"O Capital" de Carlos Marx no seu 150 aniversario - 12 Xaneiro 2017
logo nosjpg


A axenda do presente ano e do 2018 marcan dous importantes eventos de destaque sobre Carlos Marx e o marxismo. Estamos no ano en que se cumpren 150 anos da primeira edición de O Capital, e no ano próximo celébrase o 200 aniversario do nacemento de Marx. Dúas efemérides que terán repercusión mundial e nas que veremos múltiples publicacións, investigacións e debates interesantes que esclarecerán moitas das claves marxistas de actualidade. Tampouco faltarán as sobresaltadas teses contrarias a Marx e o marxismo. Unhas e outras benvidas sexan ao campo das ideas. En O Capital descubrimos a barbarie capitalista empregada contra a clase proletaria e, tamén, o principio dun estudo científico sobre as fontes e o evolución da economía capitalista. Este tratado de economía e de filosofía política, editado e publicado na editora do seu compañeiro Federico Engels en 1867, veu a duplicar os fantasmas do comunismo que “percorrían Europa”, espantando aos que exercían os poderes de opresión: monarcas, príncipes, burgueses, clero e militares, como Marx e Engels comentaron na primeira edición do Manifesto do Partido Comunista (1848). Pronto a santa compaña dos poderes reaccionarios deron resposta ás accións contestatarias dos escritos de Marx, até hoxe.´dunha maneira persecutoria.

En O Capital descubrimos a barbarie capitalista empregada contra a clase proletaria e, tamén, o principio dun estudo científico sobre as fontes e o evolución da economía capitalista

Na ditadura franquista prohibiuse a circulación e venta da obra de Marx, isto espertou un gran interese pola lectura marxista a miles de persoas, que pouco ou nada del se sabía. Na miña adolescencia lía naqueles xornais de uso, nos cafés da miña vila, que evocaban a paranoia franquista como ABC, El Pueblo, Ya, entre outros, que non escatimaban en inventariar maldades e perxurios contra Marx, Engels, Lenine e Bakunine, etc. Esa persuasión malvada e interesada contra estes persoeiros foi dunha maneira constante e agresiva, provocou que eu non escatimase esforzos para procurar a ditos autores, sobre todo a Marx. Foi curioso que cando cheguei a Barcelona en 1966, percorrín librarías preguntando por escritos de Carlos Marx. Os libreiros ficaban atónitos ante a miña inxenuidade en pedirlles libros perseguidos. Uns recomendábanme que tivese coidado co que pedía e outros encamiñáronme ao mercado do libro antigo que aínda se celebra os domingos no Mercat de Sant Antoni. Un daqueles libreiros sorriu, interrogoume e envioume á Biblioteca Nacional de Catalunya. Nesta biblioteca encontrei todo o fondo editorial sobre Marx, incluso primeiras edicións. O que aínda sigo sen comprnder como alí non chegou a censura prohibindo o acceso aos lectores ou sentenciar a eses libros a un minucioso expurgo ou queima masiva. Así que o anhelado libro, chegou ás miñas maos e levei unha grande decepción, non entendía nada de tanta materia científica e numérica que me desbordaba.

Retomei a lectura mercando os dous volumes de O Capital da editorial E.D.A.F. (1967), que me costou case media mensualidade do meu salario

Anos mais tarde, nos albores das miñas actividades clandestinas en Seat (1970) e persuadido polas contradicións de clase que se daban na factoría automobilística, intentei afondar no tema da plusvalía e nas condicións do proletariado na gran industria que tiña unha organización de cariz militar. Retomei a lectura mercando os dous volumes de O Capital da editorial E.D.A.F. (1967), que me costou case media mensualidade do meu salario e serviu durante anos de lectura de cabeceira. Anos máis tarde encontreime cun dos tradutores e explicoume que fora o ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, quen autorizou a publicación, coas seguintes condicións e regras: tiña que ser editada en papel biblia e encadernada con tapas duras, isto desorbitaba o prezo, coa intención de que os obreiros non tivesen aceso a esa lectura, só os adiñeirados. Esta táctica de descualificación dun autor ou obra, parece que era habitual en Fraga na súa etapa de ministro franquista. Contoume Manuel María que Manuel Fraga lle fixo unha oferta para publicar, nunha edición de luxo, o poemario Terra Cha, mais a condición era que tiña que ser en castelán. Unha maneira de desvirtuar o idioma galego e ao poeta, colocándoo na contradición mais ousada para repeler a prédica nacionalista de Manuel María.

Os poderosos de consabidos intereses do sistema capitalista e seus secuaces, continúan esforzándose de que o marxismo xa non dá respostas aos problemas do mundo actual. Mais a lectura do que dixo Marx en O Capital, e noutras obras, líganos cos problemas que proveñen da acumulación capitalista, como elemento principal de toda desigualdade e marxinación, problemas que continúan sendo devastadores baixo o poder omnímodo que somete os propios gobernos estatais. O imperialismo como fase superior do capitalismo, mobilizando as súas fauces sobre millóns de proletarios devorados. Por tanto, este libro resúltanos vixente, despois de 150 anos da súa publicación, cando aqueles problemas do maquinismo industrial manufactureiro están presentes na actualidade, talvez con maior desproporción, pola manipulación e a ocultación sobre a miseria e outras deshumanizacións que soportan os asalariados.

Se entramos en algúns dos graves problemas que destacou Carlos Marx e que soportou o proletariado do seu tempo, detectámolos nunha inmensa maioría da clase traballadora actual. Ao sinalar: “O obreiro, como se fora unha moeda desvalorizada, xa non ten curso. Esta parte da clase obreira que a máquina converte en poboación superflua -é dicir, inútil para as necesidades momentáneas da produción capitalista- sucumbe na loita desigual da industria mecánica contra o vello taller e a manufactura”. Nesta cuestión, o salvaxismo industrial que creou e continúa creando paro, pola mecanización de postos de traballo que os desprazou, sen que isto repercuta en menos horas de traballo, Marx confirmou: “Os obreiros non soamente tiñan que sufrir os experimentos dos fabricantes e dos municipios, a falta de traballo e a redución de salarios, a penuria e a esmola, os eloxios dos lores e da Cámara dos Comúns”.

O Capital de Carlos Marx non é só un libro reservado para economistas, como algúns pretenden, nel están as orixes, o desenrolo e as contradicións do capitalismo, como clase dirixente e usurpadora da plusvalía. Realmente hai que volver a Marx se queremos interpretar as chamadas crisis de recesión, baluarte e enroque dun capitalismo bancario e financeiro cunha enorme agresividade contra a clase asalariada.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras