Vergoña!! - 23 Marzo 2017

Tamaña e insostíbel barulleira a que forneceron membros dunha organización política, fai poucos días -segundo a versión dos xornais e os medios televisivos-. Medios que están a expectativa de cada movemento confrontado que dan certos nacionalistas, servindo en bandexa a noticia preferente e de destaque a certos medios ben inimigos do nacionalismo, neste caso as imaxes non menten, aínda que cada un as utilice a súa propia conveniencia. Considerando eses disturbios como anomalía de algo tan grave como son as confrontacións entre camaradas ou irmáns de confluencia e destino; algo que ensombrece aínda mais o clima das indiferenzas. Mal lle vai a un país cando os que pretenden gobernalo cambian a dialéctica da palabra pola violencia dos puños. Este tipo de amotinamentos sempre tiveron consecuencias de segregación e de fertilizar insidia entre seus membros. Un reducionismo que tantos males produce na convivencia de grupo. Parece que aquelas palabras do conde de Gondomar continúan tendo vixencia: “Somos galegos e non nos entendemos”.

Mal lle vai a un país cando os que pretenden gobernalo cambian a dialéctica da palabra pola violencia dos puños

As discrepancias, en certa maneira, non deixan de ser positivas, sobre todo cando se exercen para esclarecer a verdade e definir avances e superar anquilosamentos. Tema ben diferente é cando a discrepancia arremete contra o diálogo e a convivencia, a couces, a berros e insultos. Unha vella práctica que aínda non se ten superado de certos ambientes políticos galegos. Ese infantilismo provocador que toma un carácter irracional, típico de persoas primarias, non é só unha extraordinaria carnaza para o descrédito deses imbéciles, senón para a organización á que pertencen. Eses preeminentes actores, de tétricos espectáculos e de retóricas fosilizadas, non deben ter admisión en convivios e debates, onde se discrepe con intelixencia e respecto.

Actualmente en política hai unha nova exhibición, na que podemos ver certos dirixentes  desafiando a membros da mesma camada, con xestos mímicos e xesticulacións impropias dun representante democrático. Cando se perden as formas de convivencia e un se reduce no todo vale, sacando a relucir as súas miserias e manifestando a súa precariedade intelectual. Estas prepotencias tan perniciosas, en política e en xestións comunais, teñen un grado de sectarismo que quen as propulsa manifesta a súa carencia ideolóxica.

Actualmente en política hai unha nova exhibición, na que podemos ver certos dirixentes  desafiando a membros da mesma camada, con xestos mímicos e xesticulacións impropias

Levamos anos asistindo a ese trofeo de quen é mais valente en darlle labazadas ao compañeiro na vez de corrixilo co silencio. Nestes casos, o silencio é o antídoto de pacificar belixerancias e de illar ao que produce rebumbios. Mais aquí non, dáselle tódolos ingredientes aos inimigos ideolóxicos para que espallen nos seus noticiarios o que ten sucedido, mais en aumento, por capítulos e terxiversando. Con este tipo de afeccionados á política e encristados nos partidos políticos nunca se foi a ningunha parte, a non ser ás cloacas. Utilizar o inservíbel ten as súas consecuencias de descrédito por parte de quen os tolera. E todo isto débese a falta dunha ideoloxía, que debe ser o motor de toda convivencia e de ordenar, sistematicamente, diálogo e, tamén, tolerar discrepancias. O demais é vergoña! 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía