Esperanza nacionalista nos comicios electorais - 25 Agosto 2016

A Galiza ten un problema de fondo, como é a utilidade dun servilismo que manifesta o votante dando maiorías absolutas ao PP. Un voto amotinado no refuxio dun clientelismo bastardo e tradicional, que continúa dando seu rendemento a unha democracia falseada e putrefacta por aqueles que son capaces de manter un sistema no que se ocultan os verdadeiros datos estatísticos, das crueis desfeitas que continúan esnaquizando ao colectivo mais deprimido da nosa sociedade. Por outra banda, existe outra estatística en uso, a que manipulan  e esgrimen os poderosos medios de incomunicación na Galiza, blindada polo poder. Isto para un bo lector de datos non pasa desapercibido, cando se detecta a falsidade dos mesmos que incorren en non poucos encubrimentos e visíbeis contradicións. Bastan as noticias que se filtran e as que se argumentan en feitos concretos de que a Galiza non vai polo camiño certo, mentres que os aparellos do poder continúan ancorados nunha mensaxe castradora e alienante, baixo un disfrace que oculta a verdadeira faciana dun país en descomposición permanente.

Os aparellos do poder continúan ancorados nunha mensaxe castradora e alienante

Estamos nun país que sofre a súa parálise e da que non se fala por parte dos que a desgobernan e aínda sen ter medo do que se diga da nefasta realidade dos que crearon o poderoso polbo mecánico do PP, que nestes momentos está mobilizando os seus devoradores tentáculos, cando se abre a veda electoral. Nesta dirección o proxecto de país, a modernidade e a estabilidade de país non aparece en ningún esquema. Só o escarnio, o vilipendio e o anatema predominan no vocabulario da dereita orgánica contra seus adversarios. Neste sentido, comeza a discursiva do medo e do alarido ante un electorado que non se decata dos tentáculos do cefalópodo, porque a verdadeira democracia está extinta en moi concretos sectores da sociedade. Volve o canto de sereas, impregnando de atracción aos que se marabillan con mensaxes que non perciben, pero é o que precisan escoitar, así foron acostumados a ditas cantarelas. Palabras sórdidas, vans e ocas, ben precavidas e adobadas de doces promesas incumpridas, mentres os procesos económicos na Galiza continúan en seu raquítismo. Porque aínda ninguén chegou a bater nos silencios dos que sofren penurias e proclamar liberdade e solidariedade para liberalos de súa submisión.

Só o escarnio, o vilipendio e o anatema predominan no vocabulario da dereita orgánica contra seus adversarios

O noso nacionalismo de clase ten moito que dicir, a mais do que dixo; alén das desavinzas e dos dilemas que soportou baixo o peso das sombras. O noso nacionalismo -o de sempre- non pode caer en triunfalismo, pero tampouco incorrer en vitimismo. É verdade que houbo erros, incapacidade de xestión, etc. Pero tamén existe, nestes momentos, unha enorme dose de sensibilidade e pragmatismo, capaces de tecer novos conceptos e realidades, con respecto aos diversos estadios sociais, políticos, económicos e culturais da Galiza, que continúan subordinados a poderes e estruturas foráneas de carácter colonial. Non hai mais que observar as estatísticas  e as aritméticas triunfalistas de novo deseño que os poderes autonómicos están subxugados ao verdadeiro poder centralista. Baixo un formato estratéxico e piramidal que conforma o Estado español. En todo este contencioso, o nacionalismo galego transcende rigorosamente e convive cos valores históricos que ten tras de si e por posicionarse contra todo o que non se debe aldraxar dos valores que sosteñen á nación galega e da clase traballadora.

Toda ruptura crea un distanciamento e determina un período temporal en recuperar bases e concertos dinámicos para reconstruír un diálogo sostíbel que supere feridas para encarar no futuro a unidade. O nacionalismo galego está nun proceso de estabilizarse nun novo ciclo de  innovada expresión democrática e pluralista. Esta é a sintonía que se precisa para confirmar un posicionamento que clarifique os espazos que fican sen explorar. Hai que falar dos problemas do país e das súas clases mais desfavorecidas. E tempo de abandonar as fantasmas e deixar de soñar cos que un pensa que son traidores. É bo discrepar, mais civilizadamente. Da discrepancia debe saír un debate construtivo que tanto precisa a política galega. Mentres a confusión continúe Galiza será raquítica: ideal para que continúe a desfeita promovida polos de sempre. O noso nacionalismo ten percorrido ideolóxico e foi de maos dadas nas loitas mais hostís contra a ditadura e nas frontes reivindicativas que esclareceron fases políticas, aceleradamente combativas, na que o pobo galego participou con coraxe emancipadora.

O noso nacionalismo -o de sempre- non pode caer en triunfalismo, pero tampouco incorrer en vitimismo

As precariedades polas que pasa o país galego son moi concretas e fáciles de explicar, que se manifestan na falta de emprego, que expulsa a milleiros de mozos á emigración; a falta dunha estratexia capaz de transformar as nosas materias primas e crear estruturas modernas e fomentar procesos económicos en diversos sectores produtivos que o goberno do PP mantén en retroceso. Isto confirma a tese nacionalista que se veu explicando sobre os diversos atrasos que soporta Galiza, un país rico con xente pobre debido ao subdesenvolvemento que soporta. Nesta dirección, o nacionalismo activo que conferiu confianza polo seu proceso histórico, ten unha innovadora mensaxe na que afloran concertos plurais que as novas dirixencias contemplan numerosos problemas que ten a xente, mais que confrontación. Por tanto, os contidos  priorizan a un nacionalismo innovador que se manifesta nunha elección de candidatos sen litixio, como manifestan outras instancias políticas. Un nacionalismo en procesos de profundos cambios, porque é coherente coa sociedade galega que tamén cambiou.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía