No centenario da morte de Eduardo Pondal - 09 Marzo 2017

Onte cumpriuse o centenario da morte do poeta Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917). O poeta e cantor dos celtas, dos bardos, dos pinos, dos castros, da vella Lusitania e reivindicador da nosa fala, finaba aquel 8 de marzo de 1917. Cen anos escurecen moitas claridades, mais o resplandor de Eduardo Pondal esclarece e ilumina inmensos portentos, de paixón e dignidade, pola normalización dunha Galiza soberana, erixida e defendida polos galegos. Eduardo Pondal foi consciente de enaltecer o propio e dignificar o noso idioma; na súa poesía a defensa da lingua é constante, e valente a súa mensaxe, como lles lembra ás mociñas da Coruña a falar a nosa lingua: “Miniñas da Cruña, / de amabre despexo, / de falas graciosas / e pasos lixeiros, / deixá de Castela / os duros acentos: / falade miniñas, / falade galego”. Pondal foi un persistente defensor da nosa fala: “Nobre e harmoniosa / fala de Breogán, / fala boa, de fortes e grandes / e grandes sin rival”. Dous apelos necesarios para comprender o compromiso do autor de Queixumes dos pinos, onde alborexa o verbo defensivo dun poeta de compromiso e combate pola fala, que vén a ser unha das credenciais identitarias con que Pondal puxo énfase na reivindicación e defensa do noso idioma.

O patricio Eduardo Pondal marcou un dos elementos precisos e necesarios do noso rexurdir e temperar de varias fases identitarias do noso país. El estivo no celme do Rexurdimento literario, ampliado na reivindicación patriótica e de clase. O Banquete de Conxo de 1856 abriu unha fronte reivindicativa, a varios niveis, cuxos protagonistas mais relevantes foron Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre. Por tanto, o Rexurdimento literario, sen dúbida, implica un novo rexurdir social e político. Eduardo Pondal con Rosalía e Curros foron considerados o alicerce dese cambio importante que se deu na segunda metade do século XIX na Galiza. Aínda que a eses sólidos tres pés do banco literario fáltalles outro moi importante escritor do rexurdir literario, como foi Valentín Lamas Carvajal, un imprescindíbel escritor e activista que podemos engadir na dinámica do noso Resurdimento.

Cen anos escurecen moitas claridades, mais o resplandor de Eduardo Pondal esclarece e ilumina inmensos portentos

O celtismo na poesía de Pondal é un dos elementos mais interesantes que el manifestou. Vén a ser unha proposta de ir as raíces fundamentais de personificar a Galiza como nación. O mito dos celtas como necesidade de reivindicar as orixes daquelas culturas prerromanas; de facer un inventario críbel para destacar a personalidade do que se quería normalizar e defender. Nesta xeira estaban Pondal, Manuel M. Murguía, Benito Vicetto e varios membros da chamada Cova Céltica da Coruña. Poetas como Pondal e historiadores como Murguía harmonizaron un tecido mítico que foi invertido no chamado rexionalismo e mais tarde no nacionalismo. O celtismo de Eduardo Pondal abrangue persoeiros e feitos prodixiosos dos supostos celtas galegos. Ese destaque dos celtas levou a Pondal a interpretacións que foron consideradas por moitos como racistas. Claro, o perfil que nos deu o grande Eduardo Pondal tomou tons racistas, como podemos observar nestes versos: “Boandanza saúde, / raza de Breogán, / teus gloriosos destinos / certo, é doce agoirar: / raza nobre, anque ruda, / forte no soportar, / a de boa estatura / e de corpo lanzal”. Os adxectivos empregados na súa poética esclarecen a intención do autor en fomentar e programar a exemplaridade de persoeiros que el personifica en fornezas e grandezas para ser imitados polos galegos. A insistencia de Pondal non deixa de ser prolífica no que respecta a este aspecto de reivindicación racial: “Raza que antigamente / ben soía levar / a brillante armadura / de fúlxido metal, / e o arco curvo e forte, / mui recio de dobrar; /e o casco que ceibaba / un resprandor igual / a aquel que ceiba tras do oscuro monte / a estrella da mañán”. Toda esta idealización, na obra de Pondal, ten tons e dons liberalizadores.

Eduardo Pondal, aquel home célibe, medico militar (que exerceu moi pouco tempo) de familia podente, un pouco misóxino e que con frecuencia escribía nun cartón con lapis de carpinteiro, admirador de Curros Enríquez, a quen lle dedicou dous poemas e quería ser enterrado ao seu lado. Mais foi o enorme poeta que aínda emite mensaxes moi concluíntes sobre o dramatismo de Galiza como nación asoballada, tomando como preferencia a súa liberdade. Autor do himno galego que todos cantamos. O único himno do mundo que comeza cunha interrogación: “¿Qué din os rumorosos / na costa verdecente, / ao raio trasparente / do prácido luar”. Unha pregunta que nos subordina a pensar na terra na que vivimos e nos prodixios combativos de Breogán, o gran tótem dos mitos celtas que nos emitiu Pondal.

Foi o enorme poeta que aínda emite mensaxes moi concluíntes sobre o dramatismo de Galiza como nación asoballada

Outra das grandezas de Eduardo Pondal foi a de estar virado cara Portugal, recoñecendo a orixinalidade do común da cultura galaico-portuguesa, a presenza celta e sueva, que Rosalía Curros e Murguía foron recorrentes en harmonizar as boas vindas coa vella Lusitania. Mais o que mais preponderou con esixencia nesta idea unionista foi Pondal, con certa pedagoxía histórica. Na poesía pondaliana temos non poucos poemas enfáticos que lembran o pasado común e, tamén, o deber de reconstruír a comunidade luso-galega. Nesta dirección é bastante preciso no seguinte poema: “Á nobre Lusitania / os brazos tende amigos, / ós eidos ben antigos / con un punxente afán; / e cumpre as vaguedades / dos teus soantes pinos, / duns máxicos destinos, / ¡oh, grei de Breogán!” Noutro dos seus poemas, o afán por ese reencontro entre lusos e galegos o levou a escribir a seguinte estrofa: “En eses acentos bravos / de fortes -e non de escravos-, / con alentos soberanos / parez que diga: -Abrazavos, / galegos e lusitanos”. É ben sabido que Pondal foi un dos poetas galegos que salientou os acentos de Camões na Galiza; estruturou moitos dos seus versos ao estilo do épico portugués. Pondal xunto co poeta Francisco Añón foron os precursores dese achegamento a Portugal. Unha idea nunca frustrada na insistencia de Pondal para crear contactos e achegos de unidade entre portugueses e galegos.

Eduardo Pondal foi un poeta que insistiu en colocarnos nun parámetro emerxente moi puntual daquel espazo político, onde Galiza comezaba a rexurdir dos silencios dunha política centralista que el enarborou a bandeira da protesta contra o centralismo. O xa mencionado Banquete de Conxo non foi unha casualidade, foi unha expresión de recorrente calado que tiña un matiz social e, sobre todo, de protesta contra os gobernos que propiciaban políticas concretas para manter a marxinación de Galiza, e outros acontecementos vindos do unitarismo españolista e militarista de Narváez, foron os que propulsaron a relevante rebeldía de Eduardo Pondal e da súa xeración á procura de esperanza e liberdade.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía