Rajoy, entre a prepotencia e a mentira - 08 Setembro 2016

O caso Soria é moi serio e, tamén, moi ilustrativo de como o PP non sabe administrar os tempos das súas imperativas fachendas, nun período en que está bloqueado no parlamento e flaxelado por unha sociedade que cada vez é mais crítica cos seus procederes. Mais o problema que predomina no Partido Popular é a arrogancia que manifestou durante catro anos coa súa maioría absoluta e dunha maneira sinistra. Gobernar por decreto e ignorar que un parlamento democrático é o lugar de debate dos problemas xerais e, mesmo, secuestrar a democracia e estar ao ditado dos monopolios financeiros e empresariais. Nesta dirección desfila Mariano Rajoy Brey e as súas hostes. Exhibindo corrupción, prepotencia, mentira e desgoberno, que son os catro pilares que sustentan un réxime de consocios que controlan, dunha maneira miserábel e inmoral, a un Estado que perde referencias democráticas e proclama modelos neofranquistas.

Mais o caso Soria adquire notabilidade polo rango que ten de corrupción e ademais de despótico, apoiado en chapuzas administrativas e na mentira. Prodixioso, en catro anos o PP foi capaz de asentarse e protexerse na incultura da mentira. E se a mentira non está ben argumentada e revestida dunha demagoxia medianamente críbel, que acredita as vellas fórmulas da dereita tradicional, a sospeita convértese en gadoupa esgazadora cara os mais desfavorecidos. O estilo de desgoberno de Rajoy e a súa comuna, maniféstase nese clientelismo de grupo e na insensatez de pensar como Lois XIV: “L’État c’est moi”. E nisto residen as miserias tan pretensiosas como inútiles de crer que un está nun aparello cuxa finalidade é o dominio omnímodo de estar por enriba do ben e do mal. O caso Soria aterroriza pensar de como se poden facer as cousas dunha maneira tan torpe e prepotente nun momento en que Rajoy está procurando consortes para superar a súa minoría parlamentaria e formar goberno. Se en tal situación esvaradía atrévese a designar a José Manuel Soria representante de España no Banco Mundial, o ministro de industria que tivo que dimitir por mentireiro e amagar a corrupción... Soria aparece nos chamados “Papeles de Panama”, os corruptos a salvo da intemperie e baixo o teito da Moncloa. 

Este affaire non é o único que avisa á cidadanía de que Rajoy, ademais de ser o presidente de goberno da democracia mais torpe e prepotente, é o que potencia circuítos caciquís onde a corrupción é ben visíbel en múltiples ámbitos do poder e contenciosos xudiciais. Toma destaque grazas a medios de comunicación que expandiron o eco deste disparate, dos grupos parlamentarios e dunha sociedade que é mais sensíbel e menos retraída nestes temas. Hai poucos días, lendo a Henry David Thoreau, encontreime con este texto, sobre “o dereito a retirar a adhesión ao goberno e resistirse cando a súa tiranía ou a súa ineficacia son desmedidas e intolerábeis”. 

Lendo a Henry David Thoreau, encontreime con este texto, sobre “o dereito a retirar a adhesión ao goberno e resistirse cando a súa tiranía ou a súa ineficacia son desmedidas e intolerábeis”

O asunto Soria transcendeu na sociedade e tamén nos altos dirixentes do PP, apesares do silencio, confusión e contradicións aportadas, tratando de evitar a desfeita na situación de “goberno en funcións” e de procurar apoios noutras forzas políticas. Mais o declive o manifestou con voz discordante Alberto Núñez Feijóo, que ten que pasar polo viacrucis das próximas eleccións autonómicas na Galiza. Feijóo ten bo olfacto para detectar o cheiro a derrota. Coñece ben os números en rebaixa que lle filtran os da súa confraría política e os medios de comunicación, tan obsesionados co seu triunfo, emitindo desesperadas e controvertidas mensaxes. Mais parece que as contas non saen, e o desalento convertido en crítica contra as falcatrúas dos seus correlixionarios, que en tantas temeridades non intentou corrixilos, nesta ocasión vociferou cos medos que o aterran. Os temores de perder a presidencia da Xunta non dependen do caso Soria pero avultan os descontentos nos votantes galegos, cando coidan que o PP non é de fiar. Tamén os que soportan as duras políticas fican moi descolocados fronte a perda de poboación moza desempregada; ante os gandeiros que ven perder o valor da produción do leite; os diversos espazos produtivos e transformadores das nosas materias primas son infravalorados por unha administración que apoia aos grandes monopolios. Que diremos das mediocres e trasnoitadas estruturas no campo do ensino e da sanidade. As rebaixas son tan enormes que a sociedade galega está cansada de non poder saír dese horizonte sombrío no que está somerxa. Os números reais da desfeita son tan lexíbeis, concretos e elocuentes que ao propio señor Feijóo o aterran.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía