiste en diversas frecuencias de abandono, non só por falta de poboación, senón polo abandono administrativo que provoca múltiples anomalías, que vén a ser o punto álxido dunha ausencia de programas  sustentábeis que dignifiquen o rural ourensán. A emigración, desde finais do século XIX até agora, bateu forte nas entrañas dunha provincia labrega como é a de Ourense e da que hoxe vemos a súa produción agrícola e gandeira decapitada e sen programas capaces de recuperala, por parte das diversas administracións públicas que continúan ausentes de todo aquilo que debe repercutir na recuperación da súa agricultura e innovación de sectores de escasa rendibilidade agrícola, por medio de inversións que amplíen os recursos produtivos, destruídos durante décadas e que repercute dunha maneira dramática sobre a depredación de fértiles núcleos rurais que hoxe vemos decapitados. Cunha poboación de xubilados, recluídos na soidade e na contemplación de ver o seu medio natural completamente degradado e sen xente.

Fai poucos días que o amigo Alfonso Campos levoume a unha das comarcas mais auténticas e fértiles como é a de Trives. El coñece ben este espazo, así que me introduciu en varias núcleos, partindo de Torbeo, nos altos cumes de Ribas de Sil, confín da provincia de Lugo, onde a bisbarra de Trives comeza e ofrece un vistoso e intenso val que mostra o insulto dese abandono. Por esas valgadas de monte do concello de San Xoán de Río, as praderías verdes e bañadas por mananciais de auga que fertiliza ese longo espazo, apenas sen vacas. A terra esmorecida por falta de proxectos. Esa fertilidade decadente acusa aos políticos morosos e resolutos caciques, cuxas prioridades son outros asuntos persoais, ben distintas aos intereses da comunidade campesiña. 

A cabana bovina galega é un referente na produción de láteos, que puido ser e non foi unha das grandes emerxencias industriais do leite e seus derivados. A desfeita da materia prima que produce o gando, foi consentida polo goberno central e pola Xunta de Galicia, debido a desconcertos admitidos pola Comunidade Europea, que ditou contra os intereses galegos deste sector. O tema das cotas e da depreciación do leite, cun prezo ridículo de 0’22 euros, propicia o abandono de terras produtivas, como as que observamos nesta viaxe.

Por estas entornas de Trives chama a atención os numerosos e suntuosos bosques que perfilan unha paisaxe exuberante

Por estas entornas de Trives chama a atención os numerosos e suntuosos bosques que perfilan unha paisaxe exuberante, unha das fontes de produción madeireira que ten o noso país. Mais cando un se introduce nela decátase do desorde permitido; do abandono institucional que non é capaz de formalizar a protección destes espazos, carentes dunha política eficaz que sexa capaz de coidar, protexer e normalizar esta riqueza forestal e seu medio ambiente. Esta bisbarra de Ourense -como outras de Galiza- manifesta sorprendentes recursos que se desestiman na axenda política. 

Neste sentido, non hai unha selectividade nas plantacións de especies de arboredo e de espazos específicos dos mesmos. A confusión é tan catastrófica que admite todas as críticas posíbeis ante o silencio administrativo. Hai espazos hortícolas no que se permite plantar eucaliptos. Esa árbore foránea que depreda a paisaxe autóctona e o subsolo acuífero; especie invasora en expansión da que se benefician os monopolios de sempre. Galiza precisa dunha repoboación forestal de montes de utilidade pública, harmonizada por unha administración política que defenda a vontade popular galega, para que os labregos, verdadeiros administradores da terra, retomen a competencia neste sector tan definitivo para a economía galega. 

A provincia de Ourense, sen dubida, é a que mais espazo forestal ten de Galiza, moitos deles sen un sostido programa de reposición de arboredo e carentes de mantemento. Estas irregularidades cuestionan aos voceiros de agricultura da Xunta e contradín o que eles din, de que todo está no seu punto correcto. Un ourensán, como Eduardo Chao, ministro da I República (1873), intentou que ningún espazo galego estivese sen bosques. Esta intención de Chao foi reivindicada polas asembleas agrarias de finais do século XIX. Nesta dirección, o deputado galeguista por Ourense, no parlamento da II República, Ramón Otero Pedrayo, pronunciou un discurso o 18 de maio de 1932, sobre a Reforma Agraria, no que destacou: “Lo mismo pudiéramos decir de paisajes como el del valle de Monterrey, las tierras de vino de Rivero de Avia y las próvidas comarcas orensanas, en donde el granito refractorio y duro ha sido transformado en magnífica tierra de labor; de tal manera, que todo el espírito de Galicia está allí identificado con el paisaje profundo humanizado”.

Por eses tránsitos da paisaxe ourensán percíbese o esforzo labrego de humanizar a terra e facer dela un medio habitábel, creando espazos de produción agrícola e dándolle singularidade identitaria a esta Galiza que vemos depredada e abandonada. Alfonso Campos levoume á ponte do río Navea e a ponte Cabalar, onde se asentan fermosos hábitats, con estruturas arquitectónicas feitas á medida do home noso, na máis pura idiosincrasia labrega. Neses escarpados de xisto ergueron casas, pontes, muíños, socalcos, canles de regadío, agora abandonados e esborrallados pola crueldade dos tempos que nos deparan tanto oprobio. Esa paisaxe profundamente humanizada, como apuntou Otero Pedrayo, a encontramos deshumanizada e sen valor produtivo. Mais as terras de Trives manifestan vida e as súas xentes ímpeto para fecundar ideas e conservar a riqueza deste medio.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía