Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala - 17 Novembro 2016

Indiscutíbel e honrosa tarefa a de Antón Villar Ponte en reconstruír apegos para valorar e normalizar o noso idioma, tan diseminado e intervido por vontades alleas que depredaron a nosa realidade socio-lingüística durante séculos. Villar Ponte e os seus ollaron ao lonxe de Galiza e verificaron que nacións sen Estado, como é o caso de Cataluña, co seu “modernisme” e “noucentisme”, estaba normalizando o idioma catalán con políticas de contención fronte a un idioma instalado pola forza e con leis da “Nueva Planta”, instalada polo invasor e colonizador, Felipe V. A reconstrución do país invadido en 1714 estaba en marcha, no que respecta ás institucións, como valor de restitución da lingua do país. Antón Villar Ponte captou todo ese escenario de contención, nas súas relacións con persoeiros da política catalá, como Puig i Cadafalc, Enric Prat de la Riba e movementos que propulsaban o idioma a moi diversos noveis da cultura, como no caso de Joan Maragall e dos irmáns Joaquim e Ramon Casas i Carbó, tan comprometidos coa cultura e coas artes cataláns.

Villar Ponte e as persoas que o rodearon tiñan perfecta conciencia da desfeita do noso país fixándose nas correntes do movemento “noucentista” e concretando impulsos cara á restitución da fala en todos os ambientes de Galiza. Puntualicemos: os creadores das “Irmandades da Fala” non foron epígonos dos mencionados líderes do catalanismo de fai cen anos. Os países eran distintos e as solucións precisaban de contundencias orixinais e non de copias, co que respecta a Galiza. Por tanto, o esforzo dos irmandiño da fala foi historicamente impagábel, eles souberon interpretar moi ben a situación na que se atopaba o noso idioma, nesa regresión de deterioro que estaba sufrindo. A data do 18 de maio de 1916 marca unha andaina de milleiros de vontades que lexitimaron o noso idioma, abrindo frontes para a reconstrución do país. Cabe sinalar que aquela incontinencia de facer país marca un período histórico que vai de 1916 a 1931. E neste ciclo, as achegas nacionalistas que Vicente Risco fai no seu libro Teoría do nacionalismo galego (1930) manifestan o apego popular ao amplo movemento, tan singular como eficaz, que marcou cambios na Galiza, como foi a “Xeración Nós” e a fundación do Partido Galeguista que, coa chegada da II República, contou con catro deputados no parlamento español. Este inventario de feitos e proveitos non foi casual, as “Irmandades da Fala” estaban dando seus froitos na apertura dun país con iniciativas para autogobernarse.

A data do 18 de maio de 1916 marca unha andaina de milleiros de vontades que lexitimaron o noso idioma, abrindo frontes para a reconstrución do país

O centenario das “Irmandades da Fala” tróuxonos un ano de plenitudes e descubertas nas que podemos valorar un punto de partida que esclarecen un traballo que fertilizou e agromou en diversos eidos da nosa nación e que hoxe son referencia e varios estudos que escudriñan o mencionado movemento das “Irmandades da Fala”. Mencionemos dous, o de Uxío-Breogán Diéguez, titulado: As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX. E o de Emilio Xosé Ínsua, titulado A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931). Ínsua é un especialista do seu conterráneo viveirense, Antón Villar Ponte, que tantas primicias nos ten dado sobre a súa figura e a súa obra.

Lamentabelmente Villar Ponte e outros membros das “Irmandades da Fala”, son bastante ignorados e esquecidos. A lousa do silencio que encobre o memorando dos que intentaron erguer patria liberada continúa ensombrecendo os grandes feitos da nosa historia e a seus protagonistas. Mais o portento de Villar Ponte continúa vivo e transcende en non poucas aportacións como as citadas. Hai un libro que recolle os artigos que el publicou en varios xornais, titulado Pensamento e Sementeira. Leiciós de Patriotismo Galego, de Ediciones Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, Instituto Argentino de Cultura Gallega, publicado en 1971 e que chegou a Galiza por contagotas, e amagado na clandestinidade. Mágoa que este libro continúe sen publicarse na Galiza. Aínda hoxe se converte en necesario polas aportacións e reivindicacións que el fixo fai cen anos, que aínda continúan en vigor.

Cando hoxe falamos de Galiza e de Portugal, da lusofonía e de concertos e actuacións recíprocas, das que debe xurdir unha ferramenta de traballo en varias materias que atinxen a galegos e portugueses, Antón Vilar Ponte falounos do Pangaleguismo, un aporte que non podemos considerar de outro tempo. Sobre este tema alertounos: “Galiza ten que considerar que Portugal, pois elo é axiomático, como o baluarte da súa independenza espritoal. Namentras Portugal exista como nazón independente, Galiza non perderá endexamais esencias dunha personalidade propia, que, esvaia ou non, sempre terá virtude xermoladora dun senso irredentista”. O Pangaleguismo de Villar Ponte é unha proposta coherente e, a máis, de referencia liberadora.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía